Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (1)

Escrito por Fcarballo 19-05-2019 en libros. Comentarios (0)

En setembro de 2003, o escritor e psicólogo Abel Yebra Faba -orixinario de Valtuille de Abajo (O Bierzo)- remataba de peneirar a fondo o libro que Xan Carballa e nós mesmos tiñamos feito co presbítero ilustrado de Maceda e que saíra publicado o ano anterior. Fixérao para o boletín informativo –bimestral- do grupo Yuca, abandeirado por ex paúles e con sede en Hortaleza (Madrid). Sairía imprentado en 6 achegas ao longo do ano 2004. Elaborado dende unha óptica allea ao contexto galego, imos recuperar esa aproximación crítica en, como mínimo, o dobre de achegas na bitácora, para que resulte atractivo a quen nos siga. Preferencia aspectos relixiosos do libro sobre outras fasquías (ao tratarse dunha revista na órbita dos paúles de ámbito estatal). Identifícanos Yebra aos dous como xornalistas aínda que só Xan se axusta a ese perfil...

Co título “Conversas con Francisco Carballo. Resumo e crítica” comeza Abel Yebra cun primeiro apartado: 1. O Libro: “Dous xornalistas galegos, Santiago Prol e Xan Carballa, despois de numerosas reunións de traballo co protagonista, elaboraron este libro que titulan, con xusteza, “Conversas con Francisco Carballo”, Ed. ANT, Vigo, abril, 2002. É un entramado de reflexións engarzadas en preguntas guía e respostas coloquiais. O resultado é este libro de algo máis de 200 páxinas, exposto cun estilo xornalístico, áxil e dinámico, que fai máis doada e amena a a súa lectura. Arredor da biografía de Francisco Carballo, exponse o seu pensamento sobre cuestións de actualidade relixiosa e socio-política. O libro está estruturado en cinco capítulos: 1) Maceda, os primeiros anos. 2) Relixión. A inculturación da fe. 3) A docencia. Fronte ao pensamento único. 4) O nacionalismo, a conciencia de País. 5) A Historia. Contra a manipulación da memoria. Neste resumo seguirei un índice máis temático, posto que no desenvolvemento do texto mestúranse algunhas cuestións. 2. Francisco Carballo. 2.1 Biografía básica. 1925.- Nace no lugar de Celeirón (cerca de Maceda). 1949.- Ordenado sacerdote paúl. 1950-51.- Estancia en Londres. 1952-55.- Profesor no Filosofado de Hortaleza. Licenciado en Historia pola Universidade Complutense. 1956-57.- Misioneiro interior. 1958-65.- Director do Colexio de Barakaldo (Biscaia).1966-72.- Reitor  do Teologado de Salamanca. 1973-90.- Profesor na Escola de Maxisterio en Vigo e logo do Instituto Politécnico en Pontevedra. 1990.- Xubílase. Superior da Comunidade de Paúles de Marín (Pontevedra)” (...).

N.B.- A foto de Abel Yebra Faba tirámola de www.diariodeleon.es


HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (e 7)

Escrito por Fcarballo 17-05-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Remata a crónica nas páxinas d’ANT (núm. 731), imprentando o texto consensuado na redacción do semanario que se leu na presentación da homenaxe e que levaba un título cunha simbólica carga de profundidade histórica: Saúdo ao irmán Carballo. Recuperámolo na súa integridade, pois fai unha radiografía moi fidedigna do que representa para o xornalismo deste País en clave nosa: “Francisco Carballo é parte da historia de nós. Membro fundador de A Nosa Terra na etapa que recomezaba en 1977. Carballo inauguraba un estilo que nos contaxiou a todos os que traballamos ao seu carón: saber que a fortaleza dun proxecto arraiza con forza e se mantén a unidade e se afinca no traballo colectivo. El representaba á xeración que, traspasando a negra etapa da Ditadura militar, nos collía da man co pasado heroico de Alexandre Bóveda, Castelao, Blanco Torres, Alonso Ríos, Benigno Álvarez, María Miramontes ou Luís Seoane, e todas as mulleres e homes dos que aquel machadazo de 1936, hai agora 60 anos, nos quería privar pra sempre. Persoas como Francisco Carballo fixérono imposíbel. Caneando o tempo, soubo transmitirnos a historias dende o mesmo pé. O Carballo fainos sentir orgullo de construír unha nación. A súa sombra acóuganos, gabeando as súas ponlas albiscamos o futuro. E danos sempre, en toda canta actividade andou levedando co seu entusiasmo, sempre nobre e co sorriso no bico, a seguridade de seguir pra adiante.

A Nosa Terra naceu como xornal en 1907. Pasados dez anos era a cabeceira das Irmandades da Fala de Antón Vilar Ponte; máis tarde, xa bandeira do Partido Galeguista, é dirixido e materializado por dous herois: Ánxel Casal e Víctor Casas. Despois o colo do exilio e a emigración mantivo acesa a cabeceira en Bos Aires até que regresa a Galiza. Todos os que fixeron realidade este proxecto de información chamábanse entre si de Irmáns. Porque dicir loita é dicir amor, dicir liberdade é dicir Galiza, é dicir Francisco Carballo. En nome de todos os presentes: beizón, irmán!”  

N.B.- A primeira -e iconográfica- imaxe é da autoría de Xan Carballa. Nela aparece Francisco Carballo na rúa Príncipe de Vigo, onde o xornal nacionalista tivera a súa sede dende os anos 80 até o 2010. A segunda amosa unha portada histórica d´ANT, en decembro de 1916, cando era a cabeceira das Irmandades da Fala. 

HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (6)

Escrito por Fcarballo 27-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Nos seguintes parágrafos engade o relator d´ANT que pechou o acto o propio Francisco Carballo, que se presentou coma un mestre que non quixo constreñirse á cátedra [e que mesmo apostou en clave nosa co enorme potencial humano que traballa arreo a prol do Noso País]: “Fun durante máis de 40 anos profesor, exercín como crego e dentro da Universidade Complutense de Madrid, pero destináronme como profesor e recibín unha gratificación grande nese oficio. Os medios de comunicación fan un grande papel, pero os educadores, e eiquí hai moitos, teñen unha función moi importante. Fun durante moitos anos unha persoa que me din conta de que había que participar en movementos de acción social, sindicais e políticos. Penso que hai que ser tecnicamente bos docentes, pero debemos unirlle a acción social. O Noso País precisa ilustración, formación, maduración, confianza en si mesmo. E iso non só se fai a través da escola, senón na participación nos debates da sociedade. Fun un participante casual no proxecto que chamamos A Nosa Terra. A través dun telefonazo vinme nunha notaría para fundar un órgano de prensa  e alí naceu un semanario. Quedariades asombrados se contase a historia polo miúdo [peneiraremos esta fasquía noutra achega]. Porque naceu cunhas enerxías que desafiaban as regras da natureza e destinábano a converterse nun bonsai. Pero o traballo de moita xente durante anos, no que me vin envolto, conseguiu sacar adiante este proxecto que tanto significa hoxe no Noso País. Eiquí aprendín moitísimo. Eu fora educado na época franquista, na xeira dos seminarios, nunha Complutense que nos anos 50 era un cuartel de 2ª categoría. A través destas iniciativas eduqueime na democracia, no traballo colectivo, na actividade cultural, e síntome satisfeito do que fixen. Agora confío en vós, porque esta é unha obra de todos. Moitos xa sodes accionistas, pero hai que comunicar, hai que escribir, porque esta é unha obra importante que o Noso País precisa. Aos que fixeron esta homenaxe, á que eu era reticente, en vista da vosa simpatía e solidariedade, síntome agradecido e brindo pola amizade. ¿Como unha nación con esta xente non vai ir adiante? Beizón a todos e sigamos con paso firme, porque temos todo o futuro por diante.” 

N.B.- A imaxe de Francisco Carballo, na súa intervención de reflexión e agradecemento ao remate da cea no restaurante El Castillo, no Monte do Castro en Vigo [hoxe desaparecido], foi tirada polo reporteiro gráfico Anxo Iglesias (fonte: ANT, núm. 731).

HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (5)

Escrito por Fcarballo 22-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Engaden logo no núm. 731 d´ANT: “Fixo uso da palabra en nome do Consello Nacional do BNG, Lois Pérez Castrillo. O concelleiro nacionalista [sería alcalde de Vigo dende 1999 até o 2003 e -20 anos antes-  alumno de Francisco Carballo na Escola de Maxisterio] lembrou “que el nos ensinou a todos que as organizacións de todo tipo fanse dende abaixo e co esforzo de todos, sen protagonismos, como mellor garantía de futuro. O nacionalismo galego sempre terá que agradecerche a túa entrega, en tempos en que ademais non era a opción política que parecía ter máis futuro”. Alberte Ansede pola Asociación Sociopedagóxica Galega [AS-PG], fíxolle entrega dun agasallo que consistía nun debuxo de Xaquín Marín. Despois Xan Hermida, en nome da Asociación Cultural de Vigo, da que foi presidente Francisco Carballo máis de sete anos, lembrou o seu inxente traballo de divulgación e impulso de iniciativas de base, “sen dicirlle nunca a nada que non, e sabendo facer a síntese das opinións discrepantes”.

En nome da Asociación de Escritores en Lingua Galega [AELG] interviu Manuel María e leuse un  poema de Lois Dieguez, feito cando o homenaxeado foi procesado polo manual Historia de Galicia editado pola Fronte Cultural da AN-PG en 1979, “Louvado e esgrevio patriota / de pluma ben medida, que non trema / cronista do povo / que te chama en cada feito / pra mostrarche o seu sangue derramado: / hai unha estrela espetada en cada peito, / un xardín ofrecido en cada man, / un sorriso, unha pomba e unha espada / que sempre guiarán o teu anseio”. Cesáreo Sánchez Iglesias [daquela presidente de Promocións Culturais Galegas e hogano presidente da AELG], fixo unha loa da actividade de Francisco Carballo, “grazas a persoas da túa integridade moral, grazas a referentes coma ti, podemos celebrar que a colleita sexa abondosa e que a semente do futuro agrome xa dende o máis profundo da Nosa Patria” (...). 


HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (4)

Escrito por Fcarballo 17-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Seguimos coa crónica do semanario: “A homenaxe promovida por A Nosa Terra á figura de Francisco Carballo, un dos fundadores da empresa editora e artífice principal na continuidade do proxecto durante case dúas décadas, xuntou ao seu redor a varios centos de persoas, tanto na mesa redonda como na cea posterior. Na redacción do periódico recibíranse unha manchea de mensaxes de felicitación de organizacións e de persoas que non podían asistir, pero que querían deixar a súa testemuña, algunhas das cales foron lidas durante o acto da noite. Foron lidas mensaxes dunha manchea de organismos de base do Bloque Nacionalista Galego (BNG), organización política na que Carballo tivo sempre unha participación moi intensa, sendo candidato en diversos procesos electorais polas circunscricións de Ourense e Pontevedra... Interviron representantes de organizacións vencelladas á biografía de Carballo. Abriu a rolda, en nome dos traballadores do semanario, Afonso Eiré, que lembrou a anécdota da chegada a Vigo da empresa, despois dunha importante crise económica: “Carballo dicíame que el non vía claro o futuro, pero como tiñamos tanta ilusión, non ía botarse el atrás. Así é Carballo: un home bo”.

Recibíronse pronunciamentos de concellos (Allariz, Cangas, As Pontes e Vilar de Santos) e, en persoa, trouxeron o seu saúdo os alcaldes de Fene, Corcubión, Moaña e Bueu, intervindo o ex alcalde de Maceda, o nacionalista Bieito Seara, que lembrou como estivera na idea inicial da homenaxe, celebrala no propio concello natal de Francisco Carballo: “Non puido ser polas circunstancias que atravesou o goberno municipal” [léase por mor da -exitosa e vomitiva- moción de censura pactada (nas cúpulas provinciais e coa conivencia de "outros poderes" aínda máis arriba) entre o PP e o PSOE para expulsar ao rexedor nacionalista de Maceda da alcaldía]. Logo engadiu Bieito Seara: “Pero xa a biblioteca pública de Maceda leva o teu nome”, dirixíndose a un Carballo que logrou conter a emoción durante toda a noite”. Na próxima achega exhumaremos as intervencións de Manuel María, Lois Pérez Castrillo, Alberte Ansede, Xan Hermida...

N.B.- A primeira imaxe tirámola do núm. 731 do semanario ANT, a de Afonso Eiré de www.elpais.com e a de Bieito Seara de www.laopinioncoruna.es