Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (5)

Escrito por Fcarballo 07-07-2019 en libros. Comentarios (0)

Titula Abel Yebra o apartado 3 “O seu pensamento”. Comeza co 3.1 “A transformación de Francisco Carballo”. Logo aporta: “Cando Carballo era reitor do Teologado de Salamanca, tivo a oportunidade de formar parte do “Grupo dos Sete”. "Os Sete" eran paúles que se xuntaban todos os anos en Roma pra analizar as inquedanzas, tendencias e aspiracións dos membros da Congregación nos distintos países nos que operaban. Todo isto, di, “serviume pra modificar a estrutura mental na que fora educado e evolucionar cara outra, bíblica e moderna. Cando vexo a outros clérigos e laicos que nin len os documentos do Vaticano II, nin se atreven a saír da escolástica, doume conta da dificultade e da facilidade que proporciona a saída de tal reduto ahistórico e a posesión dunha hermenéutica histórica de liberación. Axudoume nesta transformación o feito de poder sumar as sinerxias de todos os saberes que tes, científicos, filosóficos e, sobre todo, históricos”.  

N.B.- As imaxes de Roma tirámolas de www.101viajes.com. E o mapa do Trastévere romano, polo que paseaba Carballo cada vez que ía a Roma e que tanto lle gorentaba de: www.blog-italia.com

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (4)

Escrito por Fcarballo 04-07-2019 en libros. Comentarios (0)

No número 37 da revista Yuca, publicado no boletín de marzo-abril de 2004, Abel Yebra engade con verbas do propio Carballo: “Certamente, na comunidade de Paúles de Vigo, adoptamos posicións de fronteira, aínda que buscando boas relacións cos dirixentes da Congregación e da Diocese; e tivemos tensións, como tamén as tivemos co poder civil... Queríamos que a Congregación dos Paúles e o clero desen pasos cara un cristianismo moderno. Mesmo pretendemos, nalgún intre, organizarnos como colectivo independente”. Logo engade Yebra da súa colleita: “Francisco Carballo foi un loitador por aquilo que cría xusto e necesario. Como intelectual, captaron o seu interese as matemáticas, a historia e a teoloxía. Foi profesor dende os 24 até os 65 anos [41 cursos]. Dirixiu centros de ensino, asociacións e até unha empresa editorial. Sempre ao servizo dos máis necesitados: “Cando observo persoas que buscan acaparar bens a costa doutros, percibo a inxustiza e lamento coñecelas... Son galego de nación; cristián por convicción... Amo a miña Patria, Galiza; ao seu mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e de Blanco Amor; á liberdade da estirpe que di X. L. Méndez Ferrín; á espranza da liberdade dun pobo enaltecido por Rosalía e por Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare”. Remata Yebra a primeira parte desta segunda achega: “Na actualidade Francisco Carballo está xubilado e séntese retirado; mesmo olla rematado o seu ciclo. Acubíllase na súa cova de retiro espiritual e na súa fe cristiá: “Agardo a hora da verdade, a hora de volver”.  

N.B.- Na foto -xa comentada na achega anterior- [autoría de Xan Carballa] aparece o presbítero ilustrado de Maceda e o seu amigo, o escritor X. L. Méndez Ferrín, co que mantivo fraterna amizade dende a súa chegada a Vigo en 1973.

PIONEIRO A PROL DA VINDICACIÓN DA NOSA LINGUA

Escrito por Fcarballo 23-06-2019 en documentos. Comentarios (0)

No libro de Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) aparecen -nas páxinas 172 e 173- varios documentos gráficos nos amosamos a Francisco Carballo participando activamente nas campañas a prol da galeguización da toponimia en galego e tamén na Primeira Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galegas e abandeirada pola Asociación Cultural de Vigo, que presidía naquela altura (comezos dos anos 80) o presbítero ilustrado de Maceda. Remésanos agora Xan Carballa outras fotos da mesma xeira nas que podemos ver a Francisco Carballo con Xosé Luís Méndez Ferrín como pioneiros do que hogano son os Correlingua, que se veñen celebrando todos os anos ao abeiro da data das Letras Galegas. No primeiro documento gráfico que nos pasa Xan (autor de todas elas), ollamos a Francisco Carballo lendo o manifesto que caligrafara o escritor Millán Picouto. Na segunda aparece Méndez Ferrín detrás de Carballo moi perto do que hoxe é a Fundación Penzol en Vigo e, na terceira, xa co testemuño en mans de Ferrín, comezando a Carreira Popular en Defensa do Idioma Galego, dirixíndose cara a rúa Príncipe de Vigo. O noso agradecemento a Xan Carballa por pasarnos estes documentos que fornecen a bitácora e que dignifican -aínda máis- ao Carballo sempre comprometido coas causas nobres de Galiza... Agora que, por fin, a RAG lle vai dedicar as Letras Galegas ao outro Carvalho (Calero), nós seguimos traballando para que -na altura de 2025- teñan a ben ir pensando -dende a rúa Tabernas da Coruña- no outro Carballo (Francisco), para que acade ese recoñecemento polos servizos prestados ao Noso País. Beizón! 

N.B.- Autoría das tres fotos: Xan Carballa.

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (3)

Escrito por Fcarballo 15-06-2019 en libros. Comentarios (0)

No apartado 2.3 A persoa de Francisco Carballo, o crítico Abel Yebra engade -de xeito sintético e moi aqueloutrado- que o presbítero ilustrado de Maceda “é o neno que nace no lugar de Celeirón [parroquia de Asadur, concello de Maceda e bispado de Ourense], que se pon a estudar seguindo os pasos do seu tío paúl, até ordenarse aos 24 anos. É o xoven soñador que, engaiolado pola vida do paúl mártir Perboyre, solicita irse de misioneiro á India. É o inquedo intelectual que gusta de profundar nas matemáticas e completa os seus estudos licenciándose en Historia. É o xoven misioneiro de interior, que rexeita impartir as tremebundas e apocalípticas predicacións das verdades eternas e se atén ao ensino catequético e ao da doutrina social. É o ousado clérigo que comulga cos outros curas independentistas vascos. É o intrépido reitor que se emprega a fondo pra poñer en marcha no teologado de Salamanca, contra vento e marea, a reforma do Vaticano II. É o cura comprometido que se afana por inculturar á Igrexa nos redutos do esquecido pobo galego. É o cidadán soñador que se une ao Bloque Nacionalista Galego [BNG] e se manifesta na rúa pola igualdade, a independencia galega e o emprego do idioma galego tamén nas igrexas. ¿É un revolucionario? Nun intre avanzado do libro, son os propios autores [Santiago Prol e Xan Carballa] quen lle preguntan senón será unha ovella descarreirada. Entón Francisco Carballo dóese á vez que confesa: “Criticáronme por apoiar ao BNG, por ser amigo dos obreiros, por vivir nun piso como se fose un currante...”  


O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (2)

Escrito por Fcarballo 30-05-2019 en libros. Comentarios (0)

Seguimos coa primeira achega de Yuca, que aparecera no número de xaneiro/febreiro de 2004. Céntrase Abel Yebra desta volta na formación do presbítero ilustrado de Maceda: “Francisco Carballo é un gran lector, polo que, ademais da cultura humanística da carreira sacerdotal e do coñecemento das principais linguas modernas, posúe unha sólida formación nos campos teolóxicos, filosóficos, históricos e sociolóxicos. No ámbito da teoloxía é un cura postconciliar. Estuda os exéxetas bíblicos e dá o paso da escolástica tradicional aos teólogos modernos. Afonda as súas raíces teolóxicas en Rahner, Hans Küng, G. Faus, Castillo, Estrada, Torres Queiruga, etc., e nas ideas de Sobrino de J. L. Segundo, de Leonardo Boff, da Teoloxía da Liberación... No campo da filosofía, Francisco Carballo pensa que será posíbel crear unha alternativa seria de igualdade e de paz, baseándose nos pensamentos filosóficos de Karl Marx e dos seus continuadores: “Para min a mellor formulación de todos isto é a da Escola de Frankfurt, de Adorno, de Marcuse, como pensamento filosófico político co que debe dialogar o cristianismo. Na elaboración da miña cosmovisión, servíronme os historiadores analíticos, os pensadores referenciados da Escola de Frankfurt, máis Habermas, Freud e postfreudiáns como Erich Fromn”. A formación histórica de Francisco Carballo non procede tanto da súa licenciatura na Complutense de Madrid, senón que a forneceu nas súas estancias en Londres, París e Roma. Na Sorbona, M. Seguin e Alain Touraine ábrenlle as portas da súa inclinación cara a socioloxía histórica. En canto á súa formación política, di. “Politicamente nacín nos anos 60, no antifranquismo, na loita contra a ditadura. Na conciencia de que o franquismo era un sistema de represión que ía contra o humanismo; contra os dereitos humanos. Entón había que buscar unha democracia, unha democracia de esquerdas, non burguesa, de tipo socialista” (...). 

N.B.- A imaxe tirámola de www.es.slideshare.net