Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

O COLEXIO DOS MILAGRES (e 3)

Escrito por Fcarballo 21-05-2017 en conversas. Comentarios (0)

 

“¿Na práctica, cal era o proxecto que se propuña nos Milagres? Galeguización do ensino; fomento da lectura cunha das bibliotecas en galego mellor dotadas do País; clases de Lingua, Historia, Xeografía e Literatura galegas que estaban prohibidas no horario oficial; recuperación e aprendizaxe de instrumentos musicais galegos; comunicación e apoio ás reivindicacións da contorna; apertura... Estaban ao día (escoitábase o vinilo aquel de Luís Emilio Batallán -Aí ven o Maio- nos recreos pola megafonía; subscribíranse ás revistas que comezaban a saír en galego, pululaban os voceiros clandestinos do nacionalismo polas aulas...). 

En Ourense e en Galiza, en xeral, este programa do Vaticano II chocaba coa maioría. Alí nos Milagres houbo o intento de artellar as Primeiras Xornadas do Ensino (aínda que abortadas pola garda civil e a policía ao  comezar por orde gubernamental). O movemento de inculturación, de defensa do galego, de apertura, de democracia, estaba ligado a este fenómeno relixioso. Alí había profesores que logo foron e son cadros moi relevantes do nacionalismo e un bo feixe de alumnos que hogano teñen proxección social no Noso País”. 

 


(Na primeira foto do xornal La Región, aparecen Francisco Carballo e Emilio Graña, o 17 de maio de 2001, nunha charla impartida polo primeiro en Ourense sobre a vida, obra e personalidade do cardeal Quiroga Palacios que tamén era orixinario de Maceda. Na segunda de www.todocoleccion.net, ollamos unha panorámica do colexio dos Milagres do Monte Medo). Para fechar este subcapítulo, achegamos o enlace do LP de Luís Emilio Batallán, que se escoitaba -dende que saíra en 1975- nos recreos pola megafonía exterior e interior (por iniciativa do padre Peleteiro, un dos grandes impulsores da galeguización do ensino nos Milagres). Este disco foi un dos máis vendidos da discografía en galego en toda a súa historia:

Escoita o disco - Enlace LP completo

O COLEXIO DOS MILAGRES (2)

Escrito por Fcarballo 20-05-2017 en conversas. Comentarios (0)

¿Existían daquela moitos conflictos dese estilo? Existían. si. Nese intervín eu porque se acudiu ao Superior Xeral dos Paúles. Eu persoalmente escribinlle unha carta, desprazouse dende Roma e veu falar comigo a Vigo. Estaba moi nervioso. Díxome: non podo tomar outra decisión porque a comunidade está en contra e o Provincial tamén. Eu ao Graña doulle todo o que queira; que pida as casas que queira, pero ten que saír dos Milagres. Enfocaba o problema xuridicamente. Non era ese o camiño; había que optar por liñas pastorais.

¿A orde foi expulsión de Graña e dos outros catro? Os outros votaron en contra daquela alternativa do colexio. Baixo o seu criterio non podían seguir por aquel camiño. Como eles se negaron, o Provincial púxolle o que se chama tecnicamente monitum (acatar obediencia). O Superior Xeral pediulle a Graña por favor que obedecese, que saíse de alí. E foise. Os outros, Peleteiro, Fierro, Nieto e Odilo, solidariamente tamén. Noutras comunidades pasou algo parecido sen chegar a ese extremo. Normalmente os avanzados, os aperturistas, marchan (...)"

(As fotos de www.vozdegalicia.es -a primeira- e de www.farodevigo.es -a segunda-, son da homenaxe que ex alumnos lle tributaron no mesmo colexio dos Milagres o 1 de agosto de 2015, ao Graña e aos que se foran con el. Participou A Quenlla, houbo outras actuacións musicais, poéticas e teatrais e un xantar de confraternidade).

O COLEXIO DOS MILAGRES (1)

Escrito por Fcarballo 18-05-2017 en conversas. Comentarios (0)

No libro de Conversas (ANT, 2002) preguntámoslle se seguira de cerca o fenómeno que xermolara nos anos 70, no Colexio dos Milagres (Monte Medo), como intento de transformación do ensino, que tivera relevancia e que transcendera do ámbito da contorna de Maceda. Francisco Carballo contestounos:

“Empezou coa década e desembocou en 1978. Eu fun para Vigo no 1973 e desde ese ano seguín o proceso. Estaba no equipo de goberno dos PP Paúles, no que era conselleiro primeiro. Nos Paúles existe unha persoa que chamamos Visitador Provincial e un consello. Eu estaba completamente no allo de todo. Ese conflicto é fundamental na Igrexa hoxe. É unha anécdota histórica de algo que se repetiu en moitos sitios con máis ou menos dureza. Nos Milagres queríase un centro de ensino na órbita do Vaticano II, na órbita dunha Igrexa inculturadora, comprometida co social e co cultural do Noso País, de defensa dos máis débiles, de loita contra a pobreza. Nesa liña ía o colexio. O combate foi triple. Primeiro, por parte do bispo; segundo, por parte das autoridades internas (os Provinciais) e terceiro, por parte da propia comunidade. O bispo ameazou, pediu que eliminasen de alí ao líder daquel movemento que era o crego Emilio Graña. Como dentro da congregación non estaban dispostos a aceptar que o bispo se inmiscuíse, entón o Provincial tomou as rédeas para eliminar a Graña. Como a comunidade ten o dereito e a obriga de defender os seus membros, apelouse á comunidade. Na votación pronunciáronse seis en contra e catro a favor. Entón dende o poder díxose que, como a maioría o demandaba, había que destinalo fóra. Marcharon con el os que o apoiaban (...)”. 

(A primeira foto de www.laregion.es, corresponde á homenaxe que ex alumnos tiveron a ben facerlle o 1 de agosto de 2015-,aos que se foran co Graña. A segunda é da autoría do laureado reporteiro gráfico de Maceda, Xoel Gómez). Recentemente (13 de maio de 2017) o Concello de Parada do Sil fíxolle unha homenaxe a Emilio Graña, na que proxectaron un moi logrado vídeo de Luís Baños.

Ver vídeo

XA SOMOS MÁIS

Escrito por Fcarballo 12-05-2017 en Novas. Comentarios (0)

O 29 de novembro  de 2016, tivemos xuntanza do grupo matricial que conformamos a Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC). Ademais de Santiago Prol, Celso Sánchez, Xabier Oviedo, Bieito Seara e Milagros Calvo Carballo, contamos formalmente xa cun bo feixe de socios, aos que tivemos a ben dar de alta. 

Eis os nomes dos amigos: Xan Carballa Alonso, Afonso Eiré López, Olaia Fernández Davila, Francisco Nóvoa Rodríguez, Antón Fernández Álvarez, Antón Gómez González, Bieito Peleteiro Rodríguez, Cesáreo Borrajo García, Fernando Cuñarro Pintos, Lucía Santos Omil, Luis Alfonso Vázquez Fernández, Manolo Peleteiro Rodríguez, Manuel Conde Gómez, María Esther Crespo Iglesias, Marina Pérez Costas, Mercedes Otero Rodríguez, Xulio Gómez Rodríguez, Xulio Xosé Conde Blanco...  

Sabemos que moitos máis amigos de Francisco Carballo se irán sumando a esta fermosa iniciativa que só ten un norte: vindicar o seu legado, manter viva a súa memoria e aceso o seu compromiso a tempo completo na dignificación do Noso País. O presbítero ilustrado de Maceda puido ser bispo e seguir carreira eclesiástica. Mesmo chegar até onde chegou outro macedán sobranceiro, como foi o cardeal Quiroga Palacios ao que coñeceu e tratou en vida. Optou por Galiza con todas as consecuencias. Este País ten unha débeda con Francisco Carballo que nós debemos vulgarizar até que sexa reparada.

(Nas fotos aparecen algúns amigos de Francisco Carballo no 2º Roteiro que fixemos por Vigo, Marín e Pontevedra en 2016).

X PREMIO GALIZA MÁRTIR (2015)

Escrito por Fcarballo 04-05-2017 en premios. Comentarios (0)

Na bitácora www.irimegos.wordpress.com [da Asociación Irimia á que pertenceu o presbítero ilustrado de Maceda], ollamos unha apaixoada achega de Engracia Vidal, co gallo da vindicación anual a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir (17 de agosto) en Poio e Pontevedra.  No tradicional xantar organizado pola Fundación Alexandre Bóveda, fíxose entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo (2015). Eis parte da intervención da historiadora e teóloga -amiga persoal del- que sempre loitou pola fe e a galeguidade dende a súa condición de muller comprometida: 

“Un ano máis, xuntámonos para celebrar a VIDA de Alexandre Bóveda (...). Hoxe traemos algo novo. Neste mesmo acto Pontevedra  quérelle render homenaxe tamén a Francisco Carballo. Seguramente que todos os presentes estivemos con el en Salamanca, Maceda, Vigo, Marín, Santiago, A Coruña, onde puidemos  lembrar e agradecer a súa vida, a súa fidelidade a Deus,  a Galiza e a todas as mulleres e homes cos que compartiu os seus 89 anos de vida. No Deus en quen Paco e Alexandre creron, cabemos todos nós, aínda que non teñamos a fe e as obras que eles tiveron.

Estou convencida da súa ledicia por se veren aquí, xuntos, recordados por nós e celebrando moito do que ambos os dous compartiron: a súa terra ourensá, que os recibiu e os ensinou a falar; Pontevedra, a onde chegaron da man do seu traballo; a súa paixón por Galiza, na que gastaron a vida; a súa fe, que os fortaleceu ata a morte, aceptando un a excesiva brevidade e a violencia, e outro, pola contra, unha longa etapa que incluíu tamén a dureza e limitación da enfermidade (...) E, aínda máis, Carballo foi estudoso de Bóveda.  Lendo os seus escritos percibimos a admiración que espertaba nel e a sintonía co seu pensamento. Bóveda nacera 22 anos antes. Pero compartiron en diferentes idades as dificultades da escaseza económica, a inestabilidade política e a persecución relixiosa. Todo acabou na inxustiza da súa morte.

Co tempo, Carballo viviu a “persecución” polos dous lados. Sufriu do réxime civil e tamén do eclesiástico porque non sempre foron comprendidas as súas opcións políticas e sociais. Pero non o derrubaron. E seguiu adiante coa súa fe comprometida na causa política en todo aquilo que a el lle parecía identificado coa causa evanxélica. Se hai que seguir a Xesús na loita pola liberación da pobreza, haberá que asumir as consecuencias… E se hai que “obedecer a Deus antes ca ós homes”, -principio evanxélico-, “os pobres” teñen que ser sempre os primeiros… tamén principio evanxélico… (...) Na vida de Carballo podemos ver a realización que moitos poetas soñaron e cantaron. Unha vida longa entregada a Deus, á xuventude, a toda persoa que se achegaba a el, ao pobo, anhelando aquilo que o puider facer máis libre, máis galego e de máis proveito para a HUMANIDADE”.

(Na primeira foto aparece a viúva de Alexandre Bóveda (Amalia Álvarez Gallego) e un familiar na anual ofrenda floral perante o monumento da Caeira. A segunda -de www.farodevigo.es-, amosa un primeiro plano de Engracia Vidal,  persoa comprometida coa inculturación da Igrexa galega, amiga persoal de F. Carballo e alma da publicación Encrucillada).