Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

3º ROTEIRO. BARAKALDO (5)

Escrito por Fcarballo 10-06-2017 en roteiros. Comentarios (0)

“No ano 1963 saíu o meu primeiro libro, O Santuario do Monte Medo [ao que lle meteremos o dente en novas achegas]. Ao pouco un folletiño, Espíritu misionero de la constitución litúrgica (1965). Era a primeira referencia miña ao Vaticano II (...). No 1963, a morte da miña nai, 20/XI/63. Despraceime dende Barakaldo e asistín algúns días na súa enfermidade, o que ela agradecía sen límite. Lía o meu libriño [sobre Os Milagres do Monte Medo] e acariñábao como a un fillo meu. A morte dos pais para un célibe é máis amarga que para os que teñen familia propia: quedas practicamente sen familia (...). O 22 de novembro daquel 1963 foi o enterro da miña nai en Asadur (Maceda). Extraordinaria presenza de veciños, familiares, amigos. Algo rompeu dentro de min (...). Dende entón certa soidade inda é maior e a familia máis lonxana (...).

Nos anos de Barakaldo madurei un pouco; maduración que non ía acadar até os anos 80 [xa en Galiza]. O exceso de activismo obstaculizou esa maduración. Non me sentía realizado nin na comunidade, nin na profesionalidade. Seguía a soñar con outros quefaceres: houbera preferido estar de misioneiro na India ou de escritor nun centro de investigación. O que tiña era confuso e pouco significativo. O Diario ofrece unha maior paz e satisfacción vital nos anos 1962/65. Empezaba a aceptarme a min mesmo(...)”.

(Na primeira foto ollamos un monumento vencellado coa metalurxia no centro de Barakaldo. Na segunda e terceira, referencias ao Athletic Club de Bilbao en Barakaldo -a primeira na cristaleira dunha cafetería (con vínculos galegos) e a segunha nuns soportais da rúa Gernikako Arbola-. O fenómeno do Athletic xa se vivía na xeira de Francisco Carballo alí. El non foi alleo a aquel movemento sociolóxico. Mesmo tivo simpatía por este clube vasco toda a súa vida (tamén polo Celta de Vigo). En 1965 xa despuntaba José Ángel Iribar Kortajarena e unha plantilla mítica. A xente berraba:"Iribar, Iribar es cojonudo, como Iribar no hay ninguno". Cando xoga o Athletic, engalanan pobos, vilas e cidades de todo Biskaia e moitos siareiros -nenos incluídos- van coa camiseta vermella e branca polas rúas, prazas, bares e cafeterías.

O Colexio San Vicente de Paúl fixo un vídeo en 2015 de apoio explícito ao Athletic Club de Bilbao.

Ver vídeo

3º ROTEIRO. BARAKALDO (4)

Escrito por Fcarballo 03-06-2017 en roteiros. Comentarios (0)

“Comezaba o abandono da sotana, a participación maior na vida civil, nos espectáculos. A televisión contaba na distribución horaria e ía contribuír a cambios máis sutís. Foron tres anos innovadores e, relativamente satisfactorios. Unha actividade tan plural e absorvente que empezaba a fatigarme. Había consenso na renovación dos meus cargos [superior e director], mais eu prefería reducir as competencias. Contra todos os pronósticos meus e dos compañeiros, sen pensalo, aos 40 anos, vinme abocado a un novo modo de vida: recibín o nomeamento de rector  do teologado San Vicente de Paúl de Salamanca (...).

 

Ao chegar a este intre das Memorias, releo o Diario dos anos anteriores, que inda conservo. Comeza en 1961. O referente aos vinte anos anteriores destruíno. Agora laméntoo. Atopo no Diario dos anos anteriores a 1962 un cheiro desagradábel; está en español até 1973 e xa me sona raro (...). En 1962, mes de setembro, saín do piso para vivir no colexio de Beruko. En 1963, 22 de novembro, enterro da miña nai en Asadur. Extraordinaria presenza de veciños, familiares, amigos (...).  ”

 (Na primeira foto aparece o patio do colexio dos Paúles de Barakaldo. Na segunda o seu logotipo e na terceira ollamos a Ponte Colgante -Bizkaiko Zubia- (Getxo), construída entre 1887 e 1893. Hogano un dos símbolos do Gran Bilbao, que mesmo se acha perto de Barakaldo e xungue as dúas marxes da ría. Foi declarado Patrimonio da Humanidade en 2006).

 

3º ROTEIRO. BARAKALDO (3)

Escrito por Fcarballo 31-05-2017 en roteiros. Comentarios (0)

“Neste trienio (1962-65) como director do colexio dos Paúles de Barakaldo, a Igrexa púxose en concilio; o Vaticano II. Coa excepción dun profesor que logo marchou para completar estudos en Trier [Tréveris, Alemaña], os restantes, de 25 a 35 anos, procedían da Universidade Pontifica de Salamanca ou do teologado dos Paúles. Traían unha formación “nacionalcatólica”, de tendencia reaccionaria os da Pontificia, inda máis acusada que os procedentes  dos teologados dos Paúles. Moi “españolistas” e moi escolásticos. Pero traían tamén a reformulación que o clero estaba a dar á súa presenza na sociedade.

El Barakaldo organizamos un colexio ao día; cun proxecto relixioso compartido, cunha apertura ao País Vasco. Para os Paúles do tempo do franquismo, foi paradigmático; o meu mellor feito histórico; algo, sen dúbida, na órbita dos Paúles tan conservadores, que se abría con moita prudencia a novos horizontes; dentro dun pasar sen sobresaltos (...)”.

(Na primeira foto aparece Francisco Carballo como superior e director do colexio de Barakaldo. Fonte: revista "De paúl", núm. 2, 1965. Na segunda podemos ollar o monumento aos traballadores siderometalúrxicos desta cidade. A terceira é do colexio que tivo a ben inaugurar e abandeirar o presbítero ilustrado de Maceda a comezos dos anos 60).


3º ROTEIRO. BARAKALDO (2)

Escrito por Fcarballo 27-05-2017 en roteiros. Comentarios (0)

“A Congregación constituíu un novo colexio no barrio de Beurko en 1962. Fun designado para inauguralo como superior e como director. Tres anos de ilusionado intento de acertar na educación nunha cidade obreira, de emigrantes e con pequenos espazos de reivindicacións nacionalistas. A parroquia de San Vicente era avanzada na pastoral, de diálogo obreiro e de inculturación en Euskadi. Estaba a uns pasos do colexio. Ao pé deste xurdiu a parroquia de Santa Teresa con clero traído de perto do Val de Somorrostro [unha das dez repúblicas nas que se dividía a comarca das Encartacións, no territorio histórico de Biskaia. Hogano é unha das subcomarcas do Gran Bilbao, na marxe esquerda / Ibai-Ezkerraldea]. 

Naquela altura era vicario Pedro Solabarría [ao que xa amentamos noutra achega], sacerdote obreiro; máis tarde sería coñecido pola súa participación como dirixente de Herribatasuna. Establecemos relacións coas dúas parroquias e non perdemos as anteriores co templo do Carme e coa parroquia de don Simón, no centro de Barakaldo (...)”

(Na primeira foto aparece a igrexa de Santa Teresa, na que exercía Solabarría como vicario. Na segunda aparece a placa da Comunidade dos PP. Paúles. Na última ollamos o extremo do Colexio San Vicente de Paúl de Barakaldo, inaugurado -como superior e director en 1962- polo presbítero ilustrado de Maceda, que contaba daquela con 37 anos de idade).


3º ROTEIRO. BARAKALDO (1)

Escrito por Fcarballo 25-05-2017 en roteiros. Comentarios (0)

Imos meterlle o dente aos 7 anos que Francisco Carballo pasou en Barakaldo (1958-65), mesmo seguindo as Memorias e Lembranzas inéditas que tivera a ben pasarnos a Xan Carballa e a Santiago Prol para o libro de Conversas (ANT, 2002). Facemos así o terceiro roteiro; desta volta virtual sobre os seus lugares.  No ano 1958 trasladárano dende Marín ao colexio San Vicente de Paúl de Barakaldo. O cambio de destino fora co pretexto de incompatibilidade co superior da comunidade ao que tamén cesaran. Tamén primaban a estratexia de non residenciar no propio país, senón fora do ámbito familiar. F. Carballo tiña a maioría da familia en Maceda e curmáns en Pontevedra:

“O colexio estaba en estado ruinoso, nunha planta dun edificio municipal perto dos Altos Hornos de Biskaia. Viviamos nun piso a uns 200 metros do centro de ensino e ao pé da vía do tren de “cercanías”. Os sete anos de Barakaldo foron fondos en experiencia. Os catro primeiros durísimos. O compañeirismo bo. Non había internos nin mediopensionistas. A capela do Carme, a trescentos metros do colexio, servía para os actos relixiosos. A convivencia nun piso resultaba moi austera, pero enriquecía o trato mutuo. Eramos tres grupos. Os maiores de corenta anos, os de trinta a corenta e os máis novos recén ordenados. Estes non toleraban a intromisión do superior na súa vida e forzaron a súa destitución (...).

(Neste 3º Roteiro -virtual-, pretendemos achegarnos ás pisadas do presbítero ilustrado de Maceda en Barakaldo, unha cidade que medrou coa industrialización (hoxe é a cuarta en poboación de todo Euskadi con máis de 100.000 habitantes). Antano mantívose coa industria siderometalúrxica -até o remate do século XX-. Hogano -moi reconvertida- vive do sector servizos (turismo, comercio e ocio). As fotos da Casa do Concello, a do plano da cidade e a do Palacio de Xustiza -debaixo-, xunto coas que incorporaremos nas seguintes achegas, tirámolas nós, nunha viaxe recente a este "lugar" de Francisco Carballo, que históricamente se coñecía como Anteiglesia de San Vicente de Barakaldo).