Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

NA VIDEOTECA DA AELG (1a): Por que comecei a escribir?

Escrito por Fcarballo 12-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

Logo dun vídeo combativo, outro máis reflexivo... A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) convidou aos socios para que participásemos en varios documentos videográficos curtos sobre tres fasquías fundamentais: Por que comecei a escribir? (1) / O autor le a outro autor (2) / O autor le ou fala da súa obra (3). Imos reparar hoxe no primeiro que tivo a ben deixarnos para a posterioridade Francisco Carballo: "Empecei escribindo en revistas internas. Daquela era considerado máis como un científico que como home de letras. Era difícil nos anos 50 estudar Matemáticas en Madrid na miña situación. Escollín Historia. Fun atrapado por este tipo de saber. Tiña bastante relación co que é a Biblia para os cristiáns e a reflexión teolóxica". [Temos dous enlaces para este vídeo: o da web da AELG e o que penduraron en youtube. Filmouse en Vigo en 2006, -coidamos que na sede do semanario ANT na rúa Príncipe, 22 baixo- cando o presbítero ilustrado de Maceda tiña 81 anos de idade]:


Ver Vídeo Youtube

Ver Vídeo web AELG


"O primeiro libro que escribín por encargo foi unha monografía sobre o Santuario do Monte Medo en Ourense en 1963. A continuación fixen moitos traballos monográficos en revistas de certo nivel. Non me dediquei propiamente á Historia até chegar a Vigo en 1973. N'A Nosa Terra (ANT) aproveitei un equipo de historiadores que tiñan que unir investigación e capacidade de divulgación seria. De aí veñen os meus traballos que teño, tanto a nivel de prensa (xornais, revistas...) como de manuais".

(Fonte: www.aelg.org).

Francisco Carballo, NA NOSA MEMORIA

Escrito por Fcarballo 06-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

O 12 de agosto de 2013, o cemiterio de Imo (Dodro, A Coruña), acolleu a homenaxe anual a Moncho Reboiras que organiza o Movemento Galego ao Socialismo (MGSgaliza). Francisco Carballo estaba alí como invitado central, xa que logo fora represaliado por defender a memoria (nomeadamente por denunciar o asasinato) de Xosé Ramón Reboiras Noia, no libro colectivo "Historia de Galicia" (ANPG, 1979) ao que voltaremos. No camposanto de Imo artellara -o presbítero ilustrado de Maceda- un discurso moi incisivo e abondo combativo, malia ter naquela altura 88 anos e o "bicho dentro"... Aquel histórico acto foi un dos últimos en vida. Podemos atopalo en "youtube" co título "Francisco Carballo, na nosa memoria". Merece a pena visualizar o case minuto e medio que penduraron, para ollar a lucidez da súa enerxía doutrinaria, a súa forza moral, o seu o amor á Nosa Patria e o alento cara un futuro mellor para os máis desfavorecidos. Eis o link:

Enlace Vídeo


"Navegade a contracorrente. Hai que crear outro mundo. Galiza ten que liberarse porque está subordinada e escravizada. Os galegos están alimentados coa mentira, coa falacia, coa indecencia... Vivimos nun mundo detestábel, pero cheo de sementes de vitoria. Ganade colaboradores. Non teñades medo ao neocapitalismo; o máis brutal da Historia do mundo. Tede esperanza". (Fonte: www.mgs.gal / Foto inferior: www.sermosgaliza.gal


N.B.- Xa superamos as 1000 visitas ao vídeo de Xan Carballa (ver post anterior). Beizón a tod@s!!!

FRANCISCO CARBALLO, SEMPRE NO CORAZÓN

Escrito por Fcarballo 04-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

Co gallo da "Homenaxe Nacional a Francisco Carballo" que organizou o Concello de Maceda, o 27 de decembro de 2014, e da que daremos cumprida conta en varias achegas nesta bitácora, o xornalista e amigo do presbítero ilustrado de Maceda, Xan Carballa, artellou un fermoso documento audiovisual; documento que nos chegou ao corazón a todos os presentes naquel masivo acto no Multiusos da nosa vila. Un día histórico para Maceda e para os amigos e familiares del. A prensa do día seguinte titulaba: "Maceda honra a un home bo e xeneroso, Francisco Carballo" (La Región); "Maceda homenaxea ao teólogo nacionalista Francisco Carballo" (Faro de Vigo);  "Carballo une aos nacionalistas (La Voz de Galicia); "Maceda rende a súa homenaxe a Carballo" (El Correo Gallego); "O Carballo do compromiso e a fe continúa vivo no corazón de Maceda" (Sermos Galiza); "Maceda homenaxea a Francisco Carballo, figura importante do galeguismo" (Galiciae); "Homenaxe ao home que tiña fe na liberación nacional" (Sermos Galiza); "Maceda despide a Francisco Carballo cunha homenaxe" (Praza Pública); "Paco Carballo: cando a Patria se volve corazón" (Asociación Irimia)... Outrosí estaría un bo feixe de colaboracións de amigos e militantes nas diferentes causas polas que loitou a prol do Noso País. Peneirarémolas case todas en chegando...

Eis o link ao fermoso documento elaborado por Xan Carballa, que ten unha duración de 13 minutos e que mesmo se pode ollar en "youtube" co título "Francisco Carballo,  sempre no corazón" [leva case 1.000 visitas  -axudemos a superar esa cifra!!!-]:

https://www.youtube.com/watch?v=5DatGXa0KZQ


31 DE DECEMBRO DE 1936, AOS 80 ANOS...

Escrito por Fcarballo 30-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)

"¿Á túa casa chegaban noticias dos que paseaban en Maceda e dos nove que fusilaran o 31 de decembro de 1936, despois dun consello de guerra ignominioso? Si. Vixiábase a casa e nós estabamos en espectativa constante. Había medo de que houbese reaccións. Teño na memoria con todo detalle os acontecementos do 36. Deses nove martirizados, que hoxe teñen un monolito de lembranza na Praza de Benigno Álvarez en Maceda, escoitei falar na casa. Estabamos horrorizados, a avoa non paraba de chorar, aquilo impactou en nós dunha forma tremenda. Pero na aldea a guerra era unha cousa remota. A represión foi moito máis forte en vilas como Maceda e nas cidades. O bon senso de meu pai e estes fenómenos de crueldade, están no fondo da miña posterior relación co franquismo" (Conversas, ANT: 2002).

Na foto a lápida de lembranza (que sempre ten flores) dos nove martirizados de Maceda e contorna. Francisco Carballo sempre nos recordaba que a Historia non se repite, pero que pode reproducir erros semellantes, por iso é necesario reescribir a que fixeron os vencedores e vulgarizala. Exhumamos parte dun documento demoledor, logo do consello de guerra -sen garantías legais- e sentenza posterior, que mesmo se debería revisar 80 anos despois, para facer xustiza daquela inxustiza: "Ás 16:30 horas do 31 de decembro de 1936, hora sinalada pola autoridade militar, foron pasados polas armas os reos Andrés Gálvez López, Serafín Poza Prol, Antonio Souto Nieto, Juan Manuel Garrido Touriño, Demetrio Álvarez González, Manuel Senra Salgado, Fernando Garrido Fontela, Modesto Vidal Fernández e Ricardo Lemos González, facéndose a correspondente descarga polo pelotón encargado da execución e certificando a súa defunción o médico don César Saco" (Acta do secretario Manuel Casado Nieto co visto e prace do xuíz militar Ramón Ulloa Sotelo. 31/XII/36). Eis a Historia...

PREMIO BOS E XENEROS DA AELG, 2012

Escrito por Fcarballo 25-12-2016 en premios. Comentarios (0)

 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega [AELG] concedeulle o Premio Bos e Xenerosos a Francisco Carballo. A solemne entrega fíxose o 3 de marzo de 2012, no salón de actos do Museo do Pobo Galego. Asistiu unha ampla representación do eido político e cultural de Galiza. Outrosí moitos amigos de Maceda, encabezados polo alcalde Xabier Oviedo. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, dixo que Francisco Carballo tivo a “vontade de liberarse dunha historia imposta e iso foi o que vertebrou o seu traballo nun tempo no que a Universidade non cubría as necesidades da historiografía nacional”. Carballo entregouse de vez “á constitución dunha elaboración en clave nosa da historia galega e á vindicación do cristianismo como espazo de loitas contra as inxustizas, e mesmo de subversión e crítica ao poder”. (Na foto: Xabier Oviedo, Santiago Prol, Bieito Seara, Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Francisco Carballo, Paco Nóvoa, Vitorino Pérez Prieto e a súa dona, Antón Gómez e a súa dona, Celso Sánchez, Mercedes de Manuel e Chus Teijeiro, na comida posterior coa que agasallamos os amigos ao presbítero ilustrado de Maceda no restaurante Porta Faxeira de Compostela).

A loa fíxoa Anselmo López Carreira, que o coñece dende 1978, cando estaban a elaborar o manual Historia de Galicia (ANPG, 1979). Lembrou a “súa honestidade persoal, a fidelidade aos proxectos que emprendeu e o seu compromiso social”. Á fronte dunha camada de historiadores novos, Francisco Carballo impulsou e mesmo asinou publicacións transcendentais para a historiografía de Galicia, a través da editora do semanario A Nosa Terra (ANT), da que foi presidente. Ao recoller o premio, o teólogo e historiador macedán  afirmou con contundencia que “Galiza é obxecto dun experimento para destruír a súa identidade”, ao que engadiu: “Somos un País ao que se lle quere impoñer unha cultura, destruíndo a que el xera e que mesmo arela continuar”. Tamén fixo unha reflexión sobre Igrexa: “A cúpula eclesiástica é máis un problema que unha solución, fronte ao cristianismo de base que é un elemento positivo, unha forza viva e rexeneradora”.