Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

OS PAPAS DA SÚA VIDA (2)

Escrito por Fcarballo 18-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Aínda que ao longo das Conversas foron saíndo os papas máis salientábeis do século XX, xa co libro moi perfilado, decidimos entre os tres [Francisco Carballo, Xan Carballa e Santiago Prol] que poderíamos dedicar un apartado monográfico aos papas da súa vida. Comezamos por Pío XI, que denantes -secularmente falando- se chamaba Achille Damiano Ambrogio Ratti (1857-1939), que fora elixido papa en 1922 e que estivera 17 anos exercendo o cargo máximo da Igrexa católica, no que se deu en chamar o período de entreguerras. Chamáronlle “o Papa dos concordatos”, “O Papa das encíclicas”, “o Papa das canonizacións” e “o Papa das misións”.

Achegámonos á fasquía papal cunha longa introdución: “O 3 de setembro de 2000, Xoán Paulo II fixo beatos a Pío XI e a Xoán XXIII. Aquilo non agradou a un sector relevante da curia romana e dos fregueses, pois xunguían nun mesmo acto a dous papas antagónicos. Pío XI, o derradeiro papa-rei, pasou á Historia por regulamentar  con Mussolini, mediante os Acordos de Letrán (1929), que o Vaticano se trocase nun Estado soberano. Tamén por colaborar -aínda que só fose inicialmente- co nacionalsocialismo de Hitler (Concordato con Alemaña en 1933). ¿Era Pío XI a icona daquela Igrexa pechada sobre si mesma, atrincheirada en principios exclusivistas e sempre condenatoria?”

Francisco Carballo contestounos telegraficamente: “Abundan as monografías sobre os papas do século XX. Tanta relevancia dos dirixentes ten o perigo de agachar a realidade eclesial. Certo que nunca tiveron os papas tanta influencia eclesial e mundial como no século XX. Persoalmente só con Pío XII comecei a sentir a función papal na Igrexa. O seu predecesor Pío XI era autoritario; impulsou unha política relixiosa mediante concordatos; condenou sen timidez, tanto o nazismo (na encíclica Mit brenneder sorge, 1937), como o fascismo; nunca utilizou a palabra “cruzada” para os “nacionais” españois do 36...” [na xeira republicana procurou unha neutralidade non de todo entendida pola cúpula da Igrexa española. Mesmo o seu apoio ao bando franquista foi moi morno]. 

N.B.- As fotos tirámolas respectivamente de www.revistaecclesia.com e da wikipedia. Na primeira aparece Pío XI inaugurando Radio Vaticana, o 12 de febreiro de 1931, ás 4:30 da tarde. A outra é unha foto de estudio que aparece na súa entrada na wikipedia.

DOCUMENTOS GRÁFICOS EN SALAMANCA

Escrito por Fcarballo 17-03-2018 en documentos. Comentarios (0)

Xa dixemos que aquel sábado, 24 de maio de 2014, fora inesquecible. Mesmo foi a penúltima vez que estivemos con Francisco Carballo. O alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, que sempre leva un bo aparello fotográfico con el, procurou fixar en imaxes o encontro que xa quedou en todos nós para o resto das nosas vidas.

Na viaxe de ida, fomos dende a súa terra de orixe Xabier Oviedo (que conducÍa o seu coche), Bieito Seara e Santiago Prol. O doutor Celso Sánchez saíunos ao encontro en Santa Marta de Tormes (Salamanca) dende Madrid. Ao comezo da xornada -pola mañá- ollamos o Francisco Carballo enérxico de sempre malia a enfermidade grave que naquela altura padecía. Nesta imaxe podemos observalo nos arredores do edificio dos PP Paúles, contándonos pormenorizadamente o por que do "seu exilio" en Salamanca.

Nestas fotos, na parte de atrás do edifiicio onde se atopa o "xeriátrico" dos PP Paúles para todo España, podemos ollar, de esquerda a dereita a Santiago Prol, Francisco Carballo, Xabier Oviedo e Bieito Seara. O presbítero ilustrado de Maceda agradecía as visitas dos amigos (que foron moitos dende moitos lugares de Galiza) no tempo no que estivo en Salamanca até a viaxe derradeira, na que voltou á terra que o vira nacer, na parroquia de Asadur (Maceda, Ourense).

Esta tirouna Xabier Oviedo. Nela aparecemos Santiago Prol, Celso Sánchez, Francisco Carballo e Bieito Seara.

Outra imaxe do inmenso edificio dos PP Paúles que tirou Xabier Oviedo. Francisco Carballo fora destinado, como reitor do teologado San Vicente de Paúl de Santa Marta de Tormes (Salamanca) en 1965. El deixou escrito que aquel edificio salmantino parecía unha Arca de Noé. Fora unha etapa intensa -de oito anos- á que lle meteremos o dente en varias achegas. Estivo alí até 1973, ano no que decidiu regresar a Galiza dende a base, mesmo renunciando a unha carreira eclesiástica moi prometedora dende as alturas (nas que xa estaba). O destino fixo que voltase a Salamanca 40 anos despois... A reportaxe fotográfica de Xabier Oviedo [17 fotos] iremola pendurando paseniñamente en chegando. Beizón!

OS PAPAS DA SÚA VIDA (1)

Escrito por Fcarballo 14-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Co pretexto dos cinco anos do papado de Francisco (13/03/2013), imos meterlle o dente aos papas que Francisco Carballo coñeceu ao longo da súa vida. Cando lle fixemos a penúltima visita ao "seu exilio case forzoso" en terras de Salamanca, o día de reflexión das Eleccións Europeas, o sábado, 24 de maio de 2014, entre os moitos temas que tocamos naquela xornada inesquecíbel, falamos do novo papa de Roma, o arxentino Jorge Mario Bergoglio (Buenos Aires, 17 de decembro de 1936), que xa soara para o cargo na anterior elección. Francisco Carballo estaba relativamente ilusionado coa escolla, cos novos xestos e  co estilo próximo ao comunicar a súa mensaxe. Porén, dicíanos [ao alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, a Bieito Seara, a Celso Sánchez e a Santiago Prol] que non ía telo doado, pois a Igrexa oficial era a de sempre e o Vaticano II, malia os esforzos do seu promotor Xoán XXIII e continuador Paulo VI, ao remate quedara no que quedara...

O presbítero ilustrado de Maceda apenas tivo tempo para ollar a traxectoria do papa arxentino [naquela altura só pasaran 14 meses dende a súa elección]. Estamos a falar das súas propostas no diálogo entre relixións, o achegamento aos máis desprotexidos [mesmo predicando co exemplo e non coa suntuosidade do antecesor], o seu posicionamento a respeito do medio ambiente, da pedofilia entre os membros da Igrexa, dos abusos en todas as frontes, da condición da muller e tamén dos homosexuais: “¿Quen son eu para xulgar a un gay se busca a Deus e ten boa vontade?”. Este papa mesmo emprega as redes sociais con asiduidade. A súa conta de Twitter sube dos 16 millóns de seguidores. Foi portada da revista Rolling Stone. Ao igual que Francisco Carballo, ve compatíbel o Big Bang coa Creación, que mesmo se complementarían... Tamén apareceu como candidato ao Premio Nobel da Paz. Francisco Carballo finaría ao empardecer novembro daquel 2014, así só puido ollar os primeiros 20 meses de mandato do papa arxentino, o xefe de estado da Cidade do Vaticano e unha das persoas máis influíntes do noso Planeta.

N.B.- A primeira imaxe está tirada da revista Rolling Stone [13/02/2014], a segunda fíxoa Santiago Prol nos xardíns do enorme edificio que teñen os PP Paúles en Santa Marta de Tormes en Salamanca [24/05/2014] e a terceira collémola da wikipedia. Como desta volta empezamos polo último papa de Roma que el puido ollar en vida, en próximas achegas iremos cronoloxicamente, mesmo con aproximacións aos que el coñeceu persoalmente en Roma cando era o reitor do Teologado dos PP Paúles en Salamanca e unha das máximas autoridades desa congregación en todo España. Beizón!

CANDO BENIGNO SE FIXO LEMBRANZA

Escrito por Fcarballo 08-03-2018 en cabodano. Comentarios (0)

No libro de Conversas (ANT, 2002) detivémonos no capítulo “Maceda, os primeiros anos” nalgúns dos fillos sobranceiros que el tivera a ben coñecer. Cando Benigno Álvarez se fixo lembranza (rememorando a Benavides) o 13 de marzo de 1937, Francisco Carballo estaba estudando na preceptoría dos Milagres do Monte Medo. Imos recuperar -desta volta-  un par de parágrafos sobre o veterinario comunista -ao abeiro da data na que foi martirizado-. O presbítero ilustrado de Maceda considerábao como un intelectual que lideraba un  proxecto de cambio e unha utopía de esperanza para os campesiños e os vilegos máis desposuídos:

“(...). Na mentalidade de entón non podo dicir que fose un adiantado. Posteriormente, analizando a Benigno, o programa que traía o Partido Comunista de España (PCE) para os anos trinta, era moi inxenuo e moi transferido dende o mundo soviético. Había no PCE en Galiza unha análise que ten certo interese, de liberación do campesiñado, de liberarse dos foros dunha maneira real, librarse da corrupción, da explotación. Iso véxoo moi positivo. Benigno era veterinario e coñecía moi ben o problema. Agora, nas outras pretensións, coido era moi idealista. Non había un programa realista de transformación nin no Partido Galeguista (PG) nin no PCE. Naquel tempo o único que se podía facer era unha especie de socialdemocracia. O PG co seu cooperativismo e os comunistas coa súa expropiación completa ao estilo soviético...”

Logo comentámoslle que teoricamente o PCE naquela altura recoñecía o dereito de autodeterminación dos pobos e que Benigno fora a vangarda na defensa diso. Francisco Carballo contestounos que “aquel PCE en Galiza estaba moito máis perto que o actual [2002] dun recoñecemento de País. Benigno defendíao publicamente e certo sector do socialismo galego tamén. Concibían unha España federal e non tiñan moito máis programa. O que poderían ter feito [sen o Golpe en xullo do 36 e o que veu despois], estaba por ver. Era unha situación de principios”.

N.B.- A primeira ilustración é a portada do libro da nosa autoría sobre Benigno que tivo a ben editar ANT en 2008 e que lle gorentou moito a Francisco Carballo. A segunda pertence a unha entidade bancaria ubicada na praza que leva o seu nome dende 1997 en Maceda e a terceira é do díptico da homenaxe que lle tributamos o sábado, 15 de marzo daquel 1997, na súa vila natal [na que participou Francisco Carballo] e que quedou xa como data histórica na vindicación e recoñecemento do veterinario e líder comunista, que loitou por un mundo mellor en clave nosa. Mesmo pagou un prezo altísimo el e a boa parte da súa familia (Prol: 2008).

ARREDOR DOS 130 ANOS DE OTERO PEDRAYO

Escrito por Fcarballo 02-03-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Co gallo dos 130 anos do nacemento de don Ramón Otero Pedrayo [5/III/1888] imos exhumar o que Francisco Carballo pensaba sobre o Patriarca das Letras Galegas nas Conversas (ANT, 2002), ao que, por certo, coñeceu e tratou persoalmente varias veces: “Otero axiña entra nas Irmandades da Fala, desde o sector ourensán, que é esencialmente conservador. É un home dunha grande bondade e capacidade cultural, que despois de 1936 e a grande represión posterior, convértese no símbolo, no patriarca, reina pero non goberna. É firme nas súas conviccións, honesto e unha figura adorábel e simbólica. A súa humanidade é grandiosa, un petrucio accesíbel a todos. Era un símbolo utilizado polos que querían presentalo como figura do que debía ser o galeguismo. O poder de convocatoria que acumulou podemos aprecialo cando un bispo como Temiño tivo que oficiar en galego os seus funerais en 1976 en Ourense [finou o 10 de abril na súa casa da Rúa da Paz e os funerais -con asistencia masiva de xente de ben- foron dous días despois no cemiterio de San Francisco].

  

As ideas relixiosas de Otero non eran as mesmas que as de Risco. Otero era un cristián aperturista, vese no seu Arredor de si,  ao estilo do Cardeal Quiroga Palacios. El nunca formula un nacionalismo con dous mundos que se enfrontan: un cristián e outro satánico. Presenta un nacionalismo culturalista, antropolóxico, moi distante de Vicente Risco. Lévanse ben e cultivan a amizade, que era algo típico das Irmandades da Fala, propio da fidalguía e tamén da burguesía ourensá (...).

No exilio arxentino edítase a primeira Historia de Galiza no 1962 baixo a rúbrica de Otero Pedrayo, pero non pasou dos dous tomos primeiros. Pretendía recoller todo o legado do Seminario de Estudos Galegos (...). Otero fixera Filosofía e Letras e adicárase especialmente á Xeografía. Sabía rexistrar os arquivos, dominaba parte das técnicas. As técnicas de investigación histórica que se deron a partir da Escola dos Annales e das escolas europeas actuais, sobre todo a Historia Analítica, non a dominaban. Tampouco o facían no resto do Estado, na súa época, os historiadores".

N.B.- As fotos collémolas da Fundación Otero Pedrayo e de Galiciaenteira.com. Na primeira aparece don Ramón Otero Pedrayo con Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, García-Sabell, Ánxel Fole e Francisco Fernández del Riego en 1960. Na segunda aparece parte do exterior do Pazo de Trasalba onde se conserva a súa biblioteca. Na terceira don Ramón -coa súa acesa oratoria- nunha conferencia e na cuarta  un retrato de estudio, cando aínda era novo.