Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

DÍPTICO HOMENAXE DE GALIZA A FRANCISCO CARBALLO (3)

Escrito por Fcarballo 12-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

(...) En 1981, Francisco Carballo foi xulgado por imprentar no libro colectivo Historia de Galicia -editado pola ANPG- (1979), que a policía española “asasinara” ao dirixente da UPG, Xosé Ramón Reboiras Noia [12 de agosto 1975]. A Audiencia da Coruña condenouno a seis meses de cárcere e unha multa de 20.000 pesetas. Foi privado de “todo cargo público, profesión ou oficio e dereito a sufraxio”. Trinta e dúas personalidades da cultura -a nivel de Estado- asinaron en Madrid un manifesto de repulsa contra o secuestro do libro e o proceso a Francisco Carballo, xa que atentaba “contra a liberdade de expresión, contra a divulgación científica e contra a nosa propia historia”. Ía encabezado polo filósofo José Luís López Aranguren.  [F. Carballo coñecía a Aranguren (1909-1996). Mesmo quixera ser alumno seu en Madrid nos anos 50 na Complutense. Todo un referente ético no mundo intelectual e político da Transición].

En Galiza houbo actos de vindicación na órbita do nacionalismo e outro manifesto. O Día da Patria daquel 1981 [lonxe da Praza da Quintana], Francisco Carballo foi o orador principal. Os nacionalistas foran duramente reprimidos polos corpos de seguridade do Estado. Despois do -non tan frustrado- golpe do 23-F, apareceu nas “listas negras”. En 1982 presentouse ao Congreso por Pontevedra, logo de artellarse o BNG na Asamblea de Riazor, onde aparece como membro do Consello Nacional. En 1990 xubilouse da docencia. Continuou cun traballo intenso como activista e como investigador, consolidando unha paradigmática Escola de Historiadores (...).  


PLACA NO CEMITERIO DE ASADUR (MACEDA)

Escrito por Fcarballo 08-04-2017 en Novas. Comentarios (0)

Envíanos, con data do 7 de abril de 2017, a sobriña do presbítero ilustrado -Milagros Calvo Carballo-, a primeira imaxe a placa que a familia tivo a ben poñer nestas datas  na campa de Asadur en memoria del. Dende agora, mesmo debe formar parte do 1º Roteiro sobre os Lugares de Francisco Carballo que xa activamos hai dous anos. Acompañámola doutra foto que tiramos o 13 de decembro de 2014, cando –xa incinerado- os seus restos regresaron a Galiza, logo do seu pasamento en Salamanca, o 29 de novembro daquel ano.

No libro de Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) preguntámoslle se lle agradaría o descanso derradeiro na parroquia que o vira nacer. Contestounos que prefería a incineración -como así foi- e descansar a carón dos seus no silencioso cemiterio de Asadur, coa sepultura no chan, cuberto de flores e de herbas, que mesmo significaban a paz, o encontro coa natureza e co Creador: “Voltar á terra da que formas parte e atopar o “Absoluto”. Abofé que se cumpriu a súa vontade grazas á teimosía da súa sobriña perante as autoridades dos Paúles en Salamanca. Foi o seu derradeiro acto de rebeldía. Nós, como Asociación Amigos de Francisco Carballo, desexamos que lle sexa leve a terra. Outrosí que seguiremos vindicando e dignificando a súa figura. ¡Beizón á familia por tan loábel iniciativa!

DÍPTICO HOMENAXE DE GALIZA A FRANCISCO CARBALLO (2)

Escrito por Fcarballo 07-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

Na segunda achega biográfica do díptico, incidimos no seu reencontro co Noso País dende a década dos 70. Implicouse a fondo na defensa da dignidade de Galiza como pobo dende moitas frontes, ao longo dos últimos corenta anos da súa vida. Este País está en débeda con Francisco Carballo polos servizos prestados. Con esa teima naceu a Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC).

(...) En 1973 regresou a Galiza, inseríndose no colectivo de curas obreiros de Vigo [Santa Cristina de Lavadores]. Impartiu docencia na Escola de Maxisterio e no Politécnico de Vigo. Eis a súa militancia no sindicato UTEG, do que foi un dos primeiros afiliados. Traballou arreo na Asociación Cultural de Vigo da que foi presidente moitos anos. A brigada político-social da policía procuraba intimidalo, indagando sobre a súas actividades. Nas primeiras eleccións democráticas (15 de xuño, 1977), presentouse ao Senado pola circunscrición de Ourense na coalición BN-PG, coa teima dun só proxecto no nacionalismo de esquerdas. Ese ano reapareceu o semanario A Nosa Terra, no que se perfilou como editorialista de referencia e como un dos seus impulsores. Colaborou coa revista Encrucillada e en Irimia na procura da inculturación da nosa Igrexa. Nas eleccións autonómicas en 1981, inseriuse na candidatura nacionalista por Pontevedra.

(Na primeira foto de laregion.es, aparece o alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, evocando institucionalmente a figura do noso fillo sobranceiro Francisco Carballo. Na segunda imaxe de montepituco.com (Marín), aparece anunciada a Homenaxe en Maceda,  o 27 de decembro de 2014). 

DÍPTICO HOMENAXE DE GALIZA A FRANCISCO CARBALLO (1)

Escrito por Fcarballo 06-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

O 27 de decembro de 2014, no Salón Multiusos de Maceda, levouse adiante a multitudinaria e acesa homenaxe, logo do seu pasamento, organizada polo Concello de Maceda. Nela interviron Xabier Oviedo (alcalde de Maceda), Xavier Vence (portavoz nacional do BNG), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG), Xan Carballa (editor e xornalista), Manuel Peleteiro (presbítero), Milagros Calvo (sobriña de Francisco Carballo) e Bieito Seara ( exalcalde de Maceda). O investigador Santiago Prol fixo de mantedor do acto. Daquela editouse un díptico que se entregou a todo o público (había perto de 150 persoas). Nel inseríase unha breve biografía que imos recuperar en varias achegas.

Naceu en Celeirón de Asadur (Maceda), o 8 de marzo de 1925. Estudou nos Milagres (Monte Medo), Limpias (Cantabria) e en Murgia (Araba). Ampliou formación no seminario dos Paúles en Hortaleza (Madrid). Foi a Cuenca para continuar os estudos teolóxicos. Na súa catedral ordenouse sacerdote o 3 de xullo de 1949. No outono dese ano asentouse en Madrid. Licenciouse en 1954 en Historia pola Complutense [o primeiro paúl con título universitario no Estado]. Continuou estudos de Socioloxía en Salamanca, Barcelona e Roma. Dende 1954 exerceu como director no colexio San Narciso de Marín (Pontevedra). En 1958 foi para o centro San Vicente de Paúl de Barakaldo (Bizkaia). Dirixiu o novo colexio dende 1962, cunha actividade paradigmática en plena ditadura franquista. Contactou coa órbita independentista vasca na clandestinidade. En 1965 asentouse en Salamanca como reitor do teologado dos Paúles, cun traballo revolucionario nos inicios do Vaticano II, coa revisión teolóxica consonte as consignas do Concilio. En Salamanca había discentes de Teoloxía de todo o Estado, da India e de América Latina (...).

(Imaxes: parte do díptico da homenaxe. Na foto do farodevigo.es aparecen en primeiro plano Xabier Oviedo, Xan Carballa, Xavier Vence e Manuel Peleteiro, aplaudindo a sentida intervención de Bieito Seara).

OBRA ESCRITA

Escrito por Fcarballo 02-04-2017 en libros. Comentarios (0)

Encetamos unha nova sección na que iremos reparando de vagar. Dende o seu primeiro libro publicado en 1963 até o último rexistrado en 2010, Francisco Carballo realizou un inxente traballo de investigación e vulgarización e, sempre, sempre co mesmo norte: reescribir a Historia que nos contaran en clave allea. Tamén sobre a Igrexa e o universo teolóxico. Eis un bo feixe de libros de autor e coautor que peneiraremos paseniñamente. Quedarían -ademais das columnas nas que xa comezamos a mergullarnos-, traballos noutras revistas e monografías. Outrosí a escola de historiadores arredor d´ANT que el impulsou:

OBRAS: Santuario de los Milagros del Monte Medo (1963), Espíritu Misionero de la Constitución Litúrgica (1965), Historia de la Oración Cristiana (1968), Oración, Piedad y Penitencia (1968), Institutos Relixiosos hoxe (1974), A Igrexa en Galicia durante a II República (1977), A Igrexa Galega ante o Estatuto de Autonomía de 1936 (1977), Aproximación á historia da Igrexa Galega (1939-75) (1977), La Iglesia en la Galicia Contemporánea. Análisis histórico y teológico del período 1931-36 (1977), II República (1978), Historia de Galicia (1979), Sindicatos e outras organizacións no campo galego (1980), Castelao contra a manipulación (1984), A Nosa Literatura (1988), Igrexa, un perfil preocupante (1988), A Igrexa e a Guerra Civil en Galiza (1990), O pensamento galego na historia: aproximación crítica (1990), La Iglesia Católica y la Guerra Civil española (1990), Igrexa e poder en Galicia (1991), Historia de Galicia (1-2) (1991), Doce anos na procura da nosa identidade (1991), Teoloxía da Liberación e teoloxía galega (1992), Por un cambio social desde Gramsci (1992), O mundo desde aquí (1993), A Igrexa Galega (1995), Historia da Igrexa Galega (1996), Cen anos de pastoral rural da Igrexa galega (1996), Historia Xeral de Galicia (1997), Galicia nación e nacionalismo (1998), A Igrexa Galega Contemporánea (1940-99) (1999), Alexandre Bóveda (1999), Breve Historia de Galiza (2000), Frei Martín Sarmiento (2002), Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación (2009), Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70 (2009), Xosé Chao Rego: renacer galego (2010)…

(A primeira ilustración é unha caricatura que fixo Xosé Lois co gallo do seu pasamento e que nos permitiu empregar para o díptico da Homenaxe en Maceda en decembro de 2014. A foto de Xan Carballa tirouna na entrada da Biblioteca Pública Francisco Carballo de Maceda, cando fixemos o Primeiro Roteiro en 2015).