Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (4)

Engade nas Memorias que, malia as enfermidades, recupera a participación política no BNG de Pontevedra, mesmo presenza frecuente no relixioso de Irimia, comunidade de Marín: “Dende que trasladei a praza de profesor a Pontevedra, asisto periodicamente ás xuntanzas do BNG alí. Son tido en conta e colaboro nas campañas electorais e noutros quefaceres [lembrar que o BNG, da man de Miguel Anxo Fernández Lores goberna Pontevedra dende o 4 de xullo de 1999, e que Francisco Carballo estivo moi implicado, nomeadamente en fasquías culturais comisariando exposicións, publicando biografías, impartindo conferencias, axudando a deseñar roteiros, accións vindicativas a prol do galego, etc]. Esta actividade resúltame satisfactoria, non me enche como podería, porque a legalidade eclesiástica, absurda e fora do tempo, non me permite unha total entrega a algo que vale a pena, e que podería darme máis capacidade de acción no Noso País”. Isto mesmo quixo inserilo nas Conversas (ANT, 2002). Agora ben, nunha longa e interesantísima entrevista (3 páxinas) que lle fixo o director do semanario ANT, Alfonso Eiré co gallo da súa xubilación (núm. 441 - 19 de xullo de 1990) e que tivo a ben pasarnos hai uns días Xan Carballa, o presbítero ilustrado de Maceda aseveraba que o traballo político non lle gustaba demasiado: " A min sempre me gustou a loita cultural, a loita teolóxica e, aínda que a loita política me parece definitiva, eu non me formei nesas palestras". Dende que regresou a Galiza en 1973, sempre exerceu a docencia en galego e sempre oficiou en galego. Por ese dobre compromiso tivo problemas coa Galiza oficial. En 1991 decide viaxar a Uruguai para ver á familia alí residente. Logo, en 1993 foi a Cuba para visitar outros familiares. Mesmo engade que “xa son moitos os sinais para adoptar unha vellez de signo contemplativo e pacífico”, algo que non fixo, pois estivo en moitas frontes até case o remate da súa vida. Segue reflexionando: “Acaba 1992 cando isto escribo. Vivo nun estatus orixinal. Sigo pertencendo á comunidade dos paúis de Marín, vou alí como unha semana ao mes; traballo n´ANT como colaborador, son o presidente da empresa e coordino a colección Historia de Galicia de ANT Edicións. Estou preparando o sétimo libro da colección Igrexa e sociedade en Galicia, unha aproximación á Historia da Igrexa Galega [ao final o título foi A Igrexa Galega]. Participo en Irimia, en encargos da congregación e na parroquia de San Xulián (Marín). A colaboración en actos da congregación, algúns cursiños, colaboracións para libros colectivos, etc. É pouco, pero forma parte do meu estatus orixinal”. ¿É pouco? Carballo en estado puro "no seu estatus orixinal"... 

N.B.- Na primeira imaxe (autoría de Xan Carballa), aparece o presbítero ilustrado de Maceda nunha das primeiras campañas a prol da Lingua galega no ano 1982 en Vigo. Na segunda (de www.turismo.gal) aparece a suntuosa escaleira do Parador de Turismo de Pontevedra (no que faremos unha paradiña o sábado no roteiro), que está a carón da Rúa Maceda, e que fora pazo oficial do III Conde de Maceda, o que está soterrado no Santuario da Virxe da Barca en Muxía. Para os interesados, eis o enlace sobre este pazo e sobre os condes de Maceda nun libro da nosa autoría: 

https://books.google.es/books?id=2hVgpMIUSNYC&printsec=frontcover&hl=es&source=gbs_ge_summary_r&cad=0#v=onepage&q&f=false

Outrosí o enlace ao que comunica hoxe a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) á que pertencía Francisco Carballo:

https://axendacultural.aelg.gal/tag/francisco-carballo/

Tamén vulgariza a nova o xornal La Voz de Galicia, edición de Pontevedra:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2019/10/26/span-langglroteiro-pola-memoria-da-cidade-do-lerezspan/0003_201910P26C10996.htm


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: