Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (3)

Nas Memorias mecasnoscritas titulou o capítulo VII “Volta ao convento”. Comeza dicindo: “Morreu Serafín en agosto de 1985. A vida en Vigo ou tiña que ser en solitario ou había que modificar o esquema dos 12 anos pasados (1973-85). Medio sen pensalo, pedín incorporarme a Marín cos paúis, e seguín coas clases no Instituto con posterior traslado a Pontevedra. Abandonei as clases da Escola de Maxisterio de Vigo (...). No traslado a Marín só lentamente levo algúns efectos persoais. En 19875-86 aínda imparto docencia en Vigo. No 1986 empezo na Xunqueira en Pontevedra (...)”. Engadir que lle tocou cunha etapa da vida moi delicada de saúde (mareos, cólicos de vesícula, operación de pólipos rectais, dor de oídos...). Mesmo pensou que non lle ía quedar moito tempo de vida. Estivo de baixa laboral até marzo de 1987. Agora ben, el mesmo reafirma no libro de Conversas (ANT, 2002) que “o grao máximo de felicidade (a nivel docente) tíveno en Pontevedra. Tiñamos unhas relacións de fraternidade, de mutuo aprecio e de arelas de desenvolvemento individual e colectivo. Os alumnos eran instintivamente solidarios, entrañábeis, xenerosos. Proviñan do campesiñado, de familias mariñeiras e do proletariado. O ensino en Vigo era máis urbano. Na Xunqueira o profesor era un complemento do pai embarcado. Existía un fenómeno, aínda vixente, que permanece na antropoloxía histórica e que me chocou moito: cantidade de rapaces que falaban do tío. O irmán da nai tiña un rol moi forte coa ausencia do marido. Fun absolutamente feliz con eles no Instituto de Pontevedra (...). Para eles e para o profesorado a miña xubilación  en 1990 foi unha sorpresa. Para min foi unha “gracia”. Podía por fin dedicarme a escribir e ao ministerio cristián”. Mesmo nos contou que lle quedaba (cando se xubilou no verán de 1990) unha paga mensual de 100.000 pesetas [600 € de hogano] das que deixaba para a “casa" dos paúis de Marín unhas 80.000 pesetas e só quedaba con 20.000 pesetas para os seus gastos persoais (eiquí incluía todos os gastos do piso de Vigo, desprazamentos, libros, lecer, etc). Engade lapidario: “deféndome economicamente con grande austeridade”. Abofé que si.

N.B.- A imaxe do Instituto de FP da Xunqueira de Pontevedra tirámola de www.paxinas galegas.es

Engadimos o enlace sobre o Roteiro deste 2019 que aparece en SERMOS GALIZA (Carballo foi membro fundador), co título "Francisco Carballo reencóntrase con Pontevedra):

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/pontevedra-reencontrase-francisco-carballo/20191023100838085693.html


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: