Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (2)

En 1954 Francisco Carballo matriculouse nos cursos de doutoramento na Complutense en Madrid. Pensaba ser alumno do filósofo José Luís López Aranguren, todo un referente xa naquela altura, no tardofranquismo e logo nos primeiros anos do que se deu en chamar a Transición. Tivo que deixalo por presións da “casa” (léase dos Paúis). Enviárono a Marín a comezos do outono daquel 1954. Tiña 29 anos e foi destinado ao Colexio San Narciso en Chan do Monte como director técnico. Naquela altura multiplicou actividades (nomeadamente relixiosas dentro e fóra do centro de ensino). Daquela esixían residir fóra do ámbito familiar. Era un “principio de goberno aceptado dende o século XVI”. Engade Carballo: “Coidaban que senón se apoiaría moito aos parentes, aos veciños e aos paisanos”. Impartiu aulas en Chan do Monte, no Colexio do Sagrado Corazón en Praceres e no Colexio da Inmaculada. Tamén se implicou en cursiños da Cristiandade en Marín, Pontevedra cidade e polo resto do Morrazo: “Todo aquel nacional-catolicismo que comezaba a abrirse. Era unha pastoral recargada de actos e excesivamente inspirada na seminarística”.

No libro de Conversas (ANT, 2002) díxonos a Xan Carballa e ao mantedor desta bitácora (Santiago Prol) que fixera algunha entrada (fóra do ámbito relixioso) en Pontevedra: “Eiquí, no Morrazo estaba Alexandre Cribeiro (un dos fundadores do Grupo Brais Pinto). Xa se empezaba a falar un pouco do fenómeno galeguista. Fun á Universidade de Santiago varias veces, falei con xente, pensei mesmo en facer en Compostela o doutorado, pero non me concederon unha bolsa por idade. Daquela os referentes eran Cunqueiro e Castroviejo que daban charlas de gastronomía, caza... Todo moi light, pero xa se empezaba a falar. Se eu estivese iniciado, tería usado a diplomacia para non marchar (a Barakaldo) e meterme no proxecto que iniciou o nacionalismo eiquí na década seguinte”. Nas Memorias mecanoscritas que nos pasara (en 2001) engadiu: “Perdín a oportunidade de incorporarme á Galiza que empezaba a espertar. Sempre lamentei a miña falta de perspicacia e aceptar o cambio a Barakaldo en 1958”.

N.B.- Agradecemos a Xan Carballa o deseño do cartaz do roteiro por Pontevedra deste 2019. Beizón!

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: