Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

O DOUTOR CELSO SÁNCHEZ, CANDIDATO AO SENADO


O título debería ser máis longo: "O doutor Celso Sánchez, a ética ao servizo da colectividade, mesmo como candidato ao Senado". Decidimos dende esta bitácora dedicarlle unha achega ao doutor Celso Sánchez, socio fundador e persoa central da Asociación Amigos de Francisco Carballo dende que se constituíu. Ademais do cartaz,  na imaxe que encabeza a nosa laudatio, podemos ollar a Francisco Carballo, ao doutor Celso Sánchez, a Bieito Seara  e ao mantedor desta bitácora (Santiago Prol) nas aforas da residencia dos PP Paúis en Santa Marta de Tormes (Salamanca), na primavera de 2014. Sabemos que a Francisco Carballo lle gorentaría ver ao doutor Celso Sánchez como senador en Madrid exercendo de galego con maiúsculas. Eis a nosa laudatio:

"No privilexiado miradoiro da Serra de San Mamede (Castro de Escuadro) naceu o doutor Celso Sánchez en 1955. Quedou orfo de pai aos 15 anos. El e as súas irmás saíron adiante coa axuda da súa nai e co esforzo dos catro. Consolidamos amizade na vila de Maceda a comezos dos 80 preparando o futuro. Pasamos moitos intres de conversa -ao mediodía e ao empardecer-, na cafetería do Cesáreo (que chamabamos O Comité Central). Naquela altura seguiamos de cerca a Revolución en Nicaragua. Meteunos de cheo no día a día do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN). Mesmo nos pasara o instrutivo álbum Guitarra Armada (1979) dos irmáns Luís e Carlos Mejía Godoy y los de Palacagüina. Despois agromou o demais: o dobre vinilo Abril en Managua (1983), libros de Cortazar, Ernesto Cardenal, Tomás Borge, Sergio Ramírez, Gioconda Belli... Viaxou logo o doutor Sánchez a unha Nicaragua -xa lampedusiana-, en misións humanitarias de Médicos Sen Fronteiras.  

Reencontrámonos no ennobrecemento do veterinario comunista Benigno Álvarez e dos caídos e represaliados do 36, feita con moito tacto nun contexto hostil (1997) e coa dereita gobernando todas as institucións (en Maceda cun bipartito contranatura PP-PSOE, logo da espuria moción de censura a Bieito Seara, rexedor do BNG). Despois artellamos a homenaxe ao presbítero ilustrado Francisco Carballo (verán de 2000). O doutor Sánchez -que estivo en primeira liña- conforma hogano con Bieito Seara e nós mesmos, a cerna da asociación que procura manter acesa a memoria do historiador de Celeirón de Asadur.

Celso sabe escoitar a quen lle pode aportar algo. É persoa de mundo, culta e cosmopolita. Leva a política nas veas dende que tivo conciencia de seu. Foi dirixente estudantil de ERGA. Logo estivo no Consello Nacional do BNG (polos non adscritos), mesmo na altura da catástrofe do Prestige (novembro de 2002), onde se implicou a fondo na defensa das costas do Noso País. Relaciónase ben en case todas as frontes; mesmo con parte da Galicia oficial. Ten moitos amigos e moreas de coñecidos. Persoa chea de sensibilidade, pai de familia modélico, amosa grande capacidade de diálogo. Ademais da súa profesionalidade como médico (antes no Irixo, agora en Coles), é un dos pioneiros na dignificación da Atención Primaria no mundo rural galego. Ecoloxista fidedigno -non dos de salón- estivo na dirección de ADEGA (nomeadamente contra as plantacións masivas de árbores invasoras, das que trouxera sementes Frei Rosendo Salvado de Australia a mediados do XIX). Fundador e socio da histórica Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda. Outrosí activista na Fundación Insua dos Poetas; un fermoso proxecto abandeirado polo seu amigo Luís González Tosar (presidente do PEN Club Galicia, poeta, columnista e referente cultural en La Voz de Galicia). Mesmo é o médico de cabeceira do Club Ciclista Maceda-Academia Postal (que xa ten corredores recoñecidos a nivel mundial). Foi subdirector de Atención Primaria en Ourense na xeira do Bipartito, sindicalista con cargos ao máximo nivel na CIG Sanidade. Membro da xunta directiva do Colexio de Médicos de Ourense (dúas lexislaturas). Outrosí de diversas plataformas.

O doutor Sánchez é unha persoa íntegra, distinguida e xenerosa. Posicionouse para a alcaldía de Maceda en maio deste 2019 dende unha cosmovisión socialdemócrata de nacionalista sosegado (CxG). O compromiso ético (e estético) da súa traxectoria é o seu mellor aval para o seu novo reto como candidato ao Senado (nas listas de integración nacionalistas por Ourense arredor do BNG) para as Eleccións Xerais de novembro deste 2019. Todo un luxo no panorama da política en xeral e da ourensanía en clave nosa".


N.B.- Na primeira imaxe aparece o doutor Celso Sánchez no cartaz da candidatura oficial do BNG pola circunscrición electoral de Ourense ao Senado. A segunda xa a referenciamos e a terceira imaxe -en Santa Marta de Tormes (Salamanca)-, de dereita a esquerda, o doutor Celso Sánchez, Bieito Seara e Francisco Carballo (os tres macedáns -e amigos-candidatos ao Senado ou ao Congreso dos Deputados nalgúns intres das súas vidas políticas). 
Engadir que o mitin central en Maceda será na Praza das Toldas, o domingo, 3 de novembro deste 2019, ás 12.30 horas, no que participarán, ademais do doutor Celso Sánchez, a deputada do BNG Noa Presas e Paco García (ex alcalde de Allariz), candidato -como cabeza de lista- do BNG ao Congreso. Beizón!

Comentarios

Esté onde esté Carballo ten que estar ben ledo con esta nova.

Añadir un Comentario: