Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (7)

Lembrou logo o mantedor desta bitácora que no libro de Conversas (ANT, 2002) lle comentaran que había xente que o identificaba cos “Cristiáns polo socialismo” que se crearan en 1974 e que tiñan en Galiza ao crego Celso Montero como delegado principal. Francisco Carballo engadiu: “Naquel tempo eu vía con bos ollos unha recuperación do socialismo, pero nunca me metín nese movemento. Hoxe o socialismo histórico e o comunismo fracasaron, pero a inspiración non. Hai que crear unha alternativa a este capitalismo salvaxe e pódese chamar socialista. Non temos ningunha experiencia mundial, temos o fracaso histórico das formas que adoptou, tanto a comunista como a socialdemócrata, na que queda unha levísima esperanza. Pero non nas formas que adopta a terceira vía, a terceira esquerda, o liberalismo libertario... puro artificio lingüístico. Hai que crear unha alternativa seria de igualdade, de paz, que xa estaba nos pensamentos filosóficos con Marx e despois de Marx. Para min a mellor formulación de todo isto é a da escola de Frankfurt, de Adorno, de Marcuse, como pensamento filosófico-político co que debe dialogar o cristianismo. E, ao lado de todo isto, a fórmula da Teoloxía da Liberación en Latinoamérica. Son as máis avanzadas. Como vedes estou nunha postura, politicamente falando, de búsqueda. Ás veces escribo que o nacionalismo galego debe reelaborar estas cuestións, porque a socialdemocracia non é satisfactoria”. ¡Carballo en estado puro!

N.B.- Na primeira imaxe podemos ollar parte da banda de gaitas de Maceda interpretando -ao comezo do acto- a marcha procesional do Antigo Reino de Galiza. Tamén aparecen o alcalde Maceda, Rubén Quintas e Santiago Prol representando á Asociación Amigos de Francisco Carballo. Na segunda imaxe, coa sobriña Milagros Calvo Carballo en primeiro plano, podemos ollar parte do público presente, entre o que se atopaba xente dos cinco partidos políticos con representación institucional no Concello de Maceda. Beizón a todos el@s pola súa presenza no acto, á familia e ao público en xeral.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: