Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (6)

Sinalou despois o mantedor desta bitácora que Francisco Carballo foi un adiantado en moitas frontes: primeiro paúl licenciado en Historia no Estado español, director do colexio dos paúis en Marín moi novo (tiña 29 anos), director en Barakaldo -colexio dos paúis no barrio de Beurko-  con 33 anos (1958-65) -o seu mellor feito histórico baixo os parámetros daquel nacional catolicismo coas misións populares no día a día da xente-, reitor do teologado de Salamanca  con 40 anos (1965-73) e coa renovación teolóxica ao ar do Vaticano II, que lle axudou a mudar a mentalidade. No verán de 1973, con 48 anos de idade, decidiu dar un xiro copernicano á súa vida e regresou ao Noso País, a Vigo pra vivir nun piso de curas obreiros (el que puido ser bispo e chegar onde chegou outro egrexio relixioso macedán, o cardeal Quiroga Palacios). Alí, na fronteira do eclesial e no corazón do debate social, procurou unha inmersión global na sociedade: política, docencia, investigación histórica, cultura, xornalismo, mundo editorial, inculturación da Igrexa galega arredor de Irimia... 

N.B.- Na primeira imaxe aparece o alcalde de Maceda, Rubén Quintas -coa sobriña do homenaxeado, Milagros Calvo Carballo- e, ao fondo, parte da xente de ben presente no acto: familiares, veciños, amigos e representantes políticos de Maceda. Na segunda imaxe podemos ollar á sobriña de Carballo descubrindo a placa.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: