Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (5)

Despois de escoitar o solemne Himno do Antigo Reino de Galiza que tanto lle gorentaba a Carballo -nunha loábel interpretación da banda de gaitas de Maceda- e de ler a sentida mensaxe do presidente da AELG, repartiuse o díptico entre os presentes. Escollemos unha das fotos iconográficas que lle tirara Xan Carballa na rúa Príncipe de Vigo a mediados dos anos 80, cun Carballo pletórico e transgresor para os parámetros convencionais daquela época. Santiago Prol leu só o primeiro parágrafo da autobiografía (reproducida no díptico e que el publicara na súa entrada en www.aelg.gal). Francisco Carballo falaba da súa infancia no lugar de Celeirón (niño de reiseñores), da parroquia de Asadur, da familia, das feiras de Maceda, dos xogos, da escola republicana e de que montou a cabalo dende sempre, pois sabía montar dende os tres anos. No libro de Conversas (ANT, 2002)  díxonos que o que más botaba en falta no Morrazo naquela altura –tiña 76 anos- era non ter un cabalo: “Os meus curmáns dedicábanse a vender e a mercar gando, como todos os Solveiras. Nós tiñamos cabalo na casa. Os nosos parentes viñan na primavera coas greas de gando, maiormente poldros e cabalos, para que engordasen e se vigorizasen e logo vendíanos na feira de Maceda. Eramos bos xinetes e a miña ilusión, aínda hoxe, sería ter un cabalo. Nós nacemos nos cabalos, era algo consubstancial ao noso tempo”.

N.B.- Inserimos nesta achega dúas fotos tiradas no acto. Na primeira aparece a banda de gaitas de Maceda e na segunda a placa -co fondo azul da nosa bandeira- xa pendurada na praza que leva o nome do presbítero ilustrado de Maceda.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: