Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (4)


Logo de saudar ás autoridades, representantes políticos, familia de Francisco Carballo, veciños e amigos presentes no acto  [unhas 70 persoas] Santiago Prol, en nome da Asociación Amigos de Francisco Carballo, agradeceulle ao alcalde de Maceda, Rubén Quintas e á actual corporación municipal -ao completo- e ao anterior alcalde Xabier Oviedo e á corporación daquela altura (febreiro de 2015), que este recoñecemento sexa unha realidade integral. Denantes da súa intervención, leu a sentida mensaxe que lle enviou o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, ao non poder estar físicamente no acto:

Sinto moito non vos poder acompañar, por estar fóra do País. Parabéns pola iniciativa coa que honrades a súa memoria e facedes que sexa parte do noso presente a determinar o noso futuro, que acalma a nosa orfandade pola súa ausencia. Boto tanto en falta a súa sabedoría, a calidez da súa amizade fraterna, a súa sobria tenrura, a súa afouteza intelectual! A súa implicación en construír proxectos colectivos fixo del o mestre necesario, o bo e xeneroso que di o noso himno nacional dos que día a día constrúen a nación. Parabéns por este acto de celebración da súa vida e da súa obra. A súa fértil conciencia abriu camiños que de certo el sabía nos levarán a que esta terra que el tanto amou, exerza o irrenunciábel dereito a poder determinar o seu futuro. Cunha aperta fraterna e nacionalista, Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

N.B.- Escollemos intencionadamente para esta achega unha foto do 4 de agosto de 2000, ao abeiro do Castelo de Maceda, cando lle fixemos a Francisco Carballo a homenaxe como o FILLO MÁIS SOBRANCEIRO VIVO DO CONCELLO DE MACEDA. Na cea de confraternidade, na que asisiran unhas 130 persoas, Cesáreo Sánchez Iglesias fixera outra loa moi acesa a prol do presbítero ilustrado de Maceda. Beizón! 

Outrosí penduramos o enlace da nova que apareceu -logo do acto- no xornal La Voz de Galicia, xunto coa foto que o acompaña e na que podemos ollar xa descuberta a placa e á sobriña do presbítero ilustrado de Maceda, Milagros Calvo Carballo, co alcalde de Maceda, Rubén Quintas (á esquerda da imaxe) e con Santiago Prol, o mantedor desta bitácora:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2019/09/14/francisco-carballo-placa-maceda/00031568482156290110290.htm# 

Fonte da imaxe: www.lavozdegalicia.es


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: