Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS NO MONOGRÁFICO DE "TERRA E TEMPO" (2019)

Recollemos do xornal SERMOS GALIZA: "O vindeiro 25 de xullo (de 2019), ás 18.30 horas, o Festigal (Compostela) acollerá a presentación dun novo número da publicación Terra e Tempo titulada Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976). O volume recolle artigos de trinta e dúas autoras e autores sobre vinte e cinco asociacións culturais e será presentado por María Pilar García Negro, Nemesio Barxa e Pilar Allegue. Nesta ocasión representa a radiografía máis completa do movemento cultural galego na ditadura. Trátase dunha aproximación a un sector daquela mocidade con ganas de rachar cunha dinámica cultural paternalista e desgaleguizadora".

Tocounos a nós facer o traballo sobre a Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda que, no introito do "Terra e Tempo" definen como "galegos de lei en Maceda". En 14 páxinas de texto e documentos gráficos fixemos unha radiografía da nosa histórica asociación cultural, que subtitulamos "Doce anos de concienciación e de identidade (1974-86)". Imos restacar prá bitácora só o que lle dedicamos a Francisco Carballo. Pró resto do noso traballo, invitamos a quen nos sigue, teña a ben adquirir o monográfico completo e asistir no Festigal á presentación: 

"(...) Outrosí o historiador Francisco Carballo, orixinario de Celeirón de Asadur [Maceda] que xa estaba operando ao máximo nivel na  Asociación Cultural de Vigo, “unha das máis politizadas e vixiadas pola policía. Naquela época utilizouse como plataforma política. Primeiramente todo o galeguismo e o antifranquismo. Logo foi indo na liña da UPG” comentounos no libro de Conversas [Prol / Carballa: 2002]. Logo engadía: “Estiven de presidente da Cultural até o 85. Faciamos cursos de galego, clases e montaxes audiovisuais sobre Historia de Galiza e sobre Rosalía. Organizamos excursións co lema Coñecer Galiza. Conferencias no Centro Cultural da Caixa de Aforros de Vigo. Trouxemos a Benedetti, a Barxa de Quiroga, a Costa Gomes, a Miguel Anxo Araúxo, a Ruiz Giménez... Outrosí a Theodorakis co seu xeito coral de ollar o Canto General de Neruda”. Dese referente bebeu en parte a nosa asociación cos poucos medios que tiña.

 

Cóntanos o doutor Sánchez que no outono de 1974 el e o doutor Lage [daquela aínda estudantes de Medicina] se desprazaran até a Escola Normal de Maxisterio de Vigo -dende Compostela- para contactar co presbítero ilustrado de Maceda para que lles axudase naquel proxecto. Xusto o día que foran [un venres], era o que libraba Carballo das súas obrigas docentes. Faríano ao ano seguinte para que impartise unha charla sobre a Nosa Historia. Francisco Carballo -xa comprometido co nacionalismo e co proxecto d´ANT-  fixera, no pioneiro libro Historia de Galicia promovido pola Fronte Cultural da ANPG [1979], a parte correspondente á Idade Moderna e o Apéndice [Idade Contemporánea dende 1939 até 1979], no que imprentara: “No mes de agosto de 1975 Galicia viviu unha onda de terror. Detencións e rexistros domésticos culminaron o día 12, no que a policía española asasinou a Xosé Ramón Reboiras Noia, un dos dirixentes da UPG”. Pola verba “asasinou” puxéronlle unha denuncia, retiraron o libro do mercado, fixéronlle un xuízo e logo foi condenado a seis meses de cárcere. Unha denuncia que apareceu pouco despois do 23-F, onde Carballo tamén aparecía nas “listas negras”. Na páx. 217 dese volume escribiu: “Tanto prá contracultura como prá cultura popular, un dos vehículos foron as asociacións culturais de cidades e vilas. Loitaron pola galeguización e serviron de oportuna cobertura de organizacións sindicais e políticas clandestinas. En Ribadavia montaron unha mostra anual de teatro que ten alentado esta arte. A lingua galega, tan atacada polo franquismo, foi o santo e seña da oposición. Os nacionalistas reivindicaron a normalización do galego, da súa oficialidade exclusiva pra liberar esta comunidade colonizada” (...).

N.B.- A primeira imaxe amosa a portada do "Terra e Tempo" deste 2019. A segunda é o cabaceiro deseñado polo alfareiro Benito Gándara de Maceda, que empregaban como agasallo. A terceira é o póster do Castelo de Maceda que se puxo á venda pra recaudar fondos prá agrupación. A última é un recorte parcial do traballo que nós tiñamos feito sobre as primeiras -e xa históricas- xornadas culturais artelladas polos Cabaceiros en Nadal do 74 e que imprentamos no xornal La Región de Ourense (Prol, 1986). Beizón!

Eis o enlace á nova en SERMOS GALIZA: https://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/mais-completa-radiografia-das-asociacions-culturais-franquismo-festigal/20190721124551082132.html

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: