Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (1)

No número 729, con data do 6 de xuño de 1996, aparece na páxina 16, o anuncio da Homenaxe a Francisco Carballo arredor do entorno d´ANT [que non se puidera facer antes por problemas de saúde do presbítero ilustrado de Maceda, que xa tiña 71 anos de idade]. Naquela altura o seu amigo Manuel María -que participaría na homenaxe- estaba nomeado para recibir o Premio Otero Pedrayo polo seu labor de divulgación cultural. Anunciábase, cunha foto de Xan Carballa, mesmo co escudo  e o mapa de Galiza de fondo, un acto académico baixo o título "Nacionalismo e Historia" no Centro Cultural Caixavigo ás 7:30 da tarde do 15 de xuño daquel ano. Intervirían algúns dos máis destacados investigadores daquela Escola de Historiadores que impulsara Carballo arredor d´ANT.  Na páxina 30, na sección Lecer, dentro do apartado dedicado a Vigo, aparecía outra volta o comunicado sobre a mesa redonda, xunto co nome dos ponentes: Bieito Alonso, Lois Obelleiro Piñón, Anselmo López Carreira e Francisco Carballo, mesmo con Cesáreo Sánchez Iglesias "no papel de moderador". Logo, ás 9:30, denantes de empardecer (como dirían na súa terra de orixe) faríanlle unha cea-homenaxe no [actualmente desaparecido] Restaurante EL Castillo, no Monte do Castro en Vigo, no que tería protagonismo Bieito Seara representando á xente de ben de Maceda e da que falaremos nas seguintes achegas. Outrosí participarían persoas transcendentais do seu círculo nacionalista en Vigo e abeirados, xunto con egrexios poetas nacionais, representantes da AS-PG..., dos que falaremos -en chegando- tamén polo miúdo.

N.B.- Na primeira imaxe podemos ollar o anuncio do semanario A Nosa Terra sobre a Homenaxe a Francisco Carballo que ían artellar o 15 de xuño daquel 1996. Na segunda aparece a cabeceira d´ANT, núm. 729 (6/VI/1996) que adiantaba aquel recoñecemento que comezamos a peneirar nesta achega.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: