Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (9)

O 16 de agosto de 2012 publicou en Sermos a columna titulada “Camiño longo” [evocando o poema de Cabanillas -musicado por Batallán no 75-]. Nela Francisco Carballo regresa espiraliforme ás súas teimas: mobilizacións, revoltas, elites opresoras, oligarquía do capital, neoliberalismo, loita das clases populares... Mesmo sobre a marcha liberadora dos pobos [de esperanzador -e longo- percorrido]. Eis o texto: “A interpretación dos movementos de loita da xente do común no Antigo Réxime, non é única. Menéndez Pidal como R. Mousnier consideraron eses movementos como actitudes testemuñais a varrer polo progreso histórico. E. Hobsbawm afirmou que os motíns populares “solían seren unha reacción ante o cambio social”. Pedro L. Cadarso, en “Los conflitos populares en Castilla (siglo XVI-XVII)”, rebate esa interpretación: “As mobilizacións populares non son meras resistencias ao cambio nin protestas contra os aspectos más visíbeis da oligarquización ou do réxime señorial, senón que son o froito dun perfecto coñecemento da realidade sociopolítica e dunha planificación pragmática dos obxectivos e das formas de loita; intentando sempre encontrar solucións realistas que puidesen sosterse á longo prazo”. Isto supón unha cultura popular non varrida polas elites. Se analizamos movementos similares, na Idade Contemporánea, en países con clases sociais definidas, as revoltas, os intentos revolucionarios, obedecen a planificacións obxectivas. Por iso o enfrontamento entre as clases campesiñas, obreiras, etc., coa oligarquía ten unha relevancia histórica grande. O século XIX, en Europa, foi un campo deses enfrontamentos. O século XX levounos a situacións bélicas catastróficas. A oligarquía do capital non tivo inconveniente en adoptar formas enmascaradas, v.g. fascistas, nunha loita que acabou en dúas guerras mundiais. Puideron algúns países europeos gozaren de certa paz social e distribución da riqueza uns 30 anos; eses gloriosos de 1945 a 1975. Nós atravesamos “unha longa noite de pedra”. Mais puidemos melloraren economicamente a partiren de 1960. Despois da “noite de pedra” veu a Transición, esa enmascarada entrega ao neoliberalismo. ¿Que “perfecto coñecemento da realidade” teñen as clases populares hoxe? Uns colectivos demostran ter coñecemento e vontade de loita; mais o varrido ideolóxico a facer polas elites dominantes, cos mass media, a escola, etc., é aterrador. Non son capaz de cuantificar porcentaxes. A saída desta situación de opresión máxima do capital sobre os traballadores e sobre o crecente número de desempregados, só e posíbel desde a liberación das cadeas ideolóxicas que atenazan ás multitudes inermes. ¿Como? Con todos os medios a posuír. Co diálogo boca a boca, coas redes de asociacións culturais, coas manifestacións, coa resistencia diaria nunha loita crucial desesmascarizadora. O futuro está nas nosas mans, a marcha liberadora pode ser longa, pero é inevitábel”.


N.B.- A imaxe dunha -moi- simbólica portada de Sermos Galiza tirámola de www.cig.gal
Eis o enlace á cantiga "Camiño longo", simbólico poema de Ramón  Cabanillas, musicado por un inspiradísimo Luís Emilio Batallán en 1975 [inserido no LD "Ahí vén o maio" que tanto lle gorentaba ao presbítero ilustrado de Maceda]: 

Ver Vídeo



Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: