Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (7)

O 20 de xullo de 2012 saíu en Sermos a quinta columna de Francisco Carballo co título “Aggiornamento 50”, rememorando aquel Concilio Vaticano II [iniciativa de Xoán XXIII] que tanto influíra na súa evolución teolóxica e traxectoria vital [cun xiro copernicano e posterior regreso ao Noso País, moi lonxe da cúpula na que estaba no reitorado dos PP Paúles en Salamanca]. Coa axuda de referentes actuais no eido da teoloxía e da historia da Igrexa, maiormente no referido ao Vaticano II [Congar, Melloni, O’Malley e Queiruga], volve amosar unha clarividencia edificante. Eis outra fulgurante píldora do presbítero ilustrado de Maceda: “Hai 50 anos da inauguración do Concilio Vaticano II. Era o ano 1962, no inicio da “década prodixiosa”. No recordo, a figura cordial de Xoán XXIII -Giuseppe Roncalli-, un Papa sinxelo, amante da historia, sobrio e encantador. Atrévome a evocar este Concilio Vaticano II en tres palabras: aggiornamento, desenvolvemento, ressourcement. Tres palabras que cómpre repensar. Aggiornamento, abrir as fiestras, “dar ao concilio un horizonte actual, renovador, que marcase a substancia do ser cristián” (Alberto Melloni). Traer un vento suave de creatividade, de innovación, de cada día unha nova vida. Desenvolvemento, “universalem ecclesiam repraesentans”. Concilio convocado pola Igrexa; os anteriores necesitaran sempre o consenso imperial ou foran convocados por orde imperial. Concilio de bispos, tamén de teólogos. Di Yves Marie-Joseph Congar, no seu Journal, que se sentiu “frappé” perante a presenza de tantos teólogos. Concilio en que se introduce a historia como lugar en que ocorre a verdadeira interpelación de Deus; en que a Igrexa recoñece canto recibiu da historia e do desenvolvemento do xénero humano (Gaudium et Spes, 44). Ressourcement, neoloxismo francés. Yves Congar utilizouno no seu ensaio “Vraie et Fausse”, unha das primeiras incursións dun católico na teoloxía histórica. Para John William O`Malley, “ressourcement” é utilizar o pasado para corrixir o presente; non como anticuari@s, senón como programador@s dunha construción do presente. O Concilio Vaticano II, 1962-1965, buscou unha saída de liberación: liberdade de conciencia e de expresión, diálogo con todas as culturas (inculturación); unha continuidade discontinua: do exclusivismo das igrexas ao inclusivismo, á recapitulación. Torres Queiruga, sempre tan conciliar, utiliza nos seus libros de elaboración teolóxica como titulares repensar, recuperar. Sería un erro histórico esquecer un tesouro, ese cristianismo repensado á luz do evanxeo e da ciencia. Por máis que as igrexas vivan nun involucionismo contrario ao Vaticano II, por máis que sexan estes tempos de crise temerosa, de acoso do integrismo, os documentos do Vaticano II son unha alfaia. Un dos momentos angulares da historia do cristianismo cando se abriron as fiestras para recibir e encontrarse con tod@s”

N.B.- A imaxe de Xoán XXIII tirámola de www.aciprensa.com

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: