Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

RACHAR A DÉBEDA CON FRANCISCO CARBALLO (1)

O 21 de outubro de 2018 o xornal dixital Sermos Galiza publicou con ese título tan aqueloutrado unha entrevista ao mantedor desta bitácora. Logo, o 26 de outubro, a web da Asociación de Escritores en Lingua Galega [http://axendacultural.aelg.gal/tag/santiago-prol/] titulouna “Entrevista a Santiago Prol en Sermos Galiza. Na primeira inserían unha fotografía de Francisco Carballo tirada polo xornalista Xan Carballa e a outra enxertaba unha fotografía de Santiago Prol. Eis a nova en dúas achegas: “Medio cento de persoas participaron no roteiro cultural pola vila de Maceda para percorreren os lugares de Francisco Carballo cando se van facer catro anos do seu falecemento.

O punto de partida foi a Cafetaría Castillo, onde o escritor, presbítero, teólogo e historiador Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), un dos máis entusiastas impulsores de Sermos Galiza, facía parte dun faladoiro cada vez que regresaba ao seu lugar de orixe. “Alí sempre quedaba Carballo coa xente de Maceda, xuntábase con quen tiña vínculos con el”, explica, en conversa con este medio, Santiago Prol, un dos impulsores da Asociación Amigos de Francisco Carballo, entidade que organiza os roteiros na súa lembranza. O último tivo lugar o sábado, día 20, na vila de Maceda. Máis tarde o medio cento de persoas que quixo honrar Carballo visitou o Museo do Médico Rural, “aínda non está aberto, mais permitíronnos a visita por deferencia e alí lembramos como os médicos de hai setenta ou cen anos ían en besta desde Maceda até aldeas como a de Celeirón, de onde el era natural. Agora a xente vén ao centro médico pero antes os facultativos tiñan un trato máis humano e directo cos pacientes”. A Biblioteca Pública Francisco Carballo foi outro dos epicentros do roteiro. Ademais de contar coa biblioteca particular que o propio homenaxeado doou ao concello, abeira un espazo dedicado a el con todos os seus libros e con imaxes e cartaces que lembran a súa traxectoria.

  

Un blog que recolle a traxectoria de Carballo. “Tamén aproveitamos para impulsar a bitácora da asociación, que suma 170 achegas nos dous anos que ten de vida”, afirma Prol, “Carballo dá moita cancha porque era teólogo, xornalista, historiador, facía recensións de libros constantemente e produciu unha cantidade enorme de artigos e publicacións”. As últimas entradas versan sobre o roteiro; sobre Castelao, coincidindo coa chegada do cadro A derradeira leición do mestre a Galiza, e sobre o libro Conversas con Francisco Carballo, do xornalista Xan Carballa e de Santiago Prol e editado en A Nosa Terra. “Francisco Carballo escribira unhas memorias que non chegara a publicar. Titulábanse Na fronteira do eclesial e no corazón do debate social pero, finalmente, decidírase por facer o libro de conversas. Aínda así hai aspectos das memorias que non saíron no libro e que publicaremos no blog”, sinala o impulsor da asociación. Outro dos contidos máis esperados é a entrevista da xornalista Tareixa Navaza a Francisco Carballo emitida na TVE. Conversa que se proxectou o sábado no roteiro por Maceda, onde se xuntaron antigos alumnos, teólogos, curas, ex curas, amigas e amigos e familiares.

N.B.- A segunda foto tiroulla ao presbítero ilustrado de Maceda o xornalista Xan Carballa. Na primeira aparecen Santiago Prol e Francisco Carballo -na primavera de 2014- no Teologado de Salamanca dos PP Paúles do que el fora reitor [tirou esta foto -o daquela rexedor de Maceda- Xabier Oviedo].

Eis outra volta o enlace ao -xa histórico- vídeo da Tareixa Navaza:

Ver Vídeo


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: