Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

PREMIO GALIZA MÁRTIR A TÍTULO PÓSTUMO

Aínda que xa fixemos mención a este premio noutra achega, queremos exhumar hoxe que publicaba o xornal Faro de Vigo, na súa edición de Pontevedra, o 18 de agosto de 2015, poucos meses despois do pasamento do presbítero ilustrado de Maceda con este titular: “Premio Galiza Mártir a título póstumo para Francisco Carballo”. Logo nunha entradiña, engadían: “Cidadáns, organizacións políticas, fundacións e asociacións pola recuperación da memoria histórica e a defensa dos dereitos humanos conmemoran o Día da Galiza Mártir”.

"Non é a tristura e as bágoas o que marca este acto, é o orgullo que nos enche". O presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Uxío Breogán Diéguez, explicaba así o espírito do Día da Galiza Mártir 2015, unha celebración especial, a primeira despois de que o Ministerio de Xustiza recoñecese a inxusta morte do galeguista, e na que por primeira vez participou oficialmente a Diputación. Con ela, os concellos de Poio e Pontevedra, fundacións e asociacións que loitan pola memoria histórica e os dereitos humanos. O monumento na Caeira, o cemiterio de San Amaro e o casco vello de Pontevedra foron os escenarios dos actos. O historiador Francisco Carballo, que traballou arreo para difundir a historia de Galicia e que loitou pola transformación social do país, recibiu onte a título póstumo o décimo Premio Galiza Mártir. A entrega celebrouse no almorzo de confraternidade que deu paso ás homenaxes no cemiterio de San Amaro. Posteriormente celebrouse un acto político na praza de Curros Enríquez co que se despediron as celebracións, nas que o líder do BNG solicitou unha vez máis a institucionalización do Día da Galiza Mártir [17 de agosto] a xeito de "recoñecemento e reparación moral de todos os asasinados tanto na guerra como posteriormente". Lamentou que esta institucionalización que "levamos anos propoñendo no Parlamento por culpa do Partido Popular aínda non pudo levarse á efecto, é unha reparación necesaria dos que loitaron pola democracia e pagarono coa súa vida".

N.B.- A primeira imaxe tirámola de www.estacionatlantica.blogspot.es e a segunda de www.laopinioncoruna.es


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: