Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

OITOCENTOS OITENTA E TRES / CO GALLO DO 4º CABODANO

Oitocentos oitenta e tres. Ese é o número de libros de Francisco Carballo que tiveron a ben pasarlle á Biblioteca Pública de Maceda [ten un fondo de máis de 13.000 volumes] que mesmo leva o nome do presbítero ilustrado de Celeirón de Asadur. Engadiríamos os ensaios escritos por el, o libro de Conversas e algunhas das obras colectivas nas que colaborou. Un bo feixe destes doámolos nós por duplicado ou triplicado algunhas das veces que nos achegamos até a biblioteca. Francisco Carballo tiña moitos máis libros. Todo o catálogo imprentado pola editora d´A Nosa Terra -da que el posuía exemplares- incrementaría bastante ese 883. Ademais facía periodicamente no semanario ANT e noutras revistas recensións de libros que lle pasaba moita xente...

No cuarto aniversario do seu pasamento [finou en Salamanca o 29 de novembro de 2014] queremos lembrar -intencionadamente- o catalogado na nosa biblioteca e que amabelmente nos cuantifica a bibliotecaria Avelina Losada López, que sempre atende as nosas peticións e arelas con enorme sensibilidade por todo o que ten que ver coa cultura. Eis a relación: 327 de relixión, cursos e revistas; 30 biografías; 134 novelas, teatro e poesía; 86 de ciencias e política; 100 de lingua e literatura e 206 de xeografía e historia... Seguiremos traballando para vindicar e dignificar o seu legado e para que se lle recoñezan os servizos prestados a Maceda e ao Noso País. Que lle sexa leve a terra. Beizón!

N-B.- A primeira imaxe amosa o espazo que o Concello de Maceda, da man do alcalde Xabier Oviedo e o seu equipo de goberno tiveron a ben habilitarlle a Francisco Carballo na biblioteca que leva o seu nome, iniciativa esta que fora votada por unanimidade en pleno na xeira de Bieito Seara e logo executada na do alcalde Manuel Rodríguez Carballo. O lema que puxeron no espazo dedicado a el defíneo á perfección: "UNHA VIDA DE AMOR E REBELDÍA POR UN POBO". A segunda amosa parte dos cartaces enmarcados, entrevistas, achegas da bitácora... sobre a súa figura e que penduramos periodicamente a carón dos seus libros. A terceira é da entrada da biblioteca e que tiramos hai uns días -xunto coas outras- na procura infructuosa de documentación sobre outro tema vencellado co noso.

Xan Carballa mesmo pendurou en www.anosaterra.com unha oportuna achega hoxe, co gallo do 4º aniversario do pasamento de Francisco Carballo. Invitamos a quen nos siga nesta bitácora, teña a ben ir ao enlace. Fala do que estamos a facer, insire o fermoso documental que artellara para a primeira homenaxe póstuma e pendura as últimas entrevistas que Xan lle fixera ao presbítero ilustrado de Maceda:

Link a Entrevista


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: