Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

ALBA DE GLORIA DE CASTELAO, NO 70 ANIVERSARIO

Ao abeiro do 25 de Xullo de 2008, no 60 aniversario do memorábel discurso que Afonso Daniel Rodríguez Castelao pronunciou no Teatro Arxentino de Bos Aires, co gallo do Día de Galiza de 1948, a Consellería de Cultura e Deporte, naquela altura en mans do BNG no Goberno Bipartito [2005-2009], publicou unha edición non venal do Alba de Groria. Conseguimos varios exemplares eiquí en Compostela e remesámoslle un a Francisco Carballo ao Colexio San Narciso en Marín. Logo xa na Quintana, no mitin central do nacionalismo daquel ano, díxonos que esa era unha das versións que Castelao fora reelaborando nos últimos anos, que había lixeiros matices con outras; mesmo que o parágrafo dedicado a Alexandre Bóveda [“un dos derradeiros mártires que repousan nos cemiterios de Galiza en número incontable”], non estaba incluído en versións anteriores.

Dez anos despois, no 70 aniversario, o Consello da Cultura Galega recupera esa maxistral peza de oratoria como realidade virtual, con recreacións sonoras da época [coa propia voz de Castelao na única gravación que conservamos del], con contextualización, documentos orixinais e fasquías sobre a xestación e variacións deste texto capital para a memoria de Nós. A exposición -comisariada por Manuel Gago- está, dende hai un par de días, na igrexa de San Domingos de Bonaval, a carón do Panteón de Galegos Ilustres, onde tamén repousa Castelao, abeirado ao Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela.

Na procesión desta Santa Compaña de Inmortais aparecen nomeados -nesta versión última- 72 persoeiros galegos. Ao remate da visita pódese votar para engadir nomes a esa xa mítica procesión [agasállannos cun exemplar que desta volta leva un introito de Miguel Anxo Seixas, que mesmo vén de publicar unha extraordinaria tese doutoral sobre Castelao]. Folga dicir que nós engadimos os nomes do mariño João da Nova, xa que logo Castelao incluíu ao navegante Sarmiento de Gamboa e aos irmáns Nodal. Outrosí puxemos o nome de Benigno Álvarez, para que acompañe a Alexandre Bóveda nese parágrafo engadido, que mesmo fende o discurso xeral, e que el inclúe na Tradición. Dende a AAFC alentamos a quen nos siga, se achegue a Bonaval para ollar esta experiencia sentimental, sala de verbas, labirinto de persoeiros e fábrica de mitos galegos. Até o 3 de febreiro do 2019. Beizón!

N.B.- A primeira imáxe tirámola do frontal da igrexa de Bonaval [aclarar que Castelao titulouno orixinalmente "Alba de Groria"]. A segunda é do comezo da proxección de imaxes co discurso. A terceira é do cartaz co que agasallan aos visitantes e que serve para identificar aos 72 persoeiros citados na peza oratoria e que aparecen logo no labirinto. A cuarta vai dedicada a Bóveda e na última, xa que estabamos en Bonaval, podemos ollar o sartego de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres e que tanta polémica tivera co traslado dos seus restos dende o Cemiterio da Chacarita bonaerense en 1984.

Desta volta suxerimos varias ligazóns. A primeira cun fermoso vídeo sobre o primeiro parágrafo deste discurso:

Ver Vídeo

A voz de Castelao na "fonopostal" remesada dende Montevideo:
Ver Vídeo

O "Alba de Gloria" completo, lido dende o alto do Pico Sacro:
Ver Vídeo

Para rematar, as imaxes da polémica chegada dos restos de Castelao a Bonaval o 28 de xuño de 1984, coa voz da xornalista Tareixa Navaza que xa quedará para a historia do Noso País. Vai en dúas ligazóns. A primeira, un vídeo ensaio para o congreso "El cine y la televisión en la España de la Post -Transición (1979-1992" organizado pola Universidade Carlos III. No outro enlace aparecen as imaxes e os rexos comentarios da Navaza nunha síntese do que foi aquela extraordinaria data:
Ver Vídeo

Ver Vídeo


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: