Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

AUTOBIOGRAFÍA / BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA (2)

 

"(...). Como escritor comecei en revistas relixiosas, nos anos 1946-49. Logo publiquei "El Santuario del Monte Medo", que se esgotou nos anos 60. Ademais dos meus libros [en galego] referidos na bibliografía, en Salamanca editei “La oración cristiana” na "Enciclopedia do Catolicismo e a Congregación da Misión” - PP. paúles, en EPESA.  Teño varias monografías en números extra d´ANT, ensaios en revistas estatais e internacionais, etc. Escribo semanalmente no periódico ANT recensións de libros ou / e columnas. 

Desvelei a miña interioridade en “Conversas con Francisco Carballo” (ANT, 2002), obra de Santiago Prol e Xan Carballa. A iso me remito. Toda a miña actividade podo dicir que está sempre arredor da historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente. Mais amo a montaña, o mar, o silencio das noites de luar e os días de choiva quente. Pero só en casos isolados tentei o ensaio literario e nin sequera o conservo. Nos artigos en ANT e en varios outros medios, procuro combinar pensamento e bo expresar. Teño consciencia da lingua galega na que me ubico e que debo coñecer e usar con rigor e estilo.

Conservei o diario "de melancolía e soños" desde os 16 anos que, aos sesenta, botei ao lume; gardo algo dos anos 1963 e seguintes. Nos anos 1990 redactei unhas “Memorias” que serviron a Santiago Prol e a Xan Carballa para as "Conversas"; de vez en cando prosígoas. Vivo no Morrazo desde que me xubilei como profesor. Comparto casa con paúles; estou activo: ministerialmente coa pequena Igrexa galega de Irimia; culturalmente, con colectivos v.g. Fundación Joan Maragall (Barcelona), Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), ANT (Vigo) e outros; intencionalmente co BNG. Intento dar remate a unha monografía s. XVI de Galiza e a un ensaio sobre "inserción do cristinanismo" na nosa nación.

Son asiduo de canto virtual se publica en galego, e non virtual, por suposto; coñecía a Biblioteca Virtual Galega (BVG) e felicítovos por tal facto. Inda que son da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), non creo literatura e non me considero chamado a tan egrexia categoría de creadores literarios. Gosto da investigación e acepto o ensaio como diálogo cos lectores. Marín, 8/XI/2004".

 N.B.- As tres imaxes datámolas o 4 de agosto de 2000, en Celeirón de Asadur (lugar matricial de Francisco Carballo) e na vila de Maceda. Na primeira aparece el diante do seu berce atendendo a un medio autiovisual (TVG). Na segunda, a carón do Castelo de Maceda, nun toldo de feira artellado para a cea de confraternidade con máis de 120 persoas, ollamos ao teólogo Manuel Peleteiro facendo unha loa do seu mestre e referente, xunto con Anxo Quintana, naquela altura senador do BNG e -axiña- futuro líder da organización nacionalista. Na terceira podemos ver a entrada da Biblioteca Pública Francisco Carballo, xusto o día no que o recoñecían publicamente como "O Fillo máis sobranceiro vivo do Concello de Maceda"; homenaxe e nova que foron cubertas por moitos medios de comunicación.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: