Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

AUTOBIOGRAFÍA / BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA (1)

Para o díptico do Roteiro OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO, 2018, decantámonos pola Autobiografía que tivo a ben inserir na Biblioteca Virtual Galega (BVG) en novembro de 2004, e que imos pendurar en dúas achegas: 

"Son de Celeirón de Asadur (Maceda - Ourense). Nacín o 8 de marzo de 1925. O cuarto de sete irmáns (catro homes e tres mulleres). Lembro a miña infancia como inocencia e xogo. Fun á escola aos cinco anos; fixen a 1ª Comuñón aos seis. Montei a cabalo desde sempre porque me levaban de neno e sabía montar desde os tres anos. Era unha infancia divertida: a escola tenra; as feiras de Maceda os 4 e os 20, unha ilusión; os xogos na "carreira" continuos; a familia, un fogar entretido. Perdín, por falecemento, a irmá maior cando tiña eu sete anos: foi moi amargo. Aos 11 anos pedín ir estudar aos Milagres, un santuario cunha preceptoría a seis quilómetros da miña casa. No 2º curso de bacharelato, no verán, faleceu meu pai: moi duro transo. Seguín estudos. Aos 16 anos optei por un noviciado de "paúles" en Madrid. Catro anos en Madrid máis catro en Cuenca de estudos filosófico-teolóxicos. No máis puro "nacionalcatolicismo", nun internado filosófico atroz, mentres o teolóxico resultou amábel. Presbítero aos 24 anos, o 3 de xullo de 1949 na catedral de Cuenca. 

Profesor de seminario —cursos de filosofía— e estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciado no 1954 con Sobresaliente. Iniciei o doutorado a compatibilizar como director do colexio San Narciso de Marín, 1954-1958. Deste a Barakaldo, 1958-1965. No 1965 reitor do Teologado de paúles en Salamanca. Renovación teolóxica ao ar do Concilio Vaticano II. Así 8 anos decisivos para mudar de mentalidade. En 1973 decidín voltar ao meu país. Vigo como domicilio; profesor da E.U. de Maxisterio e horas no Politécnico. Profesor e animador cultural, político e relixioso. Actividade relixiosa na Igrexa galega dos "Coloquios", de Irimia, etc. En Vigo había cregos obreiros e con eles vivín. Actividade cultural directa no barrio e na Asociación Cultural de Vigo que presidín uns anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais Galegas, 1977, editora d´A Nosa Terra. En política tomei parte na ANPG e logo no BNG (...)".

N.B.- Desta volta ilustramos as dúas achegas con documentos gráficos da homenaxe que lle fixemos na súa terra de orixe. Na primeira aparece Francisco Carballo, logo da descuberta da placa vindicativa na súa casa natal en Celeirón, co -daquela- alcalde de Maceda, Manuel Rodríguez Carballo e con Bieito Seara, ex calcalde e amigo dende a militancia e o compromiso. Na segunda tamén está a súa sobriña Milagros Calvo Carballo, que fixera unha evocación acesa da súa figura. Na terceira imaxe podemos ollar a Francisco Carballo con familiares que o felicitan. Tamén podemos ver a Bautista Álvarez, Manuel María, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bieito Seara, Xulio Conde, ao mantedor desta bitácora e outra xente de ben, que o acompañou naquel memorábel 4 de agosto de 2000.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: