Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

VÍDEO DE XAN CARBALLA NA HOMENAXE NACIONAL, MARÍN, 2005

Reparamos hoxe no vídeo que artellou Xan Carballa para a Homenaxe Nacional que lle fixemos a Francisco Carballo en Marín en 2005. Aparecen imaxes del [e doutros nacionalistas salientábeis: Bautista Álvarez, Camilo Nogueira, Manuel María...] nun mitin en xuño de 1977. Coidamos foi o de peche da campaña -das primeiras Eleccións Xerais- en Compostela no -vello- pavillón de Sar [Carballo era candidato do BN-PG ao Senado pola circunscrición de Ourense e foi un dos últimos en intervir, denantes de entoar o Himno Galego e a consigna "¡Viva Galiza ceibe, poder popular!"]. Naquela altura Francisco Carballo tiña 52 anos. Outrosí aparecen no vídeo anacos do libro de Conversas (co material filmado) e fotos abondo significativas do seu percorrido vital. Da crónica que apareceu no semanario ANT recuperamos:

“Un ronsel de persoas chegadas de todo o país felicitaron a Francisco Carballo na xornada de homenaxe que viviu en Marín, o 22 de outubro de 2005. Un acto na biblioteca foi o preludio da cea-mitin coa que concluíu a xornada. Un emocionado Carballo púxose a disposición, "para calquer traballo no que me poidades necesitar". Ás seis da tarde xa comezou a xuntarse a xente á porta da Biblioteca de Marín. Co seu pasiño obrigadamente curto, Xosé Chao Rego foi un dos tempraneiros, e despois, sobre a marcha, convidado a deixar testemuña da súa amizade con Carballo. A lista das case duascentas persoas que desbordaron o local, seguiu atentamente o percorrido que fixeron os convidados a falar no acto de diferentes aspectos da personalidade e as múltiples actividades de Francisco Carballo.

Rubén Aramburu, párroco de Santo Tomé de Piñeiro en Marín, foi o animador de toda a xornada, aberta por Santiago Prol cun sentido percorrido biográfico, traendo a mensaxe dos viciños de Maceda a esta homenaxe "ao noso Fillo máis sobranceiro", tamén estaban presentes o ex-alcalde de Maceda e director xeral de Acción Social, Bieito Seara e a concelleira de cultura Rosa Carrera. Santiago Prol adiantou as múltiples facetas que se habían abordar, "Francisco Carballo fixo o reencontro con Galiza -dende Vigo- cunha inmersión global na sociedade: no sindicalismo docente (UTEG), no eido político (Bloque), no xornalismo (ANT), na edición (Promocións Culturais Galegas), no asociacionismo cultural (Cultural de Vigo), na investigación (colección Historia de Galiza, Escola de historiadores) na relixión (Irimia, Encrucillada,... )".

Engracia Vidal e Vitorino Pérez Prieto deron o retrato do entendemento do compromiso cristián de Carballo. Fixérono tomando as propias afirmacións de Carballo, ben nas súas memorias privadas ou no libro Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002)...”  Paco Rodríguez, Anselmo López Carreira e María do Pilar García Negro tamén fixeron un percorrido sobre fasquías políticas, históricas e xudiciais de Francisco Carballo. 

N.B.- Eis o enlace ao vídeo de Xan Carballa, que mesmo está pendurado na arañeira en Terra e Tempo TV e que se proxectou ao remate da cea, na que foi acompañado por unhas 200 persoas de ben do noso País:


Ver vídeo

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: