Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

IRAQ, NACIÓN-ESTADO

No núm. 1.075 d´ANT (27 de marzo de 2003) inseriu Francisco Carballo outra certeira columna. Desta volta con Iraq e co Trío das Azores (Bush/USA, Blair/RU e Aznar/Spain) e o camareiro Barroso/Portugal, como pano de fondo: “A Mesopotamia -entre o Tigris e o Eufrates- é o gran berce da cultura. Iraq é o seu nome actual. Un país de incríbeis potencialidades económicas no subsolo e de igual incríbel patrimonio histórico. Un albo de calquera turista: unha atracción humana. Mais agora é vítima da conquista do capitalismo máis feixista. Bush, Aznar, Blair, tres representantes do histerismo neoliberal, acosan á Mesopotamia caldea, cristiá, islámica. Unha nación a crear polo partido “Al Baáz”, laico, socialista. Tíñao moi difícil o Baáz na construción dunha nación. En Siria e no Iraq este Baáz, ao sentirse acosado, islamiza; perde o seu horizonte democrático e laico, e deriva en autoritario e fundamentalista. Para colmo, Saddam Hussein impuxo unha estratexia de colisión con Irán e co Kuwait que destruía os plans de EEUU e do Reino Unido sobre o Medio Oriente. Frustrado o intento nacionalista, non aparece no horizonte unha solución fácil para Iraq.

Tampouco é convincente o intento nacionalizador de Turquía, Exipto, Tunicia, Arxelia e Siria, cuxos resultados son imprevisíbeis. Até hoxe non hai país de maioría islámica onde exista un “nacionalismo cívico, pluralista e democrático” (...). A política dos EEUU só beneficia a Israel. Pretende reducir a comparsa os estados petroleiros do Medio Oriente. Todo un “furor bélico do imperio” que nos fala da perda de sentido dos grupos de poder americano. Deséxolle sorte ao Iraq: que se constrúa como nación moderna nun estado federal, pois que, ao igual que Siria, Turquía, etc, repousa en varias entidades nacionalitarias. Que se libre da ameazante opresión angloamericana. Un Iraq laico e democrático, onde o substrato cultural, a convivencia das relixións e de nacións, contribúan ao desenvolvemento, acaden éxito e apareza un “Novo Crecente fértil” ¿Un soño ou unha esperanza? Se as potencias colonialistas seguen a interromper o desenvolvemento dos países, en África, Próximo Oriente, etc, o futuro inmediato é impredicíbel. Se estas respectan a liberdade dos pobos, cabe confiar nas persoas e nos colectivos, cada un segundo o seu ritmo e vontade, no camiño dun futuro de paz e tolerancia internacional”.  

N.B.- As imaxes tirámolas de www.creenciasyculturas.blogspot.com, de www.donde-esta.org e a terceira -cun dos moitos atentados que se suceden a cotío en Bagdag- de www.lavanguardia.com. A realidade de hogano de Iraq foi a moito pior dende aquela altura de 2003, malia as arelas positivistas que Francisco Carballo imprentaba para "o berce da cultura", para o "Novo Crecente fértil".

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: