Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

A GALIZA OFICIAL E FRANCISCO CARBALLO

Co gallo da homenaxe que lle fixemos a Francisco Carballo na súa terra de orixe, o sábado, 4 de agosto do 2000, entre outras iniciativas que deixaremos para outras achegas, o investigador Santiago Prol [mantedor desta bitácora] imprentou no semanario ANT o día anterior (3/VIII/00), un texto exemplarizante que logo lería ao remate da cea homenaxe no Castelo de Maceda (no que vivira Afonso X o Sabio cando tiña 11 anos de idade e do que saíu João da Nova, o navegante galego máis relevante do século XVI)):

“A Galiza oficial ningunea a Francisco Carballo. Non lle concede medallas ao coautor de Castelao contra a manipulación. A Universidade oficial apenas recoñece a Francisco Carballo. Non nomea doutor honoris causa a quen impulsa unha historiografía autenticamente nosa e promove toda unha escola de historiadores. A Igrexa oficial omite a Francisco Carballo. Ignora con teimosía a un dos seus máis prestixiosos fillos e especialistas. A Literatura oficial non considera canónico a Francisco Carballo. Non inclúe nas súas escolmas ningún dos seus ensaios históricos ou teolóxicos. O Xornalismo oficial non lle concede premios a Francisco Carballo. Sabe que non se vende aos poderes de turno.

Amósase Francisco Carballo incómodo para os folklorizantes: asina manifestos e adhesións xunto con outros intelectuais. Publica ensaios moi comprometidos co Noso País. Reescribe a Historia oficial que nos contaron. Enxerta certeiros artigos e lúcidas columnas no semanario A Nosa Terra. Non claudica. Faino con discreción e  cunha dignidade exemplar. E sempre, sempre dende a mesma trincheira: a dos bos e xenerosos”. 


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: