Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

BENEDICTO / VOCES CEIBES


Coa nova do fatal desenlace de Benedicto (4/VI/2018), exhumamos a columna que Francisco Carballo lle dedicou a Voces Ceibes (ANT, 28/IX/2006), na que incide que aos que máis escoitou foron Miro Casabella, Bibiano e Benedicto [en Vigo] e a Suso Vaamonde [por todo o País]. A Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda trouxera á nosa vila, en Nadal do 1975, a Benedicto, Bibiano e Cao. Outrosí a Suso Vaamonde. Francisco Carballo estaba alí. Eis a columna: “Voces Ceibes iniciou espectacularmente a súa breve xeira na Facultade de Medicina de Santiago, 1968. Todos temos nostalxia daquel instante, dos cantautores Vicente Araguas, X. González, Guillermo Rojo, etc, das letras de Lois Diéguez, Celso Emilio Ferreiro, etc. Aos que máis ouvín no Vigo dos anos 70 foron Miro Casabella, Bibiano e Benedicto. Con quen máis me encontrei por Galiza adiante foi con Suso Vaamonde, xograr con guitarra ao lombo e letrista de Manuel María.

Voces Ceibes foi o vento refrescante que até puido entrar nos “seminarios galegos” como testemuña Xerardo Moscoso. De 1965 a 1975 estes centros atravesaron o “mar vermello” cara o deserto dunha nova configuración. Uns lograron transformacións lentas e firmes; outros foron presionados, cambiaron de domicilio ou pecharon. A xeira fecunda de Voces Ceibes coincidiu cronoloxicamente coa dos intentos de galeguización, apertura e saída ao pairo dos seminarios. Xogamos unha aventura de ilustración e de inculturación (...). Aquel intre de creatividade baixo o tellado de chumbo do nacionalcatolicismo está enviar sementes a todo o País. E así todos os sectores da cultura. Voces Ceibes inspira e roe; é unha aguillada que acompañar”.  

N.B.- A primeira imaxe -con Benedicto actuando en directo- tirámola de www.lavozdegalicia.es. A segunda é o cartaz que deseñou Raimundo Patiño para o acto de Voces Ceibes en Nadal do 68, mesmo presentado por Manuel María (www.museoreinasofia.es). Dende a bitácora Amigos de Francisco Carballo arelamos lle sexa leve a terra a Benedicto. 

Mesmo inserimos un par de enlaces de "youtube" como homenaxe de lembranza. O primeiro é á cantiga "No Vietnam" (1968), con letra de Lois Diéguez, que pertencía ao seu "single" iniciático, no que incluía outros tres temas. Foi o primeiro disco que nós escoitamos del en Maceda naquela altura. Eis os enlaces:


á cantiga "Vietnam"

O segundo enlace corresponde ao seu LP  "Pola Unión" de 1977, o traballo máis aqueloutrado deste cantautor, que nos deixou con 71 anos de idade, logo dunha delongada enfermidade dexenerativa [Huntington]. Benedicto foi o artífice da actuación do Zeca Afonso no Burgo das Nacións en Compostela no 72, cantando por primeira vez -e a dúo- o "Grandola vila morena" que levaría a Portugal -dous anos despois- á singular  Revolución dos Cravos. Eis o disco completo do 77 deste pioneiro da canción protesta en Galiza:

Pola Unión

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: