Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

ISTAMBUL

A primeira vez que fomos a Istambul -a finais dos anos 80 do século pasado- sobordaba os 8 millóns de habitantes. Regresamos vinte anos despois e xa subía dos 15 millóns [deslocalización de moitas empresas do 1º mundo por mor da man de obra barata]. Con motivo da posíbel, adiada e sempre polémica entrada de Turquía na Unión Europea (UE) -cunha poboación duns 80 millóns de cidadáns e ultimamente abondo distanciada pola enguedellada xeoestratexia de hogano-, Francisco Carballo inseriu no núm. 1.156 do semanario ANT (23/XII/2004), unha columna na liña das dúas achegas anteriores desta bitácora:

“No imaxinario ibérico Istambul é o inimigo achegado nos cons do Exeo; é o aviso a navegantes. Máis pasaron séculos e fixeron de tal inimigo un cadáver a enterrar. A imaxinación perverte. Istambul garda memoria de Constantino, de Solimán, de Atatürk. É a ponte entre Europa e Asia. A Turquía de Kemal Atatürk leva dende o 1963 a petar nas portas da Comunidade Europea. Esa porta entreabriuse para darlle a man a Tayyip Erdogan, dirixente do AKP, un partido islámico que media entre a sociedade turca e o Estado kemalita laico (...).

De Turquía fuxiron case todos os cristiáns durante o século XIX e o XX. Fuxiron por perseguidos, porque foron obxecto de xenocidios, por exemplo no 1894 e no 1915, nos que os católicos armenios quedaron reducidos á metade. Turquía é, con Arabia Saudita e Xordania, o país máis pechado á pluralidade relixiosa. Mais nese tal país Atatürk optou e logrou un Estado laico. Un orixinal paradoxo fai de Turquía un país de posibilidades laicas nunha sociedade de máis do 99% islámica.

Abríuselle a porta da UE por presións de xeopolítica. O multilateralismo é inevitábel. Turquía limita cos países do Próximo e do Medio Oriente donos do petróleo. Países de predominio árabe, maioría islámica, de acougo e desacougo cos turcos. Valor xeopolítico indubidábel, sociedade tribal en parte, de economía arcaica, de pasado [e presente] militarista e incómodo cos veciños de Europa e de Asia. Fronte a unha xeopolítica que se impón, hai factores de toda índole en contra (...). A postulación a entrar na UE de Turquía expresa ao máximo as contradicións entre a sociedade e o Estado”. 

N.B.- As imáxes tirámolas de www.viajejet.com, www.erasmusu.com, www.casaturca.org e de www.wikipedia.org. Na primeira aparece a ponte que une Europa con Asia en Istambul, co Estreito do Bósforo polo medio. A segunda semella unha estampa turística da parte histórica desta megacidade. A terceira é un mapa da actual Turquía cos países limítrofes. Na última podemos ollar os exteriores de Santa Sofía [icona de Constantinopla, antano Bizancio e hogano Istambul], hoxe trocada nun espazo museístico abondo interesante. Mustafa Kemal Atatürk (1881-1938) foi o fundador e primeiro presidente da República de Turquía en 1923, coa teima dun estado moderno e laico. Para achegármonos ao xenocidio armenio -por parte do imperio otomano-, estreouse en 2017 "A Promesa", unha película que nos aproxima a un dos grandes -e cíclicos- problemas da humanidade.

Ver o trailer do filme -e crítica contextualizada- en RTVE-2


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: