Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

JOÃO DA NOVA, O NAVEGANTE DE MACEDA

Durante cinco intensos anos mergullámonos nunha das máis apaixonantes incursións da nosa vida de investigador. Cando tiñamos o mecanoscrito orixinal rematado, pasámosllo Francisco Carballo para que nos aconsellase. Non só lle gorentou, senón que fixo a contraportada do que logo sería o pioneiro libro “João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal”, que tivo a ben editar a Deputación de Ourense, mesmo co bo facer do -naquela altura- alcalde de Maceda, Manuel Rodríguez Carballo, que tamén sufragou a nosa exposición permanente sobre o navegante. Outrosí Francisco Carballo imprentou unha clarificadora columna cando o volume (Prol: 2002) saía á rúa, no número 1.035 d´ANT [23/05/2002] e que mesmo coincidía co 500 cabodano da descuberta de Santa Helena por parte de João da Nova. Eis o vindicativo e loábel texto do historiador e ilustrado de Maceda:

“O 21 de maio hai festa de descubrimento en Santa Helena. Fora descuberto este paradisíaco enclave por João da Nova á volta da súa primeira viaxe á India, 1502. João da Nova é un dos exemplos da perda de memoria de nós os galegos, sendo un dos catro máis importantes navegantes das descubertas lusas do XV-XVI con Vasco da Gama, Cabral e Almeida. Dirixiu a III expedición no 1501 con froitos considerábeis: descubre a illa Ascensión, dobra o Cabo de Boa Esperanza e arriba en Juan de Nova Island. Tivo o honor de fixar un “padrão” como primeiro europeo na illa de Ceilán [Sri Lanka]. Recorreu o Malabar indio, cargou gaños en abundancia e regresou a Lisboa. Nesa volta descubriu Santa Helena. Participou nunha segunda viaxe e permaneceu en Oriente. Foi decisiva a súa actuación na Batalla de Diu, 1509, coa nao Frol de la Mar, que deu a Portugal unha efémera hexemonía no Índico. Faleceu na India naquel 1509.

Datos estes que non constan nin nas historias hispanas, nin sequera nas de Galiza. Pero máis: João da Nova era da familia dos Nóvoa de Maceda (Ourense); un dos numerosos nobres que abandonaron Galiza ante a conquista dos Reis Católicos. No 1480 xa está camiño de Lisboa. É alcaide da fortaleza; xoga un papel político cos reis João II e con don Manuel. Focar o momento histórico da invasión dos Reis Católicos, da fuxida de nobres a Portugal uns, outros á conquista de Granada, é rescatar un capítulo necesario para comprender o pasado aínda presente na devaluación de tantos aspectos de Galiza. Un historiador novo, experto, compenetrado coa memoria do País e da súa vila natal, Santiago Prol, elaborou unha biografía orixinal en todos os aspectos; unha biografía de João da Nova: fascinio das navegacións; sorpresa do descoñecido, ilusión dos protagonistas, deseños de naos e caravelas, unha novidade historiográfica a saír do prelo axiña”.

N.B.- A primeira imaxe é un selo (de coleccionista) emitido dende a demandadísima oficina de correos da illa Santa Helena, no Atlántico Austral, co gallo do quinto centenario da súa descuberta por parte do macedán João da Nova, o 21 de maio de 1502. A segunda e terceira imaxes amosan portada e contraportada do libro "João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal (Prol: 2002, Deputación de Ourense) e a cuarta é do noso libro "Nobres vencellados ao Castelo de Maceda" (Prol: 2009, Difusora edicións), no que lle dedicamos o capítulo "João da Nova, o galego máis relevante do século XVI" . Engadir que hogano compartimos unha interesante bitácora -en tándem coa axuda técnica e solidaria do amigo Juan José Pérez Ramos que sempre exerce de macedán- na que imos pendurando paseniñamente boa parte do universo vencellado arredor do navegante João da Nova, orixinario da casa nobiliaria de  Maceda (bispado de Ourense): http://www.blogoteca.com/joaodanova/

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: