Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

OS PAPAS DA SÚA VIDA (7b)

A Teoloxía da Liberación saíu nas Conversas varias veces. Dedicarémoslle algunhas achegas máis adiante. Porén, ao falar de Xoán Paulo II focalizamos o tema cunha imaxe que deu a volta ao mundo por mor da súa visita a Nicaragua [“...nicaragüita, la flor más linda de mi querer”, que diría -e cantaría entrañábelmente- Carlos Mejía Godoy e os de Palacagüina na xeira da Revolución Sandinista (1979-90)]. Formulamos nós: “Xoán Paulo II non ve con bos ollos a Teoloxía da Liberación. Acusou inicialmente ao movemento de revolucionario. A Leonardo Boff ameazouno para que estivese calado. Iconograficamente hai un intre histórico relevante de 1983, cando chega Wojtyla ao aeroporto de Managua (cos sandinistas no poder), Ernesto Cardenal, que era ministro de Cultura, axeónllase. O Papa comínao e dille que ten unha débeda coa Igrexa”.

Carballo respondeu con moito acougo: “Hai dúas varas de medir. Unha para un laico que pensa que a situación é mala. Sublévase e a Igrexa non di nada. Outra para un clérigo que fai o mesmo. A este aplícanlle o Dereito Canónico dicindo: vostede non se involucre. O Papa utilizouno en Nicaragua. Non lle di que os cristiáns de Nicaragua non participen na loita sandinista; dille que el [Ernesto Cardenal] non debe ser ministro. O Papa, nese caso, fai un xesto de lexislación canónica moi discutíbel e, para min, negativo. Non invalida neste caso a Teoloxía da Liberación. Está xulgando un comportamento privado que considera que non está ben, entende que Ernesto Cardenal debería seguir á fronte da comunidade dedicada á contemplación e ao traballo comunitario en Solentiname (no Lago Nicaragua). Foi unha corrección canónica. Este Papa púxolle moitos puntos sobre os íes á Teoloxía da Liberación, pero non se pode dicir que a condenase explicitamente, aínda que opina que se introducía nela demasiado pensamento marxista”.  

N.B.- O primeiro documento gráfico tirámolo de www.estrelladenicaragua.net no que podemos ollar ao papa polaco cominando ao poeta e -naquela altura- ministro de Cultura do goberno de Nicaragua. O segundo retrato localizámolo en www.hablardepoesía.com.ar e a terceira é unha caricatura na que aparece Cardenal con Augusto Cesar Sandino, publicado no voceiro sandinista en maio de 1977, cando aínda non acadaran o poder revolucionario.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: