Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

OS PAPAS DA SÚA VIDA (7a)

Fixemos as Conversas na primavera e parte do verán de 2001, aínda que se publicaron ao ano seguinte. Naquela altura Xoán Paulo II xa levaba 23 anos exercendo como papa e non gozaba de boa saúde. Popularmente coñecido co nome secular, Karol Wojtyla (Wadowice, Polonia, 1920 – Cidade do Vaticano, 2005), estivo 27 anos no pontificado [dende outubro de 1978 até abril de 2005]. Ao longo das Conversas saíu o seu nome varias veces. Imos aproximarnos á súa figura en dúas achegas. Preguntamos nós: “Un dos papas máis lonxevos malia o atentado sufrido en 1981, é Xoán Paulo II. Amósase como un dos pontífices máis prolíficos e dos que maior fidelidade mantivo á tradición doutrinaria da Igrexa, ¿non si?”

Francisco Carballo contestou: “Non ten a pátina histórica dos papas italianos. Curtido na familia e país polacos, nas guerras e inimizades culturais entre pobos, Xoán Paulo II puido ser unha paréntese orixinal no goberno eclesiástico; intentouno na visita ás parroquias de Roma e no contacto persoal. Segue a liña de Paulo VI na diplomacia e no ecumenismo pero sen a sutileza daquel, con espectáculo e o apoio de grandes finanzas (Fundación Ampere, etc.); paralizou as reformas e ten sumida no marasmo á Curia e a dioceses enteiras.

Temo que non faga o xesto xeneroso e desmitificador de renunciar ao cargo por razóns de saúde. Se a norma para os bispos é presentar a dimisión aos 75 anos, o Papa ten ese cargo porque é bispo de Roma. ¿por que non cumprir coa norma de todo bispo? O caso máis famoso de dimisión foi o de Celestino V (séc. XIII). Substituíuno Bonifacio VIII. Dante Alighieri pon ao primeiro no Ceo e ao segundo no Inferno”. [Engadir que hogano temos outro caso de dimisión por problemas de saúde no seu substituto, Benedicto XVI].  

N.B.- A primeira imaxe tirámola de www.catholic.net. A segunda, de cando sufriu o (enigmático) atentado por parte do turco Ali Agca na Praza de San Pedro (13/V/1981), é de www.ruizhealytimes.com. A terceira (na que xa estaba moi deteriodado de saúde física e mental), localizámola en www.hoy.es. Engadir que Ali Agca foi condenado a cadea perpetua. O papa polaco entrevistouse con el no cárcere, mesmo mediou para que lle condonaran a pena e o indultasen. En 2000 cumpriuse esa arela por parte do presidente da República italiana e Ali Agca foise cara Turquía sen aclarar quen estaba, ademais del, detrás do atentado ao máximo responsábel da Igrexa católica no mundo.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: