Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

OS PAPAS DA SÚA VIDA (1)

Co pretexto dos cinco anos do papado de Francisco (13/03/2013), imos meterlle o dente aos papas que Francisco Carballo coñeceu ao longo da súa vida. Cando lle fixemos a penúltima visita ao "seu exilio case forzoso" en terras de Salamanca, o día de reflexión das Eleccións Europeas, o sábado, 24 de maio de 2014, entre os moitos temas que tocamos naquela xornada inesquecíbel, falamos do novo papa de Roma, o arxentino Jorge Mario Bergoglio (Buenos Aires, 17 de decembro de 1936), que xa soara para o cargo na anterior elección. Francisco Carballo estaba relativamente ilusionado coa escolla, cos novos xestos e  co estilo próximo ao comunicar a súa mensaxe. Porén, dicíanos [ao alcalde de Maceda, Xabier Oviedo, a Bieito Seara, a Celso Sánchez e a Santiago Prol] que non ía telo doado, pois a Igrexa oficial era a de sempre e o Vaticano II, malia os esforzos do seu promotor Xoán XXIII e continuador Paulo VI, ao remate quedara no que quedara...

O presbítero ilustrado de Maceda apenas tivo tempo para ollar a traxectoria do papa arxentino [naquela altura só pasaran 14 meses dende a súa elección]. Estamos a falar das súas propostas no diálogo entre relixións, o achegamento aos máis desprotexidos [mesmo predicando co exemplo e non coa suntuosidade do antecesor], o seu posicionamento a respeito do medio ambiente, da pedofilia entre os membros da Igrexa, dos abusos en todas as frontes, da condición da muller e tamén dos homosexuais: “¿Quen son eu para xulgar a un gay se busca a Deus e ten boa vontade?”. Este papa mesmo emprega as redes sociais con asiduidade. A súa conta de Twitter sube dos 16 millóns de seguidores. Foi portada da revista Rolling Stone. Ao igual que Francisco Carballo, ve compatíbel o Big Bang coa Creación, que mesmo se complementarían... Tamén apareceu como candidato ao Premio Nobel da Paz. Francisco Carballo finaría ao empardecer novembro daquel 2014, así só puido ollar os primeiros 20 meses de mandato do papa arxentino, o xefe de estado da Cidade do Vaticano e unha das persoas máis influíntes do noso Planeta.

N.B.- A primeira imaxe está tirada da revista Rolling Stone [13/02/2014], a segunda fíxoa Santiago Prol nos xardíns do enorme edificio que teñen os PP Paúles en Santa Marta de Tormes en Salamanca [24/05/2014] e a terceira collémola da wikipedia. Como desta volta empezamos polo último papa de Roma que el puido ollar en vida, en próximas achegas iremos cronoloxicamente, mesmo con aproximacións aos que el coñeceu persoalmente en Roma cando era o reitor do Teologado dos PP Paúles en Salamanca e unha das máximas autoridades desa congregación en todo España. Beizón!

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: