Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

PACEM IN TERRIS

No libro de Conversas (ANT, 2002), nas páxinas 84-88, preguntámoslle polos papas da súa vida, aos que nos achegaremos en datas próximas. Hoxe imos deternos -mesmo por mor do potencial incremento dunha hipotética conflagración nuclear a escala global-  na encíclica Pacem in Terris, a máis salientábel da Igrexa católica dende 1800, en verbas súas. No número 1.090 do semanario ANT (24/04/2003), Francisco Carballo inseriu unha lúcida columna que resiste moi ben o paso do tempo: 

 

“O 11 de abril de 1963, firmaba Xoán XXIII a súa carta encíclica Pacem in Terris, o documento papal máis importante da época contemporánea. Documento luminoso que serviu de base á constitución Gaudium et Spes do Vaticano II e que hoxe seguimos a ollar con ledicia. ¿Por que o máis importante? Porque centra na paz o eixo da sociedade. A paz mundial é imprescindíbel para o desenvolvemento humano e para a liberación dos maltratados. Segue a dicir Xoán XXIII: “Na nosa época, que se gloria de posuír a enerxía atómica, é absurdo defender que a guerra sexa apta para resarcirse de dereitos violados”. Porque afirma como fundamento da sociedade á persoa, cos seus dereitos e deberes: “Todo home é persoa, isto é, natureza dotada de intelixencia e libre albedrío. Polo tanto o home ten por si mesmo dereitos e deberes, que dimanan inmediatamente e ao mesmo tempo da súa propia natureza. Son universais e inviolábeis”.

Engade as características máis significativas do mundo actual: as reivindicacións económicas e políticas dos traballadores; a presenza da muller na vida pública e a emancipación dos pobos: “Non hai comunidade nacional que queira estar baixo o dominio doutra”. A Pacem in Terris distingue entre o erro e quen o profesa, entre as ideoloxías e as correntes históricas: “Porque unha doutrina, cando ten sido elaborada e definida, xa non cambia. Ao contrario, as correntes de carácter económico e social, cultural ou político, aínda que teñan orixe en tales teorías, ao desenvolverse no medio de condicións mudábeis, están suxeitas por forza a unha continua mudanza”. Compre logo estar atentos aos “signos dos tempos”. Saber ollar os horizontes, as aspiracións humanas. Xoán XXIII, na Pacem in Terris, reivindicou para os católicos os avances da conciencia universal v.g. a declaración dos dereitos do home e cidadán da Revolución Francesa [liberdade, igualdade e fraternidade], só vista negativamente polo integrismo. É unha carta encíclica que Xoán XXIII emitiu para todos os humanos, para un mundo en guerra fría, nun xeo a disolver coa quentura da paz”. 

N.B.- Ademais dunha portada de Pacem in Terris, quixemos inserir intencionadamente imaxes de Xoán XXIII con Quiroga Palacios, o Cardeal de Galicia, que tivera a ben nacer en Maceda no ano 1900. Aos dous coñeceunos e tratounos Francisco Carballo.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: