Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

AS "OUTRAS FOTOS" DAS CONVERSAS (ANT, 2002)

Denantes de saír publicado o libro das Conversas (ANT, 2002), estivemos traballando na conformación do mesmo toda a primavera e parte do verán de 2001. Acordamos unha conversa devagariño aos sábados pola mañá. Paseniñamente fomos artellando un libro de referencia, que mesmo conforma transversalmente a traxectoria de Francisco Carballo. Cando lle puxemos o punto final, fomos comer os tres a un restaurante de Marín, mesmo para falar -xa informalmente- de case todo até empardecer.

Xan dixéralle a Carballo -a semana anterior- que puxese traxe e garabata para unha sesión de fotos. Delas sairía a portada do libro. Aquel sábado do verán de 2001, Carballo tróuxonos o seu álbum persoal de fotos para que Xan reproducise as imaxes que considerase. Un feixe aqueloutrado delas aparecería logo no libro. Na primeira ilustración desta achega aparecen os dous nesa tarefa.

Logo saímos ao exterior, no complexo do Colexio San Narciso, para facer a primeira parte da reportaxe fotográfica. Na segunda ilustración aparece Carballo sentado posando. Na terceira está Xan tirándolle fotos. Esta é unha instantánea abondo singular, xa que logo, como temos escrito na bitácora, Xan Carballa sempre está detrás da cámara e non aparece nas fotos vencelladas con Francisco Carballo. ¡Eis a excepcionalidade!

Na última podemos ollar na mesa, ademais do café cortado, a gravadora (de cassettes), o mancontro (de 2001), o pilot azul, o lapis do número 2, os fluorescentes amarelos... Santiago Prol está entregándolle a Carballo un libro e un CD. Case sempre lle levaban “mercancía” vencellada con intereses comúns en clave nosa. O fotoxornalismo semella imprescindíbel na realidade de hogano. Os documentos gráficos que inserimos nesta bitácora pretenden fornecer dende todas as frontes a súa biografía. ¡Beizón!

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: