Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

CARTA AO SEÑOR FUTURO

A comezos de 2008 Francisco Carballo imprentou no semanario ANT unha columna con ese título. Sabíamos da súa querenza polos escritores uruguaios Eduardo Galeano e Mario Benedetti. Nós tivemos a fortuna de escoitalos -ao igual que Carballo- eiquí en Compostela máis dunha vez: “Non quero deixar de sumarme a ese agasallo en galego de Eduardo Galeano (Laiovento, 2008), unha escolma longa e trepidante de artigos deste avogado e xornalista para nós (...). De Galeano teño sempre á man Las venas abiertas de América  Latina (1971). Mil veces a completar coas veas abertas de Galiza. Esta patria que non se significou na colonización e si na inmigración a todo aquel continente. As nosas veas foron abertas eiquí e aló.

Galeano é un xornalista que peta nas conciencias. Os seus artigos estalan de novo. Fixérao en Compostela, 2006, nunha conferencia sobre os sete pecados capitais. O racismo segue e envurulla pouco entre nós, moito nos “cabezas rapadas” dos nacionalismos estatais. Ten ao machismo como aliado. Entre nós aínda existe autoodio que devora familias e produce bífidos e mercenarios das metrópoles. Son algúns dos que nin foron a Balaídos o 27 de decembro (2007), nin seleccionaron a TVG nese evento, porque de iren, ao mellor curaban.

Galeano numera máis: a represión en escada, o mundicio –o maior magnicidio da historia- , os satelitismos dos mass media, e os “medos” a cambiar. Estes que sempre están a dicir “máis vale o malo coñecido que o bo por coñecer”. Son os “obedientes” que odian, mais se someten por un prato de lentellas. Temos, por envío de Eduardo Galeano, unha doazón que ven dicir: abride os ollos, non teñades medo, desde Montevideo fitan e confían en vós”.  

N.B.- En youtube atopamos un bo feixe de vídeos de Eduardo Galeano lendo anacos da súa vindicativa obra. Decantámonos polo matricial da "Carta ao señor futuro". Na primeira imaxe que penduramos nesta achega, aparece Galeano a carón dun fragmento demoledor de "Las venas abiertas de América Latina". Na segunda unha instantánea do partido de fútbol que evoca Carballo na columna, entre a Selección Galega e Camerún (1-1) que tivemos a fortuna de ver en directo nun Balaídos atestado de galegos de ben e que comezou cun "descarado" e polémico retraso por temas extradeportivos... Na terceira aparecen xuntos Benedetti e Galeano nun acto vindicativo en 1987 (foto: Oscar Bonilla). 

Eis o vídeo

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: