Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

MÉNDEZ FERRÍN E FRANCISCO CARBALLO (1)

Cando artellamos a homenaxe a Francisco Carballo en Maceda, o 4 de agosto de 2000, puxémonos en contacto epistolar con Xosé Luís Méndez Ferrín para invitalo aos actos programados. Mesmo lle suxerimos tivese a ben facer unha evocación nunha das súas columnas semanais no Faro de Vigo. Sempre que lle pedimos algo nesa liña aceptou (Benigno, Gayoso, Carballo, Felos...). ¡Beizón! Aínda que non puido vir a Maceda aquel sábado, imprentou unha sentida columna que imos recuperar en dúas achegas. A relación dos dous viña de lonxe. Ao pouco de chegar Carballo a Vigo, contactou con Ferrín [Cultural e UTEG]. Esa columna, xunto coas demais escritas naquel ano 2000, acadaron o II Premio “Roberto Blanco Torres” de Xornalismo de Opinión. Foran publicadas en formato libro en 2001 pola USC [hogano, mesmo podemos atopar ese volume en google books]. Eis unha senlleira columna para enmarcar:

“Celébrase hoxe na vila de Maceda unha homenaxe a Francisco Carballo, a quen os promotores do acto consideran, con moita razón, o fillo máis sobranceiro vivo do concello de Maceda, limitando eles prudentemente o eloxio ao mundo dos vivos. Este cronista, que tanto soñou de neno coa Serra de San Mamede e coa súa fauna mítica, únese cordialmente á homenaxe. Desde o Castromao estivera outeando ao lonxe os altores do San Mamede, en cuxas neves morrera o Benigno no 37, e mandeille apertas etéreas ao meu amigo Francisco Carballo, da Congregación de San Vicente de Paúl. Congregación nada ao abeiro dos rigores de Trento, que tanta importancia sociolóxica revestira na reacción neocatólica na provincia de Ourense no XIX. Os Paúles señoreaban o Santuario dos Milagres e rexentaban o Seminario Menor e maila capela, simbólica do meirande arcaísmo relixioso, de Santa María a Madre, a carón do pazo episcopal.

Mudaron os tempos e os Paúles decidiron facerse presentes no mundo actual. Tomaron un certo partido polas esquerdas políticas e sociais destacando membros nas súas angueiras de avanzada democrática no mundo. Así apareceu en Vigo unha comunidade de Paúles consagrados ao que eles chamaron sacerdocio obreiro e ao galeguismo de vangarda. Coñecinos eu na década do 1970 a 1980 e sempre lembrarei a sinceridade deses cregos honrados e traballadores, que crían sen dobrez na necesidade de cambiar o mundo tanto desde Galicia somo desde Sudamérica. Desde aquela quedou sempre nun espazo próximo a min, a nós, Francisco Carballo (...)”. 

N.B.- A primeira foto [de Xan Carballa] na primeira Carreira da Lingua, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galegas. Carballo presidía naquela altura a Asociación Cultural de Vigo. A segunda foto -da mesma época- recuperámola de www.literaturagalega.as-pg.gal.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: