Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

100 ACHEGAS NA BITÁCORA

Comezamos esta apaixonante aventura hai pouco máis dun ano (29 de setembro de 2016). Dende aquela fomos incorporando, na bitácora da Asociación Amigos de Francisco Carballo, achegas con diferentes fasquías da súa poliédrica personalidade, até esta que conforma o primeiro cento. A lograda foto de Xan Carballa, que escollemos intencionadamente para subliñar esta nova, tiroulla ao presbítero ilustrado de Maceda o 25 de xullo de 1986, Día da Patria Galega, no posto que daquela tiña instalado A Nosa Terra (ANT) en Compostela [Carballo tiña 61 anos]. Naquela altura aínda non existía o Festigal. O boa parte do camiño estaba por facer. Hoxe mesmo recuamos... Carballo finou sen ver cumprida a súa arela derradeira. No libro de Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) díxonos, na penúltima pregunta, que "sería unha morte marabillosa ver a Patria liberada e gobernada por persoas dende unha esquerda real, na que a igualdade fose o primeiro obxectivo do goberno". No ramo da conversa, que tamén aparece na contraportada do libro, quixo deixar imprentado, a xeito de epitafio: "Son galego de nación; cristián por convicción; rezo: "Xesús, marana ta; vén, Señor". Amo a miña Patria, Galiza: o mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e Blanco Amor; a liberdade da Estirpe que di Méndez Ferrín; a esperanza dun pobo enaltecido por Rosalía e Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare (...)". En 2025 cumpriranse 100 anos do seu nacemento e máis de dez do seu pasamento. A RAG -naquela altura- mesmo debería ir pensando en dedicarlle o Día das Letras Galegas e facerlle o recoñecemento que a Galiza oficial aínda ten pendente con el. Quedamos emprazados. ¡Longa vida á bitácora e á memoria de Francisco Carballo!


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: