Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (3)

Asadur é un lugar extraordinario para a investigación, cheo de enigmas e claves para entender a súa centralidade. ¿Foi Asadur a capital dos interánmicos? ¿Foi epicentro militar na xeira romana ao abeiro da Vía Nova? ¿Pasou a ser un centro de culto relixioso gobernado polos suevos? Consonte o historiador Rodríguez Colmenero, Asadur representa un poboado romano importantísimo con moitos vestixios: epígrafe, miliario, moedas de ouro, pedras labradas, tellas, antigo convento de monxas, igrexa, relevo prerrománico...

O vencello de Francisco Carballo con este lugar é vizoso: bautizo o 9 de marzo de 1925, primeira escolarización aos cinco anos en 1930, primeira comuñón aos seis anos en 1931, oficiou unha das primeiras misas en 1949, sempre imprentaba nos seus libros que era de Celeirón de Asadur e, o máis salientábel, descanso derradeiro o 13 de decembro de 2014 (incinerado: último acto de rebeldía). Asasur era o señorío relixioso e Maceda o señorío civil. O primeiro esmoreceu e o segundo fagocitouno.  

O epígrafe é un dos documentos máis importantes da época romana e da Vía Nova. Está relacionado coa grandísima explotación mineira do Val do Medo. Foi estudado por moitos especialistas, mesmo do extranxeiro. Colmenero coida que non é unha ara. Que forma parte dun pedestal dunha columna ou o pé dunha estatua. Eis a transcrición do latín: "A república interánmica dedícalle (este monumento) a Quinto Licinio, tabulario [encargado da explotación] que conseguiu contratos xustos e desvelouse con infatigábel traballo e intelixencia". A conclusión para Colmenero é clara: eiquí houbo un castro, foi a capital dos interánmicos e eiquí está Salientibus".

Nunha das paredes de fóra da igrexa hai un importantísimo relevo prerrománico [séc. IX / X] cunha cruz e unha figura no centro. É o vestixio máis evidente que  nos queda do mosteiro das monxas bieitas. Dentro da igrexa de Asadur está, nunha estatua xacente, o bigotudo Pedro Vázquez de Castro, comisario do Santo Oficio [Inquisición] e "señor de soga e coitelo", cunha data: 1656.  Este domingo, 26 de novembro, no camposanto de Asadur, o gaiteiro vasco Jose Cid, fillo do Pepe Cid de Castro de Escuadro, interpretou sentida e virtuosamente o himno do Antigo Reino de Galicia, que tanto lle gustaba a Francisco Carballo. Celso Sánchez depositou as flores e o doutor Luís Alfonso Vázquez, que tivera a Carballo de titor en Vigo un ano, xunto con outros antigos alumnos dos Milagres, contounos que o presbítero ilustrado de Maceda lles levaba ao piso xente moi importante, incluído Méndez Ferrín e que estaban de tertulia con eles boa parte da tarde. Tamén que os invitaba aos actos da Asociación Cultural de Vigo. ¡Todo un luxo para uns estudantes de COU!

N.B.- Na última foto, o mantedor do roteiro (Santiago Prol) procura achegar parte do enigma que amosa o relevo prerrománico; outro documento pétreo abondo salientábel dos vestixios achados no Val do Medo.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: