Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (2)

Desta volta escollemos como segundo lugar do roteiro a Ponte Romana de Baños de Molgas, que a maioría dos historiadores levan ao século II. Durante bastante tempo barallouse a posibilidade de que a mansión Salientibus estivese eiquí. O enxeñeiro de camiños e historiador Manuel Diez Sanjurjo fixo un trazado -pioneiro- da Vía Nova [publicado en 1904]; a Rota Romana número 18 que pasa polo corazón do Val do Medo, mesmo situando esa mansión en Molgas. Da época romana atopáronse nesta vila termal anacos de estatuas, ás de bronce e outros vestixios que demostran que sería o balneario das elites que por estas terras se asentaran no século I. Hoxe o trazado da Vía Nova polo Val do Medo -consonte os especilistas- non pasa por Molgas [sería unha vía secundaria] e a mansión Salientibus ubícana abeirada a Xinzo da Costa (Alvarado/ Rivas e Vega) ou en Asadur (Colmenero). Eis o enigma e o seu atractivo.

Declaradas augas termais de utilidade pública en 1873, consonte Vicente Risco en "Geografía General de Galicia. Provincia de Orense" (1930), hai dous mananciais: a Charca que agroma a 28ºC e a Quente a 49,5ºC. Son augas radioactivas, bicarbonatadosódicas, silicatadas e hipertermais. As accións fisiolóxicas e terapeuticas son -consonte Risco- sedación, artritis, gota e reuma. Dispoñen dun balneario dende o ano 1873, con 29 habitacións e 48 prazas. Na web www.balneariodemolgas.com amplian as indicacións terapéuticas e programas.

Francisco Carballo viña a Baños de Molgas a coller o tren ou a baixarse del na estación de ferrocarril que a nosa xeración lembra con nostalxia. Hogano eiquí áchase o Museo dedicado a Moncho Borrajo, cuns fondos abondo interesantes. A carón da Ponte Romana, o alcalde Xaime Iglesias vindicou ese lugar e o parque abeirado, mesmo para poñelo en valor de cara a un turismo sostíbel e sustentábel. Eloxiou a laboura de Francisco Carballo como historiador e referente e tamén a de Elixio Rivas que tanto leva feito a prol da nosa contorna. O mantedor do acto [Santiago Prol] lembrou unhas verbas de Francisco Carballo do seu primeiro libro, no que dicía que "a comarca de Maceda viviu unida a todos os acontecementos culturais e relixiosos de Galicia", ao que engadiu que só lle falta que o Camiño de Santiago pase por estas terras.

Nas fotos aparece o alcalde de Baños de Molgas coa Ponte Romana  de fondo, vindicando a potencialidade de todo o Val do Medo. Ademais do turismo e as súas diferentes vertentes, e nisto coincidindo con Francisco Carballo, nas posibilidades dunha agricultura e gandeiría extensiva, malia os atrancos das autoriades europeas para o seu óptimo desenvolvemento. Outrosí agradeceu á Asociación Amigos de Francisco Carballo que contasen con el para este roteiro. O agradecemento é noso. Beizón.


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: