Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (1)


Con ese título que tivo a ben imprentar un medio de comunicación (La Región, 27/11/2017), imos reparar -con documentos gráficos- no Roteiro vital e cultural polo Val do Medo, dentro do que quixemos chamar "Os lugares de Francisco Carballo". Arredor de 40 persoas de ben, incluidos os alcaldes de Maceda (Rubén Quintas), de Baños de Molgas (Xaime Iglesias), do fillo predilecto de Maceda (Paco Nóvoa), exalcaldes de Maceda (Bieito Seara e Xabier Oviedo), presbíteros (irmáns Peleteiro), excuras (Antón Gómez), familiares e un bo feixe de amigos, xuntámonos no Santuario dos Milagres do Monte Medo para vindicar a súa memoria; para manter vivo o facho e o legado deste fillo sobranceiro de Maceda, que viñera ao mundo en Celeirón de Asadur en 1925.

Houbo un Medo pagán até o século IX, cunha grandísima explotación mineira abeirada [na xeira dos romanos] e logo un Medo relixioso até os nosos días, cun centro de culto mariano [maiormente dende o século XVIII], que hogano conforma un dos máis concorridos de Galicia. Logo dunha breve explicación xeolóxica, xeográfica, histórica e demográfica por parte do mantedor do roteiro (Santiago Prol), achegámonos até o Carballo da Santa; unha árbore centenaria que mesmo pode sobordar os cincocentos anos e que aparece salientada na web www.patrimoniogalego.net; un carballo cun perímetro na base de 12, 2 metros, cunha altura duns 22 metros e cun estado sanitario aceptábel, no que vexetan silvas e un sanguiño na parte alta do tronco.


Nos Milagres houbo un proxecto inicial dun calvario con 14 capelas  co Vía Crucis, inspirado no do Bom Jesús de Braga (Portugal). Só se erixiron 7 capelas que fomos percorrendo os amigos de Francisco Carballo, nunha mañá outoniza abondo agradábel. A carballeira actual foi iniciativa de don Melitón Rodríguez, avó do outro presbítero ilustrado de Maceda, Manuel Vidal. Os carballos que a conforman teñen uns 150 ou 160 anos a maioría deles (Prol: 2017).


Aínda que no vello santuario houbo unha preceptoría de latinidade e logo un colexio [Francisco Carballo estudou eiquí dende 1936 até 1938, dous anos de seminario menor], no ano 1969 encetouse unha nova etapa cun colexio novo (premiado arquitectonicamente a nivel de Estado). Alí, diante da entrada e do fatídico "paredón", o exalcalde de Maceda e alto cargo da Xunta no goberno Bipartito, Bieito Seara, fixo unha evocación ao primeiro libro de Francisco Carballo ("El Santuario del Monte Medo, 1963), do que tiña un exemplar orixinal; alfaia que tamén fora entregada en 1964 a Carmen Polo de Franco [a muller do xefe de Estado naquela altura], ao Cardeal Quiroga Palacios [orixinario de Maceda], aos ministros Alonso Vega e Fraga Iribarne, ao arcebispo de Braga, aos bispos das dioceses galegas, aos gobernadores civís, aos alcaldes da contorna... Logo o primeiro libro do presbítero ilustrado de Maceda fora todo un éxito de vendas (os PP Paúles non quixeron reeditalo porque Francisco Carballo non facía énfase no milagrismo). Bieito Seara tamén falou dun ambicioso proxecto que tiña a Xunta para este complexo educativo [hoxe pechado]. Tamén o fixo Paco Nóvoa na mesma dirección. A lembranza ao que puido ter sido e non foi o colexio novo, fíxoa Manuel Peleteiro, un dos protagonistas centrais no intento de inculturación do centro de ensino.


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: