Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (7)

 

Rematamos o acertado In memoriam de Antón Gómez: “O día 27 de decembro [2014], o Concello de Maceda organizou unha primeira homenaxe de urxencia que resultou moi emotiva. Todos os oradores subliñaron a fe e o compromiso de Carballo (...). Nunha das visitas que lle fixemos a Salamanca, díxonos que estaba escribindo sobre quen era Xesús para el (...). O que foi e pensaba Carballo está recollido por Santiago Prol e Xan Carballa en Conversas con Francisco Carballo [ANT, 2002). É unha síntese seria e abondo suxerinte para reflexionar, meditar e descubrir o moito que Carballo aportou e deixou para a Igrexa e a sociedade galegas. A súa mensaxe está aí condensada.

A paixón de Carballo pola historia, a capacidade de observación nas saídas a Roma, París, Inglaterra, América Latina, Palestina, etc., a apertura ás ciencias, á lectura dos grandes teólogos e pensadores, o Concilio Vaticano II (unha auténtica revolución para el), a súa capacidade para escoitar e aprender dos que o rodeaban, permitíronlle unha bagaxe teolóxica en constante diálogo co mundo actual (...). Aí están as súas obras como testemuñas: a opción pola inserción no mundo obreiro e estudantil dende as alturas dun Instituto Teolóxico dependente da Universidade Pontificia de Salamanca, a Asociación Cultural de Vigo, A Nosa Terra, os innovadores traballos de Historia de Galicia e da Igrexa galega, Alexandre Bóveda, Sarmiento, Sermos Galiza, Coloquios de Parroquias, Encrucillada, Irimia, o Foro de Curas Galegos Bispo Araúxo, son algúns dos máis importantes tesouros que nos deixou (...).

Lembraremos a Carballo como un mestre polifacético, un cristián comprometido até as últimas consecuencias na transformación da sociedade. Teremos que ter moi en conta a súa teoloxía -ben artellada e fundamentada-, e as maxistrais leccións de Historia de Galiza e da Igrexa galega. Nas dúas foi un gran mestre. Non só nos deixou coñecementos, senón praxe. Grazas, Carballo, pola túa vida, pola túa fe e compromiso, polo teu atrevemento e pola túa maneira de participar e axudar a espertar a participación, teórica e práctica, dos que tivemos a sorte de coñecerte. Non eras dos que impuña os seus criterios. Deixaches moitos discípulos”. 

N.B.- Nas imaxes aparece a portada do libro de Conversas [que se debería reeditar] e o cartaz (e portada do díptico) que se imprentou co gallo da Homenaxe Nacional a Francisco Carballo, que se fixo en Maceda o 27 de decembro de 2014, que foi entrañábel e moi enriquecedora para todos os ponentes, familiares presentes, amigos e público en xeral, que abarrotaba o Multiusos de Maceda.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: