Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

3º ROTEIRO. BARAKALDO (9)

O outro exemplar da revista “De Paúl” [de 1963] que manexamos daquela xeira de Francisco Carballo como rector do colexio San Vicente de Paúl de Barakaldo, comeza con tres editoriais -da súa autoría- sobre a esperanza que ten o home para perfeccionar e construír a Terra consonte a medida e o desexo de Deus, a esperanza teologal que é irmá xemelga da esperanza nas realidades terreais e a esperanza cristiá que non ten nada que ver coa resignación pasiva, xa que logo é virtude xoven e dinámica.

Logo imprentan unha páxina completa na que aparece o reitor Francisco Carballo no Día do Colexio axudándolle aos alumnos nas súas actuacións. Insiren despois un traballo sobre os defectos e as calidades da xuventude actual, outro sobre as bases para unha boa educación, un monográfico sobre San Vicente de Paúl (quen foi, que fixo e a súa pervivencia hoxe). Enxertan tamén varias fotos dos exteriores do colexio e das actividades relixiosas, docentes e lúdicas. Outro artigo sobre a familia e o colexio, sobre María, molde da nosa santidade, sobre a grandeza e beleza da vocación maxisterial, sobre a xuventude da medalla milagrosa. As dúas últimas páxinas levaban publicidade. Salientamos o dunha bebida gasosa: “La Casera es única, sola o con vino, en casa, en el campo, en cualquier momento, beba La Casera” (...).

Outrosí unha relación dos libros máis lidos en 1963 [que el tiña devorado] entre os que estaban “La insolación” de Carmen Laforet, “Sexta galería” de Martín Vigil, “Sobre la esencia “ de Zubiri, “El abogado del diablo” de Morris West, “Equipaje de arena” de Anna Langfus e “Las uvas de la ira” de John Steinbeck. Entre as mellores novelas do século XX, o presbítero ilustrado de Maceda aconsellaba algúns dos  moitos que el lera, mesmo salientando ao novelista, ensaísta e dramaturgo francés Georges Bernanos (1888-1948), do que aconsellaba dous pola temática relixiosa. Eis a relación: “La montaña mágica” de Thomas Mann, “Bajo el sol de Satán” de Bernanos, “La condición humana” de Malraux, “Contrapunto” de Aldoux Huxley, “Ulises” de Joyce, “En busca del tiempo perdido” de Proust, “El poder y la gloria” de Graham Green, “Cada hombre en su noche” de Julien Green, “Doña Bárbara” de Rómulo Gallegos, “La busca” de Pío Baroja, “Diario de un cura rural” de Bernanos, “Bernardino y Apolonio” de Pérez de Ayala...  

Co gallo do 50 aniversario do colexio, ademais do vídeo do post anterior, penduraron en youtube outro -moi dinámico- no que se pode ollar todo o colexio na actualidade, mesmo con música vasca moi aqueloutrada. Coidamos de interese súa visualización.

Ver o vídeo

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: