Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

3º ROTEIRO. BARAKALDO (8)

 

 REVISTA “De Paúl”

Coa xeira de Francisco Carballo como director do novo Colexio de San Vicente de Paúl de Barakaldo, creouse unha revista anual [da que dispoñemos de dous exemplares que nos pasou o presbítero ilustrado de Maceda]. Desta volta imos peneirar un pouco o número 2, correspondente ao ano 1964 e saído do prelo en setembro. Ía dedicado “ao neno, dirixido aos maiores e con un agarimo especial ao P. Francisco Carballo polos seus tres anos de pilotaxe á fronte do Colexio”. Comezaba imprentando os nomes dos alumnos con “Premio ao rendemento escolar” e que ían dende os de Ingreso, os seis cursos de Bacharelato e os de Preuniversitario (despois COU).

Logo inserían artigos de contido relixioso (nomeadamente sobre a fe do neno, do adolescente e do home). Outrosí fotos das actividades lúdicas, deportivas e culturais do centro, referencias aos exalumnos, resumo estatístico das cualificacións globais do curso académico 1963-64, poemas dedicados á nai, contos, premios ao comportamento, cartas dos alumnos. Naquela altura era un colexio masculino. Anos máis tarde irían incorporando alumnas no Curso de Orientación Universitaria (COU).

Co gallo dos 50 anos do novo colexio -xa sen a contaminación do vello-  artellaron un vídeo de case 11 minutos abondo interesante, no que fan un percorrido pola historia do mesmo [Francisco Carballo sae nunha foto no minuto 2:27]. Naquela altura había uns 1.100 alumnos (o colexio chegou até os 1.650 discentes). Fomentaban moito daquela o deporte do baloncesto, mesmo federados e competindo con equipos de moito nivel. Deste centro saíron alumnos que logo serían (e son) persoeiros importantes na vida pública vasca (moitos políticos e deportistas) e mesmo a nivel estatal no mundo da comunicación (léase Carlos Sobera entre outros).

Vídeo do 50 aniversario

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: