Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

13 DE MARZO DE 1937, AOS 80 ANOS (I)

Escrito por Fcarballo 09-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Cúmprense nestas datas 80 anos do pasamento de Benigno Álvarez en Maceda. En 1997, aos 60 anos da súa morte, artellamos os amigos Bieito Seara, Celso Sánchez, Xulio Conde e Santiago Prol, unha homenaxe a Benigno e aos martirizados do 36 na nosa contorna: ofrenda floral, recital poético, acto civil, exposición e mesa redonda. Mesmo convidamos para a mesa redonda a Marcos Valcárcel e a Francisco Carballo, que fixera un introito para un -daquela infructuoso- libro sobre o veterinario de Maceda. Gardamos o mecanoscrito orixinal que nos remesou dende Marín (logo conseguimos imprentalo coa súa sinatura no xornal Faro de Vigo). Titulouno “A homenaxe necesaria”. Recendía erudición, sentimento e concordia a esgalla. Un documento imprescindíbel que imos recuperar en varias achegas: 

“Unha homenaxe a Benigno Álvarez pode e debe ser bisagra dun xiro na convivencia municipal de Maceda. O noso Concello ten unha longa historia: no Antigo Réxime a Xurisdicción de Maceda estendíase dende o Rodicio até a Torre e mesmo se introducía en terreos de Guamil; desde a creación do Municipio no século XIX ocupa a cabeceira dos afluentes do Arnoia e enche a gándara da comarca do San Mamede ao Couso. Antes e agora é terra de gandería e comercio e apuntan gromos industriais. Até 1960, vila e aldeas tiñan as súas contradiccións; nos anos da II República foi a vila a que máis se viu escindida en tendencias relixiosas, civís e políticas. Proba de vitalidade. Benigno Álvarez e a súa familia estaban no ollo do furacán (...)”.

(Foto: propiedade da familia de Antón Gómez. Nese retrato aparece Benigno, arriba o segundo pola dereita, cos seus amigos de Maceda cara o ano 1920. Na segunha imaxe un "collage" sobre os actos de dignificación que mesmo foi inserido nun panel da exposición "A mirada de transparencias cordiais" ).

8 DE MARZO DE 1925 (1)

Escrito por Fcarballo 04-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Cúmprense, nestas datas, 92 anos do nacemento do presbítero ilustrado de Maceda. No libro de Conversas (ANT, 2002), Santiago Prol e Xan Carballa preguntábanlle, no capítulo inicial “Maceda, os anos primeiros”, pola infancia no niño de reiseñores, polas lecturas á luz do candil e pola aldea que se perdeu: “Naciches o 8 de marzo de 1925. Bautizáronte ao día seguinte en Asadur. A casa na que viñeches ao mundo era do avó materno, ¿non si?: –Era, logo foi da miña nai e herdeina eu. Quedou como casa familiar. Era unha casa grande para os parentes da avoa e unha casa normal para os parentes do avó. Os parentes da miña avoa materna, que eran de Couzada, viñan xantar e merendar, porque tiñan unha situación económica difícil. A min iso chocábame moitísimo. Cando fun a Montevideo (Uruguai) nunha visita aos curmáns, eles dicían: ¡a túa casa grande! Eu non tiña conciencia diso. Era unha casa normal de Celeirón, pero tiña esa tradición. A casa do avó era máis potente que a da avoa. 

 

Sempre que escribes do teu lugar, salientas que pertences a Celeirón de Asadur: –Celeirón é un lugar da parroquia de Asadur (Maceda). Había uns campesiños que traballaban terras desa parroquia. Cando veu a miña familia, mercou algunhas terras e fixeron casa en Celeirón. A última, a de máis arriba. Así empezou a medrar o meu lugar. O nomenclátor do século XIX enumeraba casais, aldeas, lugares, pobos, vilas e cidades. Para a parroquia de Asadur había casais (A Parrocha, Amedo...), aldeas e lugares. Celeirón é un lugar. Pertenceu no Antigo Réxime ao señorío do mosteiro de Montederramo” (Conversas / ANT, 2002).    

(Na foto de Xan Carballa aparece Celso Sánchez facendo unha evocación no exitoso 1º Roteiro polos Lugares de Francisco Carballo (21/XI/2015), na súa casa natal en Celeirón de Asadur).

Metáforas (1). Coresma / ANT (6)

Escrito por Fcarballo 01-03-2017 en columnas. Comentarios (0)

No nº 1258 do semanario ANT e con data do 1 de marzo de 2007, insería unha nova achega que mesmo complementaba á anterior: “Os psicólogos, desde Sigmund Freud, andan a escaravellar no psiquismo á caza dun eixo dinámico da conducta humana. Freud acode á líbido. Alfred Adler, ao complexo de inferioridade. Carl Jung, aos arquetipos  e Viktor Frankl, á busca de sentido. No texto dominical que inicia a Coresma hai unha interesante resposta. Xesús, despois do bautismo, retírase ao deserto durante corenta días. É un tempo de estratexia. Os “sinópticos” (Marcos, Mateo e Lucas) recollen nas “tentacións” de Xesús o espírito sapiencial da súa vida. A tres insinuacións responde con tres aporías. Desfaise do engado do poder, da riqueza e da maxia (...).

As respostas de Xesús amosan o sentido pleno que el asume para a súa existencia. Xesús provocou desde o primeiro día a estupefacción; logo o escándalo; despois a conspiración contra a súa vida e a liberación dos maltratados. No deserto coñeceu o silencio. Desde o silencio adquiriu a sabedoría. Un saber moi superior ao da ciencia que daquela estaba no berce. Posuía un corazón de amor que non aguanta discriminacións. Porque rexeitou o poder, era capaz de amar. Cando o centro máis profundo do ser está posuído polo sentido da unidade humana e cósmica, toda opresión é desbotada; toda discriminación é imposíbel. Esa é a gran Coresma cara á Pascua”.  

Metáforas (I). Entroido / ANT (5)

Escrito por Fcarballo 18-02-2017 en columnas. Comentarios (0)

No núm. 1.256 do semanario ANT e con data do 15 de febreiro de 2007, encetaba Francisco Carballo un rexistro diferente nas columnas xornalísticas. Comezaba cunha "metáfora primeira" sobre o Entroido, mesmo evocando a terra de orixe ao pé do Val do Medo e a súa mascara ancestral (o Felo). Esta "metáfora", moi aquelada nestas datas, semella un contrapunto abondo interesante:  

 “As miñas cavilacións de febreiro responden ao ruído das chocas dos Felos de Maceda e á cor lila da Coresma. Un agudo contraste: Entroido fronte á Coresma, lupanda fronte a xaxún, consumo fronte a fame. É o horizonte desde o meu miradoiro. A civilización consumista que nos “consome” produce a constante fuga da realidade. Anda a suprimir a Coresma: que ninguén a expoña. Así non existe (os mass media non a refiren). Fan entrevistas do ramadán: é máis exótico. A Coresma antepuxo o Entroido como un adestramento e un anuncio: cómpre escalar o monte Tabor da Pascua durante 40 días, máis 6 de campamento. Para tal maratón debe preceder un fondo alimentario de resistencia. O Entroido é banquete, baile e carautas. É unha acción teatral de escenas sucesivas. As larpeiradas son as vitaminas. As carrozas son para os langráns. Todo o Entroido galego é un drama a vivir deportivamente.

¿Como perverte o Entroido o consumismo? Suprímelle a fin: impide o ritmo das escenas cara a secuencias aloucadas. ¿Para que se queren as carautas se andamos con elas todo o ano? Porque o consumismo é a civilización da trampa: gasta ti para que amoree eu (o banco). Ti non tes que xaxuar porque non tes nada a escalar; eu acumulo nos “paraísos fiscais” para a túa xubilación. Tal non vas precisar: esquece montes de Tabor, aumenta o azucre.

Lémbrome cando nos levaban aos seminaristas a actos de “expiación” nas capelas nos días de Entroido. Outra maneira fementida de acelerar o desgaste óseo. Que fermoso é o Entroido se é Entroido. Entrada á escalada anual cara ao Tabor” (ANT, 15/02/2007). 

(Fotos: Entroido de 2013 en Celeirón de Asadur, a carón da casa natal do presbítero ilustrado de Maceda. Tirounas Santiago Prol, que ía co alcalde Xabier Oviedo e con Bieito Seara -aparecen os dous de costas na primeira foto-, no enigmático percorrido dos Felos -o Sábado de Entroido- polo cordal da Serra de San Mamede e polos lugares e aldeas abeirados ao Val do Medo).

ESCOLMA DE POESÍA RELIXIOSA / ANT (4)

Escrito por Fcarballo 12-02-2017 en columnas. Comentarios (0)

O 10 de maio de 2007, metíalle o dente a un tema preferente nas súas arelas. Aseveraba que Rosalía de Castro foi, xunto con Cabanillas, Díaz Castro e Rei Romero, os que mellor intentaron a poesía relixiosa: “Non tiñamos antoloxías de poesía relixiosa en galego, agora temos tres: a do Diurnal, a de Vitorino Pérez Prieto e a de Felix Villares. O Diurnal -libro de rezo en galego- foi o primeiro en escoller un feixe de poemas de autores actuais. Libro soporte para orar, que enternece. A Escola poética de Mondoñedo” de Felix Villares estuda desde o século XVIII a hoxe, unha realidade galega de poesía en gran parte relixiosa. A antoloxía “Os ríos pasan cheos de Deus” de Vitorino Pérez recolle unha ampla mostra desde o medievo a hoxe. Como toda escolma ten estrelas e lunares (...).

Houbo un esforzo grande na busca deses poemas. Para min, que os que mellor intentaron poesía relixiosa, amais de Rosalía de Castro, son Ramón Cabanillas, Xosé María Díaz Castro e Faustino Rei Romero. Neles cabe atopar grandes achados. Cabanillas e Rei intentaron, a propósito, poesía relixiosa (...). “Os ríos pasan cheos de Deus” cubre unha urxencia: Cantos acudiamos a un soporte poético na vivencia oracional e de animación cristiá, tiñamos que andar sempre á caza e pesca de poesía galega dispersa. O autor desta escolma dános unha boa axuda: Auga fresca a beber. E, igualmente, fornece de material os crentes que beben na “relixiosidade popular”, devocionista e recitativa. Así as panxoliñas son tenrura, símbolos provisorios para aguante da xeada da vida” (ANT, 10/05/2007). (Foto: cervantesvirtual.com)