Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

3º ROTEIRO. BARAKALDO (7)

Seguimos complementando este roteiro coas Conversas: “Cando caín en Barakaldo a vida era durísima e afectoume moito. Estabamos pegados ás vías do tren cunha sucidade impresionante. Ademais dos catarros, perdín parte da audición. Cando cheguei alí, ao superior tomáballe o pelo todo o mundo. Era unha especie de domine cabra [reminiscencias ao persoeiro da novela satírica e picaresca El Buscón de Quevedo, 1626]. Metíase en todo. Mantiña un autoritarismo tremendo. Todos os curas xogábanlle as cartas; unha especie de xogo de nenos que semellaba unha comedia. Dicía que quen escribise unha carta e non a pasase pola habitación, cando lle viñese a contestación, romperíalla. Cando chegaba o correo os frades abrían as cartas, líanas, cerrábanas e deixábanas na habitación. Despois preguntábanlle ao superior se non chegaran cartas para eles. Púñase todo rubio, negábao e eles dicíanlle que mentía (...).

Cando me nomearon superior e director convertinme nun burócrata. Algúns pensaban que era avogado, pois facía oficios. Como hai moitos inútiles na vida que non saben facer nada, eu pasaba por un xenio. O colexio novo tiña un pavillón para a comunidade. Os rapaces eran case todos fillos dos obreiros das empresas asentadas en Barakaldo, que lles costeaban os estudos. Tiñamos unha organización moi ao día, sen romper as pautas dun franquismo avanzadiño. Entón tiñas éxito perante o bispo porque non eras un integrista, senón que eras aperturista. Tiñas boas relacións co clero  obreirista e progre de Bilbao. En Madrid todo eran parabéns e aquela casa de Barakaldo colleu fama; en virtude daquilo enviáronme a Salamanca (...)”.

(Na primeira foto podemos ollar a Ría de Bilbao -en toda a súa inmensidade-  dende o Bizkaiko Zubía (Ponte Colgante) de Getxo de 1893, totalmente operativo como ponte transbordador de peaxe, logo dun século e cuarto. Na segunda ollamos un lateral do museo de arte contemporáneo Guggenheim Bilbao, inaugurado en 1997 e deseñado por Frank O. Gehry. Na terceira, exteriores do novo estadio de fútbol San Mamés do Athletic, inaugurado en 2013; un dos máis modernos do mundo, que mesmo dispón de pista de atletismo subterránea, un centro de innovación deportiva e outro de medicina deportiva...).


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: