Co pretexto do roteiro de Barakaldo, imos complementar as súas estadías no País Vasco, ademais de coas Lembranzas e as Memorias, co que engadiu no libro de Conversas (ANT, 2002), que tivo a ben facer con Xan Carballa e Santiago Prol: “Ofrecinme para ir ás misións da India. Mesmo me inscribiron para ir estudar a Roma (...). Quedei en Madrid. En 1954 acabei coa tesina en Historia (sobresaínte). Daba clases de matemáticas aos “filosofillos” e as materias que me botaban enriba a chou. Foron anos felices, de forza xuvenil. En 1953 mesmo saín a xornadas de misión a Algemesí (Valencia) e tamén á ría de Bilbao. Esta foi célebre. Dirixín o sector de Santurtzi. Tivemos un final na Gran Vía de Bilbao multitudinario. Seguiron uns días dedicados aos problemas sociais dos que falou a prensa e houbo duras críticas. As misións duraban uns quince días.
Eu era un estudante e o éxito da misión anterior en Algemesí, fixo que pensasen en min para dirixir esta de Bilbao. Púxenme como un pingo. Non levaba roupa apropiada, chovía a esgalla e paseinas canutas. Saíu moi ben pero había cousas que contradicían o máis elemental. Puñan para o rosario da aurora altofalantes nas xanelas. Viña xente botando chispas porque non podían durmir. Suprimín os altavoces. Eramos tres no meu centro: un cóengo bilbaíno que predicaba á antiga usanza, un estremeño máis eu. Nós predicabamos máis moderno. Non largabamos bravatas. Explicabamos os sacramentos, os mandamentos, como se désemos unha clase. Contrastábase unha predicación tremebunda cun ensino catequético. O predicador apocalíptico dicíanos que eramos uns “chicuelos” que non tiñamos idea do que era a Historia Sagrada (...). Foi célebre aquela misión”.
Comentarios
No hay ningún comentario
Añadir un Comentario: