Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

HOMENAXE DO BNG EN MARÍN (2)

(...) "Unha persoa que representa, de maneira radical, o sentido de ideas como ética, compromiso, nacionalismo ou Galiza. Palabras que máis alá da retórica son ferramentas imprescindibeis para o traballo organizativo, para o labor político, para a responsabilidade institucional. Ética e compromiso para defender unha sociedade máis xusta e igualitaria, na que desaparezan os privilexios duns poucos e se poñan por diante os intereses e os dereitos da maioría. Termos necesarios nun tempo coma o actual no que o gran capital e os gobernos que os serven queren condenarnos á precariedade, á intemperie, á miseria. Ética e compromiso tamén como antídotos contra a submisión, a resignación ou do medo, que son as consignas da orde global dominante para gañar a batalla das ideas. Ética e compromiso para denunciar un sistema cruel e corrupto que saquea o público, que destrue o territorio, que emprobrece e dilúe a diversidade, que globaliza a inxustiza, a probreza e a guerra. Ética e compromiso para facerlle fronte á ofensiva contra as liberdades e os dereitos democráticos. Para combater o ataque os dereitos da clase traballadora; a utilización da policía, da xustiza e da política para perseguir con multas, con detencións e coa cadea aos discrepantes, aos que defender na rúa dereitos fundamentais aos que non podemos renunciar.

Nacionalismo e Galiza para facerlle fronte a eses mesmos designios e politicas que nos negan como nación, que coutan o desenvolvemento das nosas capacidades e recursos, e que queren condenarnos á dependencia e á pobreza. Nacionalismo e Galiza para defender a lingua que nos une, a nosa identidade cultural, a nosa historia, o territorio, unha forma xenuina de ser e estar no mundo. Nacionalismo e Galiza, en fin, para crer en nós memos, para actuar con coraxe, con determinación e orgullo, para defender o país e traballar polo seu futuro con todas as forzas. El tamén entendeu que o instrumento para andar ese camiño era o BNG, o espazo de encontro dos anceios de xustiza social e de autogoberno. Francisco Carballo era merecedor desta homenaxe, de todas as homenaxes. Honremos pois a súa memoria traballando para cumprir as ideas polas que el loitou, para facer realidade os seus soños. O deseño dunha Galiza próspera, acolledora e solidaria, un país soberano, igualitario e xusto”. MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES, Marín, 17/01/2015.

(Na primeira foto -pontevedra.bng.gal- aparece Xan Carballa, o alcalde Lores e as outras persoas que interviron no acto en primeiro plano, mesmo coas xentes de ben de Marín, Pontevedra e contorna que estaban presentes e que reflicte o gran poder de convocatoria que tivo aquela sentida homenaxe. Na segunda imaxe aparece -no centro- o retrato dun Francisco Carballo, xa moi "tocado", pero que endexamáis perdeu o seu sorriso contaxioso).

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: