Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

HOMENAXE DO BNG EN MARÍN (1)

Logo da Homenaxe de Galiza a Francisco Carballo celebrada en Maceda en Nadal de 2014, foi adiante o 17 de xaneiro de 2015, coa iniciativa do BNG, outra acesa homenaxe en Marín (Pontevedra), na que imos reparar en varias achegas. Comezamos coa sentida intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amigo -no senso máis profundo-, do presbítero ilustrado de Maceda e que imos diseccionar en dúas partes:

"Estamos eiquí para celebrar unha vida de compromiso, de loita, de xenerosidade, de vitalismo. Unha vida de renuncias, de sacrificios no plano persoal, de entrega absoluta a causas xustas, nobres, que engrandecen a condición humana. En todas as facetas da súa existencia, que foron múltiples e frutíferas, Francisco Carballo entregouse con humildade, con nobreza, con unha humanidade desbordante. Foi un home sinxelo, sobrio, xeneroso. En Pontevedra sabémolo ben, porque disfrutamos do seu saber, do seu talento, das súas ensinanzas e consellos. Lembrámolo nas asembleas, nos debates, nas actividades do Ano Castelao, do Ano Bóveda, en conferencias polas parroquias, espallando o amor a Galiza, o coñecemento da súa historia, a importancia vital do nacionalismo, a confianza no Noso País. Foi un mestre no sentido amplo da palabra. Un ensinante apaixonado, un comunicador eficaz, un transmisor de enerxía e activismo, unha desas persoas que deixa unha profunda pegada, que non se esquece nunca (...).

As fotos, de www.pontevedra.bng.gal, corresponden á intervención do alcalde Lores e, a segunda, aos membros da Quenlla,  Mini e Mero, que tamén foran fundadores de Fuxan os Ventos [Mini actualmente é deputado no Parlamento galego polo BNG]. Achegamos o link da Rumboia, cantiga que gorentaba Francisco Carballo e que mesmo cantaba -e bailaba coralmente- nos encontros e romaxes de cristiáns que arelaban unha inculturación da Igrexa galega: https://www.youtube.com/watch?v=GObspzxSgRU


Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: